Always Sometimes Monsters, unha vida sen control
O noso día a día está cheo de pequenas decisións que afectan tanto a nós mesmos como a aqueles que están ao noso redor. Máis aló das grandes decisións vitais como son os nosos estudos, onde vivir ou con quen pasar o resto dos nosos días; existen pequenas decisións que en ocasións poden ter un impacto maior do que esperamos na nosa vida. De feito, case poderiamos dicir que a nosa vida é un xogo de rol no que nós somos os personaxes principais.
Algo tan sinxelo como aproveitar ese anaco de pizza que leva no refrixerador máis días dos que debería, ou chegar tarde á parada do autobús, poden marcar un antes e un despois ao liberar unha imparábel cadea de acontecementos adversos ou beneficiosos.
Esta sinxela premisa sobre as decisións que tomamos e como estas nos afectan é da que parte o xogo Always Sometimes Monsters, unha pequena peza pero con moito contido que fará as delicias daqueles máis afeccionados ao rol. Amais, esta pequena e primeira creación do estudo Vagabond Dog, cumpre con moito a máxima de “menos é máis”.
Como xogo dun pequeno e novo estudo non vaiamos esperar unha calidade gráfica impresionante ou unhas cinemáticas dignas do próximo Final Fantasy ou Kingdom Hearts. Ao contrario, e por sorte, falamos dun xogo que pode ser executado nun Pentium 4, que só precisa 512 Mb de memoria RAM e que pode ser instalado nun Windows XP. O que a priori sería unha debilidade permite que este xogo poida ser gozado nun maior número de ordenadores.
Unha pequena peza pero con moito contido que fará as delicias daqueles máis afeccionados ao rol.
A historia é clásica, pero grazas á gran cantidade de decisións que podemos tomar as posibilidades de darlle a volta son moitas. Encarnaremos a un escritor fracasado que apenas chega a pagar o aluguer do seu piso e que aínda recorda a súa moza. Un día, recibiremos a invitación á voda da nosa, ou noso, benquerida exmoza. Nese intre comezará unha aventura que nos levará a percorrer o país, sen apenas cartos, para chegar onda ela coa intención de recuperala. Para finalizar a nosa viaxe moitas das decisións que teremos que tomar serán moralmente cuestionábeis, e como mínimo ilegais, pero tamén serán o preciso para sobrevivir nun mundo duro onde a unha vida monótona e sinxela nun apartamento noxento torne nunha auténtica aventura. Dende enfrontarnos a traficantes de droga ou alterar o resultado dunhas eleccións municipais, nós escolleremos coas nosas eleccións tanto o noso futuro como o dos que están ao noso redor.

Os problemas para pagar o aluguer e os caseiros cutres non só están na vida real. | Fonte: devolverdigital.com
Este xogo atoparémolo en plataformas como Steam, onde poderemos probar a súa demo gratuita, ou Humble Bundle, a prezos accesíbeis tendo en conta que podemos xogalo en numerosas ocasións variando as nosas eleccións e tentando ser donos do noso destino, a pesar de que este parece escaparse do noso control. Todo será unha avaliación de custos e beneficios, porque ao final the are always sometimes monsters.
Imaxe de portada: www.vagabonddog.com