Némesis: 22 berros de realidade

Némesis, o último traballo de Ruxe Ruxe vén a confirmar que sempre van un paso por diante. Se ben en tódolos seus anteriores discos sempre estivo presente a crítica retranqueira ao caciquismo e a precariedade do sistema, Némesis preséntase como a culminación reivindicativa. Neste álbum, producido na Pousada Son de Iago Pico, a sociedade personalízase nun único protagonista cuxa historia narrase ao longo de 22 cancións. Un personaxe de sentimentos contrariados: actuar ou permanecer pasivo? Loitar pola xustiza ou darse por vencido?

As cancións máis tranquilas do Némesis aportan ese aura de nostalxia nas que as guitarras (a acústica de Vituco e a eléctrica de Miguel Duarte) e a voz obteñen o protagonismo. O saxofón de Xan, a gaita de Xaco, a batería de Sevilla e o baixo de Carlos dotan, xunto cos antes citados, de toda esa enerxía aos temas rockeiros, punks e ska (Terceira Guerra, Partido Criminal, Vótame Mamón, Santa Destrucción…), facendo que culmine así toda unha experiencia musical na que a combinación de tan distintas forzas ten un resultado impecable, propio dunha banda que leva 18 anos a desenvolver dito son. E como non podía ser doutro xeito, Ruxe mantén tamén as raíces folk, que se expoñen totalmente nesa pandereitada de nome Habemus Porco na que as pandeireteiras Bouba cumpren, non sendo a única canción na que colaboran do disco. Bocixa dos Zënzar presta a súa voz na Hora do predicador e Esteban dos Falperrys e Skacha fai outro tanto en Perigo. Mentres, Isidro Cea introduce ese ton místico en varias frases ao longo do disco, que recordan ao Gran Irmán da novela de George Orwell, 1984.

nemesisruxe

Némesis | ©Ada Seoane Alló

O que sempre me impresionou de Ruxe Ruxe é a capacidade de dicir as verdades de xeito tan simple e elegante que non admite réplica. E Némesis non é excepción. En moitas ocasións son verdades transparentes: “qué crise? que leria”, “e todo está sempre en venda”; mentres que outras brotan adobadas de poesía: “de orixes e fins/de espectáculos que asustan/de odios, de mortes/de coitelos e amores”. Unhas letras que veñen da man de Vituco Neira (con axuda en ocasións de Duarte) e que neste álbum manteñen unha liña de temática social e política común, na que se combina unha voz subxectiva en forma de pensamentos e unha outra que fala dende segunda persoa, tal cal fose a conciencia do protagonista.

Desta volta, o formato físico do disco é tamén moi especial, xa que escapa a ir enfundado nunha caixa de plástico ou cartón. Un packaging que resulta atractivo e forma parte da filosofía e pensamentos que se reflicten no Némesis: a obsolescencia, o usar e tirar, a producción en masa. Ademáis composición circular do disco (o primeiro e último tema coinciden na súa melodía) provoca que este sexa escoitado do tirón para poder absorber toda a esencia da historia, un modo de escoitar música que dista do que estabamos acostumados, máis produce un pracer distinto e intenso.

E que mellor que os propios Ruxe definindo este traballo:

“NÉMESIS é un disco conceptual a modo de ópera rock. É a viaxe en tres actos dunha persoaxe de a pé que un día se levanta pola mañán e decátase de que a terceira guerra xa comezou. Non hai tanques nas rúas nin mísiles atravesando o ceo pero o mundo cae a pedazos enriba da súa cabeza coa excusa dunha crise económica que deixa man libre e argumentos ficticios para que os poderosos sometan ós débiles. Observa ese mundo cheo de odios, estados miseria, delincuencia, políticas escuras e sometedoras. Observa a irmáns que matan irmáns. Ve crimen e destrucción. Despois reflexiona sobre o seu sitio no mundo e énchese de dor e dunha amarga decepción que remata en odio. Comeza a súa revolta, a súa loita persoal contra todo e acaba enguedellado nunha sanguenta batalla que acaba arroxándoo a el e ás súas pantasmas dende a azotea máis alta para deixalo reducido a unha simple mancha de sangue sobre cemento e sen saber nin tan sequera que foi da súa vida.

O espíritu da deusa NÉMESIS e da súa xustiza retributiva alimenta unha historia de ficción na que todo parece tan real que semella estar a falar do mundo no que vivimos. Ficción ou realidade?”


A Terceira Guerra xa está aquí, estás preparado?

O disco podédelo conseguir en Miranda ou mesmo contactando co grupo.