O xenocidio que España non condenou
Imaxina que un bo día de principios do século XX a Guardia Civil iniciase unha operación para exterminar a tódolos galegos que residen dentro das fronteiras de España. Que en meses de exterminio conseguisen levarse da face da terra a millón e medio de cidadáns. E que. para culmina-lo agravio, a meirande parte dos estados do mundo se negasen, aínda un século despois, a condenar formalmente a masacre.
Din que os armenios son un pobo escravizado pola historia. É difícil non selo cando Iereván (a capital do país e na que mora un tercio da súa poboación) esta construída para contemplar, día e noite, o impoñente monte Ararat, o cumio sagrado dos cristiáns armenios, onde tomou terra a arca de Noé. Pero hoxe o Ararat non pertence á República de Armenia, senón a Turquía. Volvendo ó símil anterior, sería como se, despois da carnicería de galegos organizada polo Goberno español e dunha traballada independencia, España se reservase ocupar Galicia ata a catedral de Santiago e que todo compostelano, namais levantarse, puidese contemplar o maior agravio xamais sufrido polo seu pobo.

Cartaz francés de 1915, conservado no Museo do Holocausto | J. P.
Probablemente o xenocidio armenio sexa a primeira das moitas atrocidades que se cometeron no século XX. Poñámonos en contexto: 1915, Primeira Guerra Mundial. O Imperio Otomano, xa en decadencia, ocupaba a actual Turquía, todo o Oriente Próximo, Iraq e parte de Arabia Saudita. Para frear este declive, oito anos antes chegaran ó poder os Novos Turcos, un grupo de oficiais de rango medio do exército que buscaban modernizar a pesada maquinaria do vello imperio e, de paso, turquificalo, homoxeneizando as minorías étnicas que vivían nel. Un destes pobos era o armenio. Se ben a actual Armenia era, xa dende o século anterior, parte do Imperio Ruso (unha nación coa que os armenios teñen, aínda hoxe, un especial vínculo de amizade), pola parte máis oriental de Anatolia vivían máis de dous millóns deles, na que eles chaman a Armenia Occidental, comprendida na xurisdicción dos Novos Turcos.
Entre turcos e armenios xa existira unha certa tensión (que azuzaban convenientemente uns rusos ansiosos de expandirse) dende o século XIX, onde os tratados de Berlín e San Stefano intentaran sen éxito poñer paz entre dous pobos irreconciliables. Pero en 1915, co Imperio Otomano do lado das potencias centrais e o Imperio Ruso do da Triple Entente, ventos de traxedia comezaban a soprar dende Anatolia en dirección ó Cáucaso. Neste punto é onde a historia comeza a ser distinta segundo quen a conte. Os turcos aseguran que os armenios estaban conspirando cos rusos para formar unha especie de quinta columna dentro do imperio. O 24 de abril de 1915 a Sublime Porta (o mellor metónimo xamais inventado para referirse a un goberno) “clausurou os comités revolucionarios armenios e arrestou a 235 dos seus líderes por actividades contra o estado”. Días despois decretou a deportación “con coidado e compaixón” dos armenios do Imperio cara a Siria ou Palestina, durante o decurso do cal algúns deles morreron. A versión que se escoita por Iereván é moi diferente. Aquel infausto 24 de abril, cando os seus intelectuais máis reputados foron detidos e asasinados, é para eles o comezo dun xenocidio perfectamente trazado dende Estambul. Os Novos Turcos ordenáronlles que entregasen as armas, destinaron os armenios do exército a pelotóns especiais onde traballaron ata morrer e condenaron ós civís a vagar polo deserto sen auga nin comida até morreren penosamente no medio de Siria. Unha vez mortos, as súas propiedades fóronlles confiscadas.
En abril de 2014 decretouse a deportación “con coidado e compaixón” dos armenios cara a Siria ou Palestina
A cifra máis amplamente aceptada é que entre 1915 e 1922 morreu un millón e medio de armenios. Non obstante, mentres que arredor do xenocidio xudeu hai unha unanimidade que só rompen uns cantos versos soltos, tan só 22 países do mundo recoñecen hoxendía que este pobo sufriu unha campaña de exterminio planificada e coordinada dende a Sublime Porta: Arxentina, Uruguai, Francia, Italia, Rusia, Suíza, Alemaña, Venezuela, a Santa Sé… pero non España. Tentar atopar un patrón ideolóxico que ligue ós Gobernos que deron o paso (malia as fortes sancións que Turquía reserva ós países que o fan e que experimentou, por exemplo, Francia) é en van. A inmensa maioría son países cunha significativa porcentaxe de poboación armenia que presiona para lograr que se vengue unha ferida histórica que aínda teñen moi aberta.

Supervivintes do xenocidio atopados en 1918 en Xordania
Os ecos do millón e medio de armenios mortos resoan aínda hoxe unha e outra vez na porta de entrada ó Cáucaso. A República de Armenia é un país do tamaño de Galicia que fai fronteira con catro países: Xeorxia, Irán, Turquía e Azerbaián. Só as dúas primeiras están abertas. Cos azerís (que subministran petróleo a toda a rexión) os armenios manteñen dende 1988 un conflito latente en torno á rexión de Nagorno Karabaj. Periodicamente intercámbianse tiros entrámbolos lados da fronteira, a última vez hai só dúas semanas. É doado de entender: os azeríes, se ben son relixiosamente próximos ós iranís, son etnicamente turcos. Pregunteime unha vez se os conflitos a alto nivel entre estes estados, derivados de traxedias que se perden na noite dos tempos, xerarían odio no cidadán de a pé. Atopeime a resposta nun vello taxi de Alaverdi, por boca dunha fermosa rapaza armenia: “en Azerbaián a xente é cruel, nunca vaias aí”. A fin de contas, media Armenia segue erguéndose cada día e vendo o Ararat coa bandeira da media lúa no curuto.