Somos Maioría, “ruptura democrática con quen está facendo tanto dano”

Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Comezo do manifesto de Somos Maioría.

Somos Maioría non é unha organización política e non funciona do mesmo xeito que un partido. A súa idea é crear candidaturas de unidade popular e xerar “un espazo de confluencia e de comunicación entre diferentes axentes sociais e cidadáns”. Así o expresaba unha das asinantes do manifesto onte pola mañá no hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela, mentres que outro definía a iniciativa como unha chamada de atención aos partidos políticos, que fundamentalmente pretende fomentar “a reflexión nos momentos que estamos a vivir, suscitados non só pola crise económica, senón tamén política”.

Poñer fin á indefensión na que se encontra a maioría, defender os dereitos sociais para lograr unha sociedade máis xusta ou procurar unha democracia na que a xente sexa protagonista e que a súa voz conte. Para lograr eses obxectivos Somos Maioría promoverá encontros “en cada vila, en cada cidade, en cada concello, de toda a xente que teña un común denominador: a vontade de cambiar as cousas, para cambiar o país enteiro”. Nesas reunións, a poboación analizará a problemática actual. Pois para a conferenciante os concellos deben ser entendidos segundo “espazos de participación, transformación e emancipación social”. A finalidade última é promover e alentar candidaturas de unidade popular que dean froitos nas próximas eleccións municipais. Será a propia sociedade a que cree os mecanismos que considere. Tal e como se dixo no acto: “a xente que se reúna decidirá como levarán as candidaturas ou como se coordinarán a nivel estatal.”

Somos Maioría

O actor Miguel Pernas e a fotógrafa Mar Catarina Serantes foron os elixidos para presentar a iniciativa, precisamente para recalcar que se precisan caras novas | © Paula Pérez

Para lograr eses obxectivos Somos Maioría promoverá encontros “en cada vila, en cada cidade e en cada concello, de toda a xente que teña un común denominador: a vontade de cambiar as cousas, para cambiar o país enteiro”

Os conferenciantes son dous dos cincuenta e cinco asinantes iniciais, aos que se sumaron diferentes persoas ata chegar a superar as 400. Aínda que entre todos os nomes hai caras coñecidas, coma os escritores Manuel Rivas e Lino Braxe ou o deputado de Alternativa Galega de esquerda Antón Sánchez, Mar recalca que todos son igual de importantes. Por iso mesmo non teñen portavoz. Acabar co separatismo entre as organizacións políticas galegas é clave para eles: “non vamos en contra da pluralidade democrática, falamos de ideas comúns. Cada un gusta dunha bandeira, pero nós queremos que a nosa bandeira preferida sexa a da unidade”, sinala Miguel. Defende chegar a esas ideas comúns a través do diálogo que una as forzas de todos e que evite as liñas divisorias. Por exemplo, nas manifestacións convocadas por uns ou por outros: “sentarnos, propiciar ese encontro e a ver o que sae. Dubido que neste momento acabemos dando boinazos entre todos”. Non queren substituír a ningunha organización xa constituída, senón facer que debatan. E non hai incompatibilidades. Respecto ao caso de Podemos, Miguel considera que “xa ten un camiño andado e xa sabe a maneira de organizar asembleas de abaixo cara arriba. Sería marabilloso que Podemos asumise isto ou que nós puideramos asumir as súas claves, pero para confluír”.

Aseguran que os representantes do Partido Popular, como Alberto Núñez Feijóo, non van a querer colaborar. Un fin moi concreto é “botar ao PP de todos os sitios para conseguir a ruptura democrática dende a esquerda con quen está facendo tanto dano: cos mentireiros e cos hipócritas que están levando a esta nación a un sitio onde non hai futuro para os fillos”. E con este manifesto queren conseguir que todas estas ideas se constrúan dende abaixo cara arriba, para así propiciar o verdadeiro cambio. Pero non de forma individual, separados e afastados. Co motivo do Día da Patria Galega, “queremos que se celebren as posibilidades de cambio neste país de forma conxunta”, e así que cobre forza un concepto novo: a nación cidadá.

Feito por Andrea Oca e Paula Pérez.