Dez anuncios para (case) gañar un Mundial

Cando se di que o fútbol en Arxentina é unha cuestión de estado pode parecer que se esaxera, pero nada máis lonxe da realidade. Só así se pode entender que un goberno coma o da presidenta Cristina Fernández de Kirchner sexa capaz de poxar a máis do dobre do seu prezo polos dereitos de emisión das retransmisións para “salvagardar o dereito dos arxentinos a desfrutar do fútbol”. Mesturado isto á xenialidade da industria publicitaria daquelas terras, recoñecida como unha das mellores do mundo, e aderezado co factor de que o Mundial deste ano o organizan o gran rival histórico da selección albiceleste, obtemos un cóctel explosivo. Calquera empresa importante con presenza no país, patrocinadora ou non do combinado nacional, debe organizar unha campaña con motivo do evento que cada catro anos o paraliza na súa totalidade. E destacar non resulta nada fácil.

Aínda que non lles valeron para volver vitoriosos de Brasil, algún dos anuncios que se emitiron no outro lado do Atlántico nos últimos meses ben merecen unha homenaxe.

Calquera empresa importante no país debe organizar unha campaña para o Mundial

Jogo Bendito (TyC Sports) 

Un dos primeiros que comezou a aparecer en televisión e un dos máis comentados. A canle deportiva TyC Sports adaptou o discuso do Papa Francisco en Rio de Janeiro para ir quentando o ambiente. O propio pontífice mostrou posteriormente a súa aprobación ao resultado final.

Con qué se van a encontrar (Quilmes)

A cervexeira Quilmes é a representación da arxentinidade ata o punto de que as súas latas son celestes e brancas. Ademais de ser patrocinadores da selección, sempre fan un gran esforzo publicitario nas grandes citas. Aquí déixanlle un recado aos rivais.


Argentinos periodistas (Olé)

Se algún cre que en España se fai xornalismo de camiseta coa selección, é porque non coñece o Diario Olé. Alén das súas sempre sarcásticas portadas, este ano lanzaron estes anuncios nos que avivan a súa rivalidade con Alemaña, Uruguai e Inglaterra. O polémico penalti da final do Mundial de Italia 90, as sucesivas repescas dos charrúas e o conflito das Malvinas, bos pretextos para provocalos. Como cabía agardar, houbo resposta desde a outra beira do Río de la Plata.

Vídeo Motivacional (Gillette)

A campaña de Gillette baseouse nun vídeo no que os seareiros lle transmitían mensaxes aos xogadores do combinado nacional, coa intención final de ensinárllelo durante a concentración para motivalos. Despois de emitirse o vídeo orixinal nas televisións do país, o prometido foi débeda.


El abrazo del alma (Coca-Cola)

Coca-Cola amósanos a cara máis humana do polémico Mundial de Arxentina 78. A selección anfitrioa, baixo o mandato militar de Videla, gañou a súa primeira Copa do Mundo dun xeito moi discutido, xa que non tería pasado da primeira rolda de non ser polo famoso 6-0 a Perú. O seareiro Víctor Dell’ Aquila foi o protagonista dunha das instantáneas máis famosas da final, recuperada 36 anos despois para esta emocionante campaña.


Sobrevivientes (Personal)

Se o Mundial do 78 fixo bicar a gloria ao país e o do 86 colocarse na cima do Olimpo futbolístico, as seguintes citas mundialistas foron máis ben un descenso ao inferno. Cada unha ben puido ser o tema dun tango tocado a bandoneón no Café La Humedad que retratou Cacho Castaña: a dramática final do 90 contra Alemaña, a expulsión por dopaxe de Maradona no 94 ou o ridículo de Xapón e Corea. Algún destes episodios nárranse con humor nesta serie de anuncios da empresa de telefonía móbil Personal.


Hay que ir (Claro)

Outra serie de anuncios e outra telefónica. Desta volta, a patrocinadora do combinado Claro conta a historia de catro amigos que buscan xeitos de ir a Brasil. Aquí podedes ver o primeiro capítulo, pero neste enlace tedes os demais.


Héroes que nos inspiran (Creativistas)

Outra reivindicación da arxentinidade e sentimentalidade. Non é habitual ver unha empresa de publicidade facendo un anuncio de si mesma, pero xa dixemos que en Arxentina para o Mundial hai que mollarse. Aínda que o pareza, non só de fútbol viven os arxentinos, e neste spot repásanse algún dos grandes éxitos deportivos da súa historia recente mesturándoos con outras imaxes de heroes anónimos.


Vuelo a Río (Quilmes)

Doblete de Quilmes nesta particular selección. Debo confesar que este, probablemente, sexa o meu favorito entre todos. Un avión con destino a Rio de Janeiro cunha mensaxe moi especial.


El Mundial es todo (TyC Sports)

Acabamos este artigo como o comezamos, cun anuncio de TyC Sports. Desta volta, aínda que é arxentino, ben pode resumir o que significa o fútbol en xeral e o Mundial en particular para todos os que nos apaixoa este deporte.