Un discurso, cinco “erros”

A política é un xogo que trata de cambiar a realidade mediante a formación de maiorías, e a comunicación ou o márketing político son as ferramentas que utilizan partidos, institucións ou movementos para acadar esta meta. Que significa isto? Que as mensaxes que se lanzan a favor ou en contra dunha causa deben ser capaces de conectar cunha cantidade de persoas suficiente como para que se poida facer algo. Inzar de radicalismo e complicacións de linguaxe un discurso é un erro porque vai en contra da intención primordial da batalla que se pretende librar.

Existiu nos últimos tempos certo consenso mediático apoiado en diversas enquisas arredor de que, nun hipotético referendo sobre a cuestión da forma de xefatura de estado, as urnas apoiarían a continuidade da monarquía. Probablemente este resultado non fose o mesmo que se dou na aprobación da Lei de Abdicación, na que o 85% do Congreso apoiou a sucesión, mais semella que hoxe a causa republicana segue sendo máis ou menos minoritaria. Por isto, quizá sexa conveniente sinalar o que, desde un humilde punto de vista, son cinco erros do discurso da meirande parte do movemento republicano español.

Hai asuntos que escapan do eixo dereita-esquerda

Ideoloxizar o debate

Na política, e fóra dela, hai unha morea de asuntos que non se poden tratar desde un eixo dereita-esquerda. As reividicacións republicanas son aquí habitualmente monopolizadas por partidos de esquerda, mediante símbolos moi ideoloxizados e partidistas. Posiblemente a meirande parte da culpa disto é que non exista ningún partido de dereita a nivel estatal que cuestione a forma de xefatura de estado, pero non parece unha estratexia pedagoxicamente moi acertada enrocar nun polo ideolóxico a causa. O razoamento é moi sinxelo: se identificamos república con esquerda, é moi complicado convencer a alguén de dereitas para que apoie a causa, do mesmo xeito ca se identificamos a austeridade orzamentaria con dereita ninguén que se considere esquerdas se verá tentado a apoiala.

Un instante da manifestación en Compostela// © Darío Domínguez

Un instante da manifestación en Compostela// © Darío Domínguez

Quizá fose máis axeitado vender a república como o que realmente debería ser: un paso natural

O carácter revolucionario

A RAG define revolución como “cambio profundo e brusco das estruturas políticas, sociais e económicas dunha sociedade”. Incluso desde un punto de vista da psicoloxía de cada persoa, as grandes mudanzas crean incertidume e mesmo certo medo. A revolución identifícase maioritariamente con procesos violentos, convulsos e que resultan moi negativos a curto prazo. Se, ademais, se adereza todo cun símbolo como a guillotina, probablemente se perda para a causa a todas as persoas aprehensivas co sangue. Quizá fose máis axeitado vender a república como o que realmente debería ser: un paso natural para unha sociedade cunha democracia xa madura e que pode pensar se  quere deixar unha institución herdada dunha ditadura. Sen derramamentos de sangue, sen violencia, sen traumas nin conflitos.

República

Unha guillotina republicana// Twitter

Outra guillotina republicana// Facebook

Outra guillotina republicana// Facebook

O léxico complexo

Cando unha persoa está moi politizada ou moi implicada na causa republicana pode sentirse tentada a argumentar que “a reclamación cidadá dun referéndum é a expresión da necesidade de empoderamento popular para recuperar a soberanía sobre a elección do xefe do estado e abrir paso a un proceso constituínte” sen saber, quizá, que iso á meirande parte da cidadanía non lle di absolutamente nada. É moito máis sinxelo e accesible dicir que “o lóxico nunha democracia é escoller ao xefe do estado”. Mudando isto quizá non se pareza tan listo nas redes sociais ou nas manifestacións, pero polo menos cada un poderá intentar convencer á súa familia que defender a república non implica ser un friki.

Cal é a folla de ruta a seguir?

O “ir facendo, ir vendo”

Entre todos os que levan pedindo república nos últimos tempos falta o primeiro que “perdese” algo de tempo en explicar os diferentes modelos que existen e sinalar cal sería o máis axeitado para España. Presidencialismo, semipresidencialismo, parlamentarismo… Cal é a folla de ruta a seguir? Isto non é unha cuestión menor, pois incidirá directamente no deseño das institucións e dos órganos de poder.

É certo que se asumimos que para acadar a república se deben agregar esforzos non parece conveniente crear fracturas entre os republicanos, pero si que se deben presentar proxectos que sexan capaces de liderar grupos sociais e opinións. O que non semella aceptable é o discurso de “primeiro conseguila, despois organizala”, pois dá a impresión de estar correndo sen dirección cara un futuro incerto, non a de estar dando o “paso natural” do que falabamos anteriormente.

Ademais, podemos falar dunha pequena falta de perspectiva e realismo, como é non dar asumido que se hoxe España fose unha república case con toda seguridade o seu presidente sería José María Aznar,  que retrataron con sorna en El Intermedio.

Pensar que xa son maioría

Este é un erro que é moi común na España actual, o de pensar que unha manifestación é a vontade dunha maioría cando, incluso se esta é millonaria, representa unha porcentaxe pequena da poboación. De pouco serve unha marcha cando esta non ten unha expresión canalizada por algunha opción electoral. Se fose certo que a causa republicana é unha petición dunha maioría social que entende que é clave na organización do estado, habería algún partido estatal que faría dela a súa principal bandeira ideolóxica. Coa cantidade de recursos que os partidos invirten en coñecer a opinión dos cidadáns e buscar nichos electorais, se este fose real e significativo combatirían por el sen miramentos e gañaría o que apostase por el. De feito, seguramente se o PSOE non se posicionou abertamente a favor da república, non deixa de ser porque temen o custo político que isto poida carrear.

En resumo, quizá no lado republicano deste debate sobre belicismo, simboloxía e partidismo; e quizá falte algo de pedagoxía, cercanía e serenidade. De momento, a única certeza é que onte houbo polo menos un que se aburriu co tema tanto coma o que aquí firma.

Froilán, talvez avisando de que non chegaba a tempo a repartir os flyers// La Vanguardia

Froilán, talvez avisando de que non chegaba a tempo a repartir os flyers// La Vanguardia