Galicia vella (I): Radiografía do inverno
Non é só casualidade que, cada vez que Galicia aparece nos telexornais por mor dun suceso, o plano prototípico sexa o dunha señora con mandil, botas de media caña e unha fouce na man á volta da leira. É que, guste ou non, sexa bo ou malo, somos un país vello. Non obstante, e nos mesmos telexornais, con especial énfase nos propios, apenas se aborda o quid da cuestión. A demografía, a nosa estrutura poblacional, non está na axenda política nin na mediática. Absolutamente ningún goberno autonómico ubicou nunca o envellecemento como eixo central do seu programa. Se cadra, a sabendas de que cómpren moitos máis anos que un par de lexislaturas para comezar a recoller os froitos. Mais nós imos facer unha aproximación ao asunto.
Galicia ten, segundo datos oficiais do Padrón Municipal de Habitantes, 2.782.128 habitantes, dos cales un 48,2% son homes e un 51,7% mulleres e un 75,6% do total se concentra nas provincias da corredoira atlántica, A Coruña (41,1%) e Pontevedra (34, 5%). Temos unha densidade de poboación de 94,5 habitantes por quilómetro cadrado e unha idade mediana, a 1 de xaneiro de 2013, de 45,1 anos. Dende o ano 2010, cando a taxa de crecemento continuo da poboación foi 0, comezou un cambio de tendencia ao abeiro da caída demográfica das provincias de Lugo e Ourense, rexistrando un -0,8 e -0,9 respectivamente. E segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), as taxas de natalidade e fecundidade “despois do máximo alcanzado no 2008, todas as provincias agás Lugo, presentan índices inferiores aos rexistrados no ano anterior”. 2008, o ano da crise.
Daquela, a nosa pirámide de poboación resulta así:
A pirámide, ademáis de sinalar a distribución da poboación por grupos de idade, permite facer algunhas predicións sobre o pasado, presente e futuro do territorio. Así, ollamos que a xeración do baby boom (a dos anos 60 do pasado século) é máis numerosa que a base da figura, a que representa á mocidade e aos nenos. Particularmente, o envellecemento faise máis acusado no sexo masculino cando se traspasa a barreira dos 80-85 anos. Unha circunstancia especialmente sensible no índice de envellecemento actual (a relación entre o número de maiores de 65 anos e menores de 15 anos) e na súa traxectoria ao longo das últimas décadas:
Se a realidade non toma outra faciana, dentro de poucas décadas a diferenza entre a parte superior da pirámide,a terceira idade, e a base, a xuventude, será máis e máis grande, con todo o que iso conleva. Mesmo acontece que en provincias como a de Ourense, existen 10.000 pensionistas máis que contribuíntes, un custe imposible de asumir durante moitos máis anos para o sistema público de Seguridade Social.
É especialmente ilustrativo o descenso da porcentaxe de galegos menores de 20 anos dende mediados da década dos 70 e, desta volta, a redución das diferenzas entre sexos
E outro indicativo máis que podemos enunciar así: dende o ano 1975, a idade media dos habitantes de Galicia nunca descendeu. Nin un só ano. Os galegos son, de media, 10 anos máis vellos que hai 40. E subindo. Ante semellante traxectoria, como é posible que ningunha administración se teña amosado nin sequera preocupada pola hemorraxia demográfica do país?

@Elaboración propia
Galicia coa perspectiva europea: O Horizonte 2020
Bruxelas e máis a Xunta de Galicia deseñaron un plan de dinamización para o combater o chamado “inverno demográfico”. En marzo de 2010, cando a segunda recesión desta crise W, a UE debuxou as tres liñas mestras do crecemento no continente durante os seguintes 10 anos: crecemento “intelixente, sostible e integrado”. O goberno autonómico aproveitou entón para avanzar o seu Plan a tres anos (2013-2016) –de onde extraemos os datos expostos a continuación— para tomar algunhas referencias como punto de partida.
Mentres que a densidade de poboación europea é de aproximadamente 16 habitantes por quilómetro cadrado, a galega se eleva ata os 94. Os países do norte e do leste do continente poden influír en que a cifra continental considerablemente máis baixa.
Porén, a porcentaxe de poboación menor de 14 anos era hai dous anos catro puntos menor en Galicia (11%) que en Europa (15%). Ao contrario que na porcentaxe de habitantes maiores de 65 anos: en Galicia é un 22% e en Europa, menos, un 17%.
Dende logo, o número de fillos por muller é a todas luces insuficiente en ámbolos casos, moi afastados do 2,1 preciso para acadar o relevo xeracional. No Vello Continente é de 1,59 e en Galicia de 1,07. En consecuencia, é lóxico que a nosa taxa de natalidade (7,9 fillos por 1000 habitantes) nin se achegue á media europea: 10, 4.
Ben entrados no mes de outubro e cos mercurios en caída, o inverno demográfico galego semella ser algo máis que un proceso estacional que comparte con Europa. Mais Galicia –polo menos desta vez— toma a dianteira.
Imaxe destacada: ©Sara Rodríguez Acevedo