Cara a cara: substituír xornalistas por robots?

Este cara a cara vén ó fío da noticia que saltou á luz hai un par de semanas de que a axencia de noticias Associated Press comezará a automatizar a elaboración das notas que produce sobre resultados empresariais.

A favor: Jorge Pan

Substituír xornalistas por robots pode ser a mellor noticia para o cuarto poder na última década, con permiso da aparición de Orbyt. A automatización das tarefas que levan a cabo algúns traballadores das empresas xornalísticas hoxe en día pode mellorar substancialmente a calidade dos seus escritos. Ó meu xuízo, entre os moitos problemas que atenazan hoxe o xornalismo, hai un que brilla con luz propia: a mala asignación de recursos, o derrote do talento e o potencial dos xornalistas en tarefas mecánicas, desmotivantes e que carecen por completo de valor engadido.

O exemplo máis claro é o das versións online dos xornais en papel. Boa parte do que ofrecen non é outra cousa ca notas que producen as principais axencias de noticias (EFE, Europa Press, Reuters, AFP…) que son volcadas directamente nas webs destes diarios. Dito doutro xeito: en cada redacción hai unha manchea de xornalistas, bolseiros na súa meirande parte, adicados exclusivamente a rastrexar na Internet as novas de máis rabiosa actualidade ou aquelas que poden atraer un maior número de clics e subilas á homepage do seu xornal. Unha magnífica maneira de ter a profesionais da información derrochando o seu tempo golpeando compulsivamente as teclas Control + C, Control + V para manter o xornal actualizado.

Automatizar certas tarefas reubicaría a talentos derrochados en tarefas onde si puidesen realizarse profesional e intelectualmente

Por outra banda, a meirande parte dos diarios locais en papel (El Ideal Gallego, El Correo Gallego, La Región) consideran axeitado ofrecer nas súas páxinas completas seccións de información económica, internacional ou de alcance estatal que se atopan, loxicamente, fóra do seu eido de actuación. A solución, pois, é ter unha serie de empregados que sacan lume ós seus teclados contando, por exemplo, dende as páxinas de Atlántico Diario, as últimas novas do conflito na Ucraína ou as fluctuacións do Nasdaq. De novo, xornalistas, axentes do cuarto poder, derrochando a súa xornada laboral reproducindo o que contan as axencias.

Imaxinemos que estes monótonos traballos (ou, como fixo Associated Press, a produción de novas sobre resultados empresariais) pasan a ser realizados por software deseñado a tal efecto. Un editor minimamente intelixente non enviaría ós xornalistas que o realizaban antes da irrupción da modernidade ó paro. Reubicaría a estes talentos derrochados en tarefas onde si puidesen realizarse profesional e intelectualmente: saíndo á rúa na busca de información achegada á xente, contactando coas súas fontes na busca de exclusivas, engarzando declaracións, datos e recursos narrativos para elaborar boas reportaxes… En definitiva, facendo xornalismo de verdade, aquel que só pode facer un ser humano.

Se Ludwig van Beethoven pasase dez horas ao día debuxando pentagramas, posiblemente non tivese composto as magníficas sinfonías que saíron do seu maxín. Esixir a automatización das tarefas ás que se condena a algúns profesionais da información é reivindicar, dunha vez por todas, que xornalismo do século XXI non sexa sinónimo de xornalismo precario, senón de xornalismo moderno.

robots

En contra: Aida González

Vivimos na sociedade da infoxicación. Cada ano, en Internet se xera unha cantidade de información que supera cada vez en maior medida á rexistrada dende que se comezou a escribir a historia da humanidade. Este bombardeo de información altera os niveis de empatía e a capacidade de análise e decisión dos seus receptores. Canta máis información, máis confusión, ergo menos información. E, neste contexto, vai Associated Press e propón deixar a información residual en mans de máquinas. Porque non nos equivoquemos: nun mundo no que a palabra dun xornalista todavía implica o suficiente como para poder ser sobornada ou silenciada, se podes deixalo en mans dun robot, non é tan importante.

“O que a medida pretende é deixar un maior marxe de procedemento para noticias de maior calado”, me dirás. Pero é que para iso non é necesario colocar a unha máquina a emitir textos coma nos tempos do telegrama! Abonda con deixar que os xornalistas fagan o seu traballo. E, sentíndoo moito, esas 4.400 historias trimestrais sobre resultados empresariais que promete Associated Press non forman parte do traballo dun xornalista de axencia. Trátase de cúmulos de datos que obedecen a intereses particulares… Polo que quen debe levar a cabo a labor de recompilar estas informacións e poñelas en coñecemento do seu público obxectivo son os gabinetes de prensa dende as páxinas web das empresas. Cadaquén conta a feira como lle vai nela, e para poñer a unha máquina a lidiar cunha fonte compulsiva, é preferible que sexa esta mesma a que expoña ó seu gusto a información ao seu público (que agradecerá evitar o esforzo da criba entre as 4.339 historias trimestrais restantes). A comunicación de empresa, para os gabinetes, e o xornalismo, para os xornalistas. O contrario, aparte de facer chorar a Orwell alá onde quera que esté, só serve para tirar de “copia e pega” e entorpecer o traballo duns e doutros.

Para poñer a unha máquina a lidiar cunha fonte compulsiva, é preferible que sexa esta mesma a que expoña ó seu gusto a información ao seu público

Saíndo xa do caso concreto, cómpre plantexar a hipótese dunha pendente resbaladiza. Non serei eu a que diga que debamos temer ás posibilidades que nos ofrece a tecnoloxía. Sen embargo, unha ollada polo pasado recente abonda para decatarnos de que canto maior é a oportunidade de reinventar o negocio, peor a aproveitamos.  Comezamos ofrecendo a edición dixital de balde e agora a clave está en  convencer ao lector de que pague por unha subscripción. Por non falar do mal chamado “xornalismo cidadán”, que non foi o maná caído do ceo que se esperaba.  A avalancha de polivalencia e ultraespecialización que nos queren insuflar nas facultades non semella dabondo para desterrar a idea de que o traballo do xornalista o pode facer calquera.  E, sinceramente, Jorge, non creo que delegar nunha máquina sexa o xeito máis intelixente de demostrar o contrario.