Anova aproba Primeiro de UPG

Se credes que Anova é unha firma de maquinaria agrícola ou unha compañía especializada en paneis solares, quizais debades ler as anteriores análises de Compostimes sobre esta forza política: “E.V.N.I. (Escano Voador Non Identificado)” e “Un vello dilema para Anova”.

Esta fin de semana, Anova-Irmandade Nacionalista aprobou Primeiro de UPG, un curso —ausente de xeito inadmisible no ensino público— de carácter puramente galego para especializarse na arte da maquinación política. Dito doutro xeito, a organización que leva dous anos xa falando de move-los marcos, de navegar en mar aberto e da nova cultura política fixo unha exhibición de intrigas palaciegas para para esmagar calquera tipo de disensión interna na súa II Asemblea Nacional.

Para nos pór en contexto, farei unha brevísima descrición do campo de batalla pre-asemblear e identificarei os dous contendentes.

  • Dun lado temos a Cerna, integrada polos que antes eran o núcleo duro do Encontro Irmandiño, a corrente interna do BNG que lideraba Xosé Manuel Beiras antes de 2012. As súas figuras máis destacadas son Mario López Rico, exconcelleiro na Coruña, Luís Eyré, “Palleiro” e a deputada Chelo Martínez. Queren que Anova manteña a súa independencia respecto a Esquerda Unida (ĖU) e que manteña un discurso máis nacionalista. Cortaban o bacallau no partido ata que, o pasado febreiro e por once votos, a militancia decidiu reeditar AGE nas eleccións europeas. Nese momento saíron dos órganos de dirección e se constituíron en corrente crítica.
  • Do outro lado temos o bando que lidera o alcalde de Teo, Martiño Noriega, e que aglutina ós partidarios de afondar na unión con ĖU. Teñen fe na chamada “posición Soto”: que hai que priorizar a unión entre as forzas de esquerda antes có galeguismo “esencialista”, que din eles. Dentro deste grupo está a Fronte Popular Galega (FPG) de Ferrín e Mariano Abalo, o deputado Antón Sánchez e, dende a votación de febreiro, o propio Beiras.

Ferramenta empregada na asemblea co “sector crítico”

Uns e outros se erixiron como gardiáns dos “principios fundacionais” de Anova nas xornadas previas, mentres que Beiras ameazou coa súa retirada se non triunfaban as súas teses e, é vez, pediu “unidade” nun partido onde “non sobra ninguén”. Así e todo, as espadas estaban en todo o alto dende o primeiro momento no que, o 11 de outubro, uns 500 militantes de Anova (dos 1.200 que din ter) traspasaron a porta do Pazo de Congresos de Compostela. A primeira estocada chegou cando se votou a readmisión duns militantes de Redondela, próximos á FPG, que foran expulsados do partido. Disque non había unha moción escrita que votar e disque os propios membros expulsados votaron a favor da súa volta ó seo de Anova, que gañou por unha marxe estreita. Chelo Martínez chegou a encararse con Antón Sánchez, o seu compañeiro de escano e presidente da mesa da asemblea. Así, pouco a pouco tódalas votacións foron decantándose do lado dos “oficialistas”. A escasa diferencia (aínda que algo maior cós once votos do pleibiscito sobre as europeas) revelou unha militancia dividida, máis ou menos, nunha proporción de 60% – 40%.

O segundo punto quente do día viviuse cando se votou a emenda á totalidade da tese política presentada polo Cerna. Saíu “Palleiro” a defender que Anova só puidese presentarse ás municipais de 2015 integrada en candidaturas cidadás (as “mareas”), pechando así a porta a calquera reedición de AGE con esta marca, e un dos voceiros da Marea Atlántica, Alberto Lema, a pedir libertade para concorrer en diferentes alianzas dependendo do concello. Triunfou, de novo por pouco, a segunda opción. Os apupos entre as bancadas dos afíns a Cerna, que chegaron ó seu punto álxido cando se votou a readmisión dos redondeláns, seguiron de fondo.

Tan só quedaba un prato forte: a votación da Coordinadora Nacional, o máximo órgano de mando de Anova entre asembleas. As listas eran abertas: podíanse marcar ata 75 nomes dos 191 que figuraban na papeleta. Como se sospeitaba, un e outro bando puxo en circulación plantillas de votación, isto é, unha recomendación dos 75 nomes que marcar. Votouse na sobremesa e, sen esperar ningunha sorpresa, os militantes se retiraron ás súas casas tras un extenuante discurso do veterano portavoz nacional no que volvía exhortar á unidade, abroncando aínda así ó sector crítico (sen mencionalo expresamente) polo “noxo” que lle deron as súas actitudes. “Dende este momento acabouse volver a enredarnos en se somos así ou asá”, bramou. Ó final resultaron ser así.

Nin sequera ten fe en Beiras a súa moza, Aurichu, que abandonou crispada o recinto durante o discurso do seu home

Case cinco horas despois da clausura da asemblea, ás once da noite, publicáronse os resultados: entre os 75 nomes máis votados non había nin un só dos afíns a Cerna. Tres rapazas do sector crítico, aínda así, entrarían na Coordinadora Nacional para acadar a pariedade. Nin López Rico, nin “Palleiro”, nin Chelo estarían nela. O 40% de Anova quedaba fóra do poder nunha asemblea que, se ó empezar recordaba á de Amio de 2012, na que se fracturou o BNG, ó rematar non fixo máis que confirmar esa sospeita. Nin sequera a figura de Beiras se librou da división: o que antano era o líder que aglutinaba ás diferentes sensibilidades, agora foi votado só por 19 persoas máis das que votaron ó polarizador líder do “sector oficialista”, Martiño Noriega. O “sector crítico” xa non cre nel. Nin sequera ten fe en Beiras a súa moza, Aurichu, que abandonou crispada o recinto durante o discurso do seu home (despois de acabar o gin tonic que degustaba mentres o escoitaba e maldicía en voz baixa).

Que dúbida se abre agora? Se o sector crítico abandonará en masa Anova. Puntos que levan a pensar nisto? Que non teñen poder de decisión na organización e non se espera que vaian conseguilo a curto nin a medio prazo. Puntos que levan a pensar que quedarán? O dubidoso futuro político dos seus integrantes, que quedan case sen portos nos que recalar. Se, despois do balance de pros e contras, Anova se mantén unida ou se desfai, saberémolo este sábado.

Imaxe rexistrada trala asemblea, retocada un pouco por Troleada Galega

Imaxe rexistrada trala asemblea, retocada un pouco por Troleada Galega