A Copa do Rei volve a Galicia

O pasado venres, a ACB decidía na súa asemblea que a Copa do Rei do ano 2016 sería en Galicia, na cidade da Coruña. Polo tanto, o baloncesto galego vive uns días de ledicia por esta gran nova que levará o torneo máis bonito do ano a terras galegas 23 anos despois. A sede será o ‘Coliseum’ da Coruña, con capacidade para 10.000 persoas, pero o anfitrión non será outro que o Obradoiro. Ese equipo de Santiago que tantas emocións está regalando ao baloncesto galego nos últimos anos. A ACB premia a fidelidade dunha afección que cada quince días enche as gradas do Multiusos Fontes do Sar. Unha afección que encherá o ‘Coliseum’ a comezos do ano 2016.

A Copa do Rei regresará a nosa comunidade 23 anos despois. E desta vez si que participará un equipo galego: o Obradoiro

Non tardou en saltar a polémica pola designación do Obradoiro como anfitrión. Recordemos que na LEB Ouro xoga o Basquet Coruña que podería estar en ACB no 2016. Do mesmo xeito, tamén poden ascender outros equipos galegos como o COB ou o Breogán. Ademais, podería ser que Obradoiro perdera a categoría. Quizais a decisión de designar ao equipo de Santiago sexa precipitada, pero tendo en conta como funcionan os ascensos e os descensos no noso baloncesto si que parece a máis lóxica. Polémicas a parte este é un bo momento para recordar que pasou cando a Copa do Rei visitou Galicia. Así podemos ir quentando motores e imaxinando o que pode acontecer cando os mellores equipos da ACB pisen terra galega. Dúas veces se xogou a Copa na nosa comunidade (1989 e 1993) e nas dúas tivo unha cor branca.

O título de Drazen Petrovic

Petrovic durante a mítica final de Copa do 89 - Apuestas Basket

Petrovic durante a mítica final de Copa do 89 – Apuestas Basket

A Coruña. 1989. Un escolta croata leva ao Real Madrid a conquistar a Copa do Rei con 28 puntos na final. Foi o único título nacional de Drazen Petrovic coa camisola branca, xa que meses despois o equipo branco perdería a liga nunha serie a cinco partidos ante o Barcelona. Foi unha das grandes actuacións de Petrovic a que se puido desfrutar na Coruña, como antesala da final da Recopa ante o Snaidero Caserta de Óscar Schmidt, Gentile ou Riga. Alí apareceu o mesmo xogador determinante que na Coruña, unha delicia para o espectador. Un xogador que moi pronto poideron desfrutar ao outro lado do Atlántico trala súa fichaxe polos Portland Trail Blazers.

Esta edición celebrouse en todas as grandes cidades de Galicia. A final sería en Coruña con Petrovic como protagonista

Esa edición do torneo do KO foi a de Petrovic, pero tamén a das múltiples sedes. De feito, en Coruña só se disputou esa final entre o Real Madrid e o Barcelona, que rematou cun axustado 85-81. Antes, o resto de cidades galegas importantes (Ferrol, Ourense, Vigo, Santiago e Lugo) foron as encargadas de acoller os cuartos de final e as semifinais. Alí, o Real Madrid eliminou con claridade ao Estudiantes e ao Joventut, mentres que o Barcelona apartou do seu camiño ao Fórum Filatélico e ao CAI Zaragoza. Polo tanto, foi unha competición que serviu para a promoción turística de Galicia, pero onde o baloncesto galego non estivo representado. Algo que tamén aconteceu cinco anos despois e que por sorte non sucederá no ano 2016.

Dous minutos condenan ao Joventut

O Real Madrid posa co trofeo tras rematar a final na Coruña - RTVE

O Real Madrid posa co trofeo tras rematar a final na Coruña – RTVE

Trinta e oito minutos de excelencia e traballo que se foron pola borda na recta final. Ese titular resume o partido do Marbella Joventut na final da Copa do Rei de 1993. Unha Copa que de novo viaxou a capital de España nas mans do Real Madrid. De novo perderon o partido ao final, como lles sucedera aos cataláns no ano anterior na final da Copa de Europa. Foi unha labazada, unha tremendo golpe para o equipo de Lolo Sainz que xa se observaba levantando a Copa dezasete anos despois. Pero os partidos duran corenta minutos e só os máis grandes chegan enteiros ao final. Na hora da verdade foi mellor o Real Madrid e por iso voltou a triunfar na cidade herculina.

O Real Madrid repetiu título, pero o Joventut acariciou a Copa ata os dous últimos minutos

Nesta ocasión, a Copa xogouse ao completo na Coruña, minimizando así as excursións das afeccións e facendo que a cidade vivise ao completo a maxia dunha competición coma esta. Alí, os dous finalistas mostráronse moi firmes dende o primeiro encontro e ningún dos seus rivais tivo opcións reais de apealos da gran final. Eran os dous mellores e así o demostraron nun partido que puido gañar calquera e no que triunfou o Real Madrid por 74-71.

Moitos cousas pasaron no baloncesto dende entón, pero por sorte volverán a pasar en Galicia dentro de algo máis dun ano. Ademais, nesta ocasión haberá un representante galego: o Obradoiro. Un equipo tentará poñerlle as cousas difíciles aos grandes grazas ao apoio da súa afección.