Pili (xogadora da S.D. Villestro): “É o mesmo deporte e merecemos as mesmas oportunidades”
Santiago soa a baloncesto e a fútbol sala. A Obradoiro e a Santiago Futsal, os dous equipos que manteñen a capital de Galicia no mapa do deporte estatal de elite. Tamén sona a San Lázaro e ao Compos coa nostalxia presente. E dende hai poucos anos tamén comeza a soar a fútbol feminino grazas a S.D. Villestro.
A S.D. Villestro é un equipo novo, con catro anos de historia, que vén tomar o relevo do Compostela feminino e o Pedras de Santiago, equipos que se viron obrigados a desaparecer pola crise. As santiaguesas compiten na Segunda División do fútbol feminino e polo de pronto ocupan a primeira praza. O seu gran comezo de tempada está dando moito que falar nunha cidade onde ningún equipo logrou a alcanzar a elite. Unha cidade onde creceu a mellor xogadora española da historia e unha das mellores do mundo: Vero Boquete.
Nesta cidade, e neste equipo, xoga ao fútbol Pilar Fernández (Ponteareas, 22 anos) con quen falamos para tentar explicar as claves da S.D. Villestro e as dificultades que ten calquera rapaza para practicar este deporte.

As rapazas do Villestro celebran a vitoria ante o Orzán xunto as nenas do equipo infantil – ©SD Villestro
Levades un comezo de campaña estelar. Sete partidos, seis vitorias e só unha derrota. ¿Cal é o segredo deste equipo?
Non creo que teñamos ningún segredo en particular. Traballamos ben nos adestramentos e tentamos sempre seguir a nosa filosofía de xogo. Con iso, xunto coa calidade das compañeiras, é todo moito máis sinxelo. Pero aínda temos marxe de mellora e iso é o máis importante.
“O obxectivo sempre foi a permanencia, e ata que a teñamos asegurada non será outro”
¿Esperabades comezar así? ¿Cal era o obxectivo marcado antes de comezar a campaña?
Para nada. Sabemos que temos un equipo moi bo e de calidade, pero as novas aínda tiñamos que coñecer tanto as nosas compañeiras como ao sistema de xogo. Por sorte, todo foi moi rápido e as cousas están saíndo moi ben. O obxectivo sempre foi a permanencia, e ata que a teñamos asegurada non será outro.
Esta semana derrota ante o Victoria e o próximo fin de semana xogades ante o Olivo, dous candidatos ao ascenso. ¿Vedes estes encontros como un reto? ¿Un exame para saber se tedes licenza para soñar?
Sen dúbida. Ata o de agora quizais só nos enfrontamos a rivais que estaban abaixo na clasificación (a excepción do Salamanca e o Sárdoma), polo que nestes partidos temos que dar o mellor de nós. Confiamos no noso xogo para poder gañar a calquera, e veremos o que acontece ante o Olivo, xa que ante o Victoria non puido ser. O que está claro é que será un partido bonito de xogar e onde sairemos a polos tres puntos.
Como moitas das túas compañeiras, compaxinas o fútbol con estudos ou con traballo. ¿Como se saca tempo para todo?
Con moito esforzo, pero é o que hai. Os estudos son moi importantes e se queremos desfrutar do fútbol temos que saber organizarnos. Hai tempo para todo, aínda que ás veces é difícil.
O Villestro está na segunda categoría do fútbol feminino. Visto dende fóra podería dicirse que é equiparable a Liga Adelante. Porén, se falamos de recursos e medios, ¿é imposible ser futbolista profesional en España?
Por desgraza si. De feito, na primeira división é moi complicado vivir unicamente do fútbol. Moi poucas xogadoras poden facelo en España.
Os estudos son moi importantes se queremos desfrutar do fútbol. Hai que saber organizarse, aínda que ás veces é difícil
Tendo en conta a situación. ¿Por que cres que o fútbol feminino está conseguindo os mellores resultados da súa historia?
Porque a pesar de todo seguimos traballando e non perdemos a esperanza de que algún día tamén poidamos vivir disto.
Vós, que o vedes dende dentro, ¿notades que estes logros cambiaron xa algo a situación do fútbol feminino, polo menos, a nivel de repercusión nos medios de comunicación?
Si, pero non tanto como nos gustaría. Agora unha canle de pago retransmite todas as xornadas un partido da liga feminina, e si que hai máis medios que falan da competición e se preocupan por facer visible o que facemos. Pero segue sendo pouco, na miña opinión

Pilar ten 22 anos, e como todas as súas compañeiras, ten que compatibilizar estudos ou traballo co fútbol – ©SD Villestro
¿O Mundial de Canadá 2015 pode significar o gran momento do fútbol feminino en España?
¡Sería xenial! Pero para iso son necesarias dúas cousas: que se retransmita en aberto, como o masculino, e que se faga un bo papel. Creo que isto axudaría a que definitivamente se comezaran a fixar máis no fútbol feminino e ir gañándonos ese lugar que nos merecemos.
“O Mundial pode ser importante, pero é necesario que se retransmita en aberto e que España faga un bo papel”
¿Ata onde crees que pode chegar a selección española nese Mundial?
O obxectivo supoño que ten que ser pasar da fase de grupos, e a partir de aí xa sabes como é isto do fútbol. Nunha eliminatoria a un partido nunca sabes o que pode acontecer, pero creo que hai equipo para competir ante (case) calquera.
Acabamos co Mundial. ¿Que opinas sobre a idea da FIFA de que algunhas sedes sexan de céspede artificial?
Unha vergoña. Se os altos cargos do fútbol nos tratan así, ¿que podemos esperar? Non entendo esa decisión e paréceme un acto de marxinación. Un máis nunha longa lista.

O equipo da S.D. Villestro durante un encontro desta campaña – ©S.D. Villestro
Cando falamos con Vero Boquete, díxonos que un dos principais problemas do fútbol feminino era a falta de referentes. Digamos que ela imitaba a Ronaldo, pero non podía facelo con ningunha rapaza. Na actualidade, e coa túa experiencia persoal, ¿xa existen eses referentes?
Agora a referente é ela (risas). Eu tento seguir todo o que podo a primeira división para coñecer máis xogadoras nas que fixarte e das que aprender. Tamén sigo a liga estadounidense na que é moito máis sinxelo ver os partidos, xa que os retransmiten por internet. Para que as nenas teñan referentes é moi importante que os partidos se vexan na televisión, senón é moito máis difícil.
“Para que as nenas teñan un referente é necesario que os partidos se vexan na televisión, senón é moito máis difícil”
Unha das vantaxes dos últimos tempos son as redes sociais. ¿Cres que están sendo un dos grandes motores do fútbol feminino?
Sen dúbida. As redes sociais permítennos estar preto desas xogadoras que non podemos ver. Agora que case todas usan Twitter, Facebook…pois é moi fácil estar atenta aos resultados e ao que fan as nosas cracks. Ademais, tamén podes ter a sorte de falar con elas porque son moito máis atentas que os homes.
Para rematar, ¿que cres que debería cambiar en España para que o deporte feminino estea á mesma altura a nivel social e de oportunidades que o masculino?
O primeiro que debe cambiar é a mentalidade. España segue sendo un país machista, e o fútbol sempre foi “un deporte de homes”. Queda moito camiño
A mentalidade. Non se trata de cal é o mellor, senón de que practicamos o mesmo deporte e temos dereito as mesmas oportunidades. España segue sendo un país moi machista, e o fútbol sempre foi visto como un “deporte de homes”. Pouco a pouco vai cambiando, pero aínda queda moito camiño.
Moitas grazas por atendernos, moita sorte para o que queda de tempada coa S.D. Villestro e que o voso traballo se vexa recompensado con resultados e tamén con recoñecemento, algo que esperemos que dentro dun anos teña este deporte que ten a mesma calidade que o masculino, pero unha repercusión moito máis pequena.
Grazas a vós por aportar o voso graniño de area para que sigamos medrando. Foi un pracer atendervos.