USC.NOTAS Folga Xeral I (suspenso)

“Baixo os adoquíns do Campus Sur, a praia

Maio do 68 na Universidade de Santiago.

Esta semana Santiago está vivindo un proverbial “outono quente”, tanto polas estivais temperaturas como pola falta de mobilizacións das organizacións estudiantís. O Sindicato (vertical) de Estudiantes iniciou este luns unha folga de tres días de duración para os alumnos de secundaria, Formación Profesional e universidade co fin de loitar contra “a privatización da educación”. Sucédense así eses manifiestos que son un “copypaste” de xornadas de reivindicación anteriores e os habituais bailes de cifras entre os convocantes, que afirman que a folga tivo un seguimento propio de gala de Gran Hermano, e o Ministerio de Educación, que asegura que máis ben foi propio dun documental de La 2. 

Ata aquí, todo normal. Porque o relevante desta Folga Xeral Estudantil non son os convocantes, senón quen non a secundan. Nin CCOO nin UGT nin a Plataforma Estatal por la Escuela Pública sumáronse á convocatoria do Sindicato de Estudiantes. No que ao estudantado da USC respecta, tamén está ausente a organización estudantil con más presenza en Claustro. “No estamos todos, falta la Liga”.

Folga xeral do 14 de novembro de 2012 | © Sara Yáñez Soto

Folga xeral do 14 de novembro de 2012 | © Sara Yáñez Soto

A Liga Estudantil Galega emitiu o luns un comunicado contra as “folgas farsa” do Sindicato de Estudiantes. Critican a convocatoria “en solitario, de forma unilateral e sen traballo de base” e acusan ao SE de perpetuar e defender “os podres consensos do feble réxime do 78, actuando en todo o Estado dun xeito etéreo e invisíbel” e negando “a Galiza e o resto das nacións como marcos autónomos da loita estudantil”. Nada que chame a atención. A Liga non fai máis que recordarnos que cando Galiza se independice a USC pasará a liderar o Ránquin de Shangai de universidades públicas, laicas, democráticas e non heteropatriarcais.

É ao final do comunicado onde se deixan entrever as verdadeiras razóns de que esta folga xeral provoque tantas reticencias na organización estudantil nacionalista. Termina a Liga facendo referencia aos sucesos do 20 de novembro de 2013 en Vigo, cando no marco doutra folga estudantil membros do Sindicato de Estudantes presuntamente formaron un cordón para facilitar que unha parte do estudantado vigués fose obxecto de cargas policiais. O SE mostrou entón, segundo o comunicado, “a súa cara máis reaccionaria”. Queda ao xuizo do lector se os argumentos que esgrime a Liga son razoables ou meras excusas para non secundar unha folga convocada por disidentes.

Entre os dereitos do estudantado non se atopa o dereito de folga

Deixando de lado polémicas entre actores políticos, o maior paradoxo destas xornadas nas que todos nos enchemos a boca falando de dereitos do estudantado é que entre estes dereitos non se atopa o de folga. O Tribunal Constitucional aclarou que o dereito fundamental de folga recoñecido no artigo 28.2 da Constitución só lle corresponde aos traballadores asalariados por conta allea, pero non aos autónomos, aos parados ou aos estudantes, xa que este non teñen contrato de traballo que suspender. Cando os sindicatos de estudantes (que tampouco son sindicatos) falan de folga, non se están referindo a un dereito consagrado na Constitución ou mesmo na lei, senón a unha norma de carácter regulamentario, propia de cada universidade.

No caso da USC, é o apartado terceiro da Normativa de Asistencia a Clase nas Ensinanzas Adaptadas ao EEES o que establece que está xustificada a falta de asistencia debida “a folga ou paro académico colectivo”. Esta norma, que a priori podería semellar unha vitoria do movemento estudantil, non fai más que converter a folga nun xogo de cativos. Cando un traballador decide ir á folga perde a parte proporcional do seu salario, porque como se adoita dicir non se pode estar na misa e repicando. Se as organizacións estudantís quixesen unha equiparación total co dereito á folga dos traballadores, sería lóxico asumir as consecuencias de non ir á Facultade por defender os seus intereses e reivindicar dos seus dereitos. Claro que aos obreiros industriais do século pasado non lles quitaban puntos por faltar aos seminarios e clases interactivas.

Co fin de tomar o ceo por asalto moitas organizacións repiten a consigna de que o inferno son os outros

A pesar de carecer dun dereito á folga en sentido estricto, os estudantes en tanto cidadáns podemos exercer os nosos dereitos á libre expresión, asociación e manifestación, que non son poucos. Particularmente, no eido da libertade de expresión parece oportuno facer unha reflexión colectiva sobre se a reiteración de proclamas baleiras en defensa “do público” non acaban banalizando o debate. É preocupante que a discusión non se adoite centrar en obxectivos humildes pero próximos ao alumnado, como o dereito a un plan de estudos axeitado, senón no dereito á autodeterminación dos pobos ou en ataques ao sindicato veciño. Co fin de tomar o ceo por asalto moitas organizacións repiten a consigna de que o inferno son os outros.

O peor de que a “folga” estudantil destes días non sexa masiva é que non poderemos desfrutar de piquetes informativos argumentando “se faltades a clase por estar de resaca, como non ides a faltar por facer folga?”, comparando así a loita obreira con tomarse un cubata en Ruta ás seis da mañá. Sempre nos quedará desfrutar deste outono quente, mentres dure.

Imaxe destacada: Sindicato de Estudiantes