Quixera ser incivilizado coma Eric Cartman: South Park en dez episodios ácidos
Coma unha teima imperecedeira que asoballa a cativos e herexes, esa vella idea da moral impositiva acode a nós coma un protocolo de riguroso cumprimento que garante a harmonía da convivencia civil e fomenta a supervivencia (xa de por si rabuda) no convulso territorio da vida. Asimilamos regras escrupulosas que salvagardan unha existencia á que continuamente se lle impoñen límites, e onde a capacidade humorística sempre parece coartada pola vixencia dunha preceptiva que non atura o intolerable, e que dispón dunha coxuntura baseada no politicamente correcto para nos comedir. De feito, as limitacións do campo do humor son tales, que unha minima brincadeira que vulnere o dogma da comuñón xeral provoca crítica inquisitiva, deprecación e, finalmente, censura e discriminación.
Neste contexto de posmodernidade latente (e non tan latente), parece lóxico aclamar como heroes a aqueles individuos que transgreden as fronteiras do permitido e acceden a ese ambiguo ámbito do ofensivo, do non consensuado. Son poucos, pero están moi privilexiados; gozan dunha merecida sona de “irreverentes” e de “iconoclastas”, agredindo sen piedade as sensibilidades menos vulnerables, os axiomas máis distinguidos. Baste con que calquera lector pense naqueles actos subversivos que vencen ese armisticio tácito entre medios e actores mediáticos e expoñen as vísceras da verdade, a miúdo impoñendo o disfraz da sátira ou da parodia como coartada.
O día de hoxe, procuraremos analizar un deses axentes do caos, cuxas apreciacións sobre o cómputo da sociedade nacen dunha comprensión mediatizada polos exabruptos e pola apatía: South Park. Creado en 1997 por Trey Parker e Matt Stone, South Park é a segunda serie de animación máis lonxeva de tódolos tempos, superado somentes polos hexemónicos habitantes amarelos de Springfield. Para quenes aínda descoñezan o argumento da serie, o programa segue a vida de catro raparigos (Stan Marsh, Kyle Broflovsky, Eric Cartman e Kenny McCormick) no níveo e hastiante pobo de South Park, no corazón das montañas de Colorado. Ata aquí, a trama parece se non insípida, si intrascendente; non obstante, os seus creadores (e guionistas principais) empregan as técnicas do absurdo e do insólito para desprazar a cotidianeidade aciaga e executar unha serie de narracións que abranguen dende o ácido ata o subversivo, de modo que se ilustren as numerosas lacras que laceran a sociedade estadounidense.
South Park é así un exercicio de intemperanza para cos estamentos do poder no país do Tío Sam, depoñendo os intanxibles e erixindo unha dialéctica viperina e insubordinada. Nada permanece alleo ó xuízo dos catro rapaces; toda polémica, toda controversia, é susceptible de seren versada pola críticia opinión de Parker e Stone, pródigos na arte da blasfemia e do desacato. Resulta significativo que asuntos tan debatidos sexan precisamente tratados por rapaces, que o analizan todo dende unha perspectiva inxenua e algo infantil, pero que non teñen absolutamente nada de inocentes: os abortos, a euxenesia, a eutanasia, o matrimonio homosexual, Wikileaks ou ObamaCare son asuntos que reciben valoración suficiente en tanto irrumpen na realidade dos protagonistas de xeito intempestivo e inesperado. Porque, en última instancia, eses motivos de actualidade son obstáculos para as súas propias desventuras infantís, e deben ser expulsados do panorama para regresar a unha actividade máis lixeira.
Rematada a súa décimo sétima tempada, o programa mantén unha implacable acidez respecto do espectro norteamericano; lonxe de aminorar a súa acritude para cos fanatismos endémicos do seu país, elevan o patrón gradualmente e parecen lexitimar calquera tipo de conduta ó exacerbar o máis mínimo inciso ata dimensión case surrealistas. Realizar unha selección canónica resulta case imposible: hai demasiadas demostracións antisemitas de Cartman, demasiadas mortes de Kenny, demasiados cameos de celebrities ridiculizadas ata o máis duro escarnio… Porén, dende Compostimes procuraremos ser selectivos neste decálogo que rebusca nas sete tempadas aqueles dez episodios que, prescindindo de xerarquía, sintetizan unha das series máis aclamadas tanto pola súa validez inmoral como pola súa punzante obxectividade. É evidente que calquera selección resulta insuficiente e tendenciosa, pero (you bastards!) nunca estará completa :
Tempada 10, capítulo 8: “Make love, not Warcraft”
Cando o fenómeno Warcraft chega a South Park, os rapaces de cuarto grao adícanse a desenvolver á súa personaxe virtual e a explorar o universo do xogo virtual a través do seu dopplegänger. Porén, un xogador experto aniquilará continuamente ós seus avatares, ata que os protagonistas decidirán adicarse enteiramente a gañar experiencia para finiquitar a súa vinganza. Este episodio resulta innovador en tanto a clásica técnica visual de South Park rompe a súa diéxese e incorpora elementos deseñados pola propia Blizzard Entertainment, creadora da exitosa saga de xogos “Warcraft”. Unha vez máis, os guionistas ridiculizan as absurdas prioridades dos rapaces, que prefiren abandonarse plenamente á súa peculiar vendetta que a continuar coa súa propia vida, evidenciando con isto a decadencia dos propios gamers, que socorren as súas carenciais existencias co desdobramento dunha personalide ficticia online. Un novo estudo da psicoloxía do adolescente (e non tan adolescente) moderno.
Tempada 9, episodio 12: “Trapped in the Closet”
Stan sinte que a vida perde gradualmente sentido para el, e sumido neste spleen vital accede a realizar unha serie de probas para os cienciólogos que reinstauren unha certa ledicia no seu organismo. As probas resultantes determinan que el é o herdeiro natural de L. Ron Hubbard, o fundador da Igrexa da ciencioloxía, e como tal deberá continuar redactando os textos sagrados deste particular credo. Aclamado como mesías da ciencioloxía, Stan recibirá a inesperada visita de reputados cienciólogos coma Tom Cruise ou John Travolta. Cruise gañará un particular protagonismo neste capítulo, ó empecharse no armario de Stan tras entender que as súas películas non gustan ó Mesías, e negándose a saír del. Esta metáfora da homosexualidade latente de Cruise, así coma os continuas ataques á ciencioloxía, tildándoa de rama alucinóxena de ciencia-ficción (empregando incluso axiomas redactados polo propio Ron Hubbard para ilustrar a súa ridiculez) supuxeron unha forte contraofensiva por parte dos avogados deste sectarista dogma, e que tiveron como repercusión inmediata a saída de Isaac Hayes, que daba voz a Chef, do staff do programa. De feito, unha vez que Stan acusa ós líderes da ciencioloxía de facinerosos e á propia relixión de farsa, todos os implicados, incluso aqueles que comparten a súa opinión, prometen represalias legais. Unha vez máis, a realidade superou a ficción.
Tempada 5, episodio 4: “Scott Tenorman Must Die”
Aínda que posteriormente organizaría un IV Reich en South Park, motivado pola película “A Paixón de Cristo” de Mel Gibson, este é, indubitablemente, o episodio cumio da maldade de Eric Cartman. Despois de seren estafado polo alumno de sexto grao Scott Tenorman, ó mercarlle os seus pelos púbicos, Cartman xura vingarse desta afrenta e planea continuas tentativas para vencer ó seu rival, que se ven frustradas pola astucia de Scott. Ante tanta infausta sucesión de fracasos, Cartman logra urdir un plan que expón tanto a infidelidade dos seus amigos (que o traizoan para intentar salvar a Scott) como a súa propia malignidade: a súa vinganza consúmase tras conseguir que un granxeiro psicótico asasine ós pais de Scott, e que el converte nun chili que lle serve ó propio Scott. Considerado un dos cumios narrativos de South Park, este episodio evidencia unha vez máis a crueldade categórica e ambiciosa de Eric Cartman, que non se deixará humillar ante nada nen ninguén. Incluso o cameo do grupo Radiohead resulta simbólico: Cartman é a “Karma Police” de tódolos integrantes do pobo.
Tempada 8, episodio 8: “Douche and Turd”
Despois de sufriren continuas manifestacións do PETA contra a súa mascota escolar, o Colexio de Primaria de South Park decide revocar a clásica vaca que os representaba e convoca unhas eleccións para designar un novo blasón. Cartman propón como broma un bocadillo de merda, que recibe como contestación a ducha vaxinal proposta por Kyle. Designados estes dous como os candidatos máis votados, ábrese un período electoral entre cal dos dous ha se-la nova mascota oficial do colexio. Stan, impávido ante a demostración de inmadurez dos seus compañeiros, decide absterse de votar, o cal lle leva á marxinación e á discriminación social, xa que tódolos habitantes do pobo lle reclaman que faga uso das súas liberdades democráticas, que tantos cadáveres e esforzos supuxeron ó longo da historia. Desconcertado pola natureza dun debate tan grotesco, Stan négase a participar de tamaña bufonada, co cal é emplumado e deportado fóra do pobo. No seu vagar polos médanos da deserción, atopa a colonia do PETA, onde os ecoloxistas e os animais conviven de xeito carnal, creando seres amorfos e antinaturais fruto da zoofilia. Cando Stan xa comprende a imposibilidade da súa vida, un ecoloxista lle di: “Sempre toca escollar entre un bocata de merda e unha ducha vaxinal; nunca hai máis opcións”. Reflíctese así a suma impotencia do sistema electoral norteamericano, anquilosado nun bipartidismo tiránico, cunhas posibilidades mínimas, que exhiben unha ominosa falta de liberdade e que teñen tanta validez como lanzar unha moeda ó aire. Exactamente igual que aquí.
Tempada 9, episodio 4: “Best Friends Forever”
Inspirado no famoso caso de Terri Schiavo, o episodio comeza con Kenny mercando a primeira PSP do pobo, e logrando grandes récords nun xogo chamado “Heaven vs. Hell”, que o mantén adicto as 24 horas ata o punto de que, dunha maneira irremediable, resulta atropelado por un camión dos xeados. Kenny entra nun profundo coma que o mantén en estado vexetal, mediando entre a vida e a morte, estado que en realidade formaba parte dun plan divino para que Kenny comandase as tropas do Ceo contra as de Satán (“You’re our Keanu Reeves, Kenny”) , que planexaba tomar o territorio do que unha vez fora expulsado. De volta na Terra, Kenny lega no seu testamento a súa PSP a Cartman, feito que só se fara efectivo unha vez que Kenny morra de xeito orgánico e definitivo. Comeza entón unha pugna legal entre os pro-vida (Stan e Kyle) que abogan por manter vivo a Kenny, incluso vexetal, cos rudimentos maquinarios da respiración artificial e alimentación intravenosa, e Cartman que, levado polo seu egoísmo, postula que os seres humanos non deben xogar a ser Deus. Este brutal debate entre as dictomías da agonía da vida e a miseria da morte resólvese nun derradeiro suspiro coa petición testamental de Kenny, que demanda que non o mostren tan vulnerable en televisión. Con Kenny falecido (para variar), este logra comandar as tropas do Ceo á victoria sobre as satánicas e reinstaura a orde celestial.
Tempada 10, episodios 3, 4: “Cartoon Wars”
Despois de que a serie Family Guy anuncie que vai amosar ó profeta Mahoma sen censura nun dos seus episodios, un temor a un hipotético ataque nuclear toma as rúas de toda a nación, tendo en conta o fundamentalismo arábigo en torno a transfiguración visaul do seu profeta. Kyle, seguidor da serie, acepta ir con Cartman cara a Hollywood, de xeito que convenzan ós produtores da Fox de censurar o episodio para evitar calquera tipo de contestación armamentística por parte dos correlixionarios musulmáns. Porén, a medida que se achegan ó seu destino, Kyle comprende que calquera tipo de concesión ante os yihadistas non é senón unha proba máis da debilidade da liberdade de expresión, condicionada sempre polo uso da coacción violenta. Comeza entón unha carreira entre Kyle e Cartman para decidir o destino do episodio de Family Guy, no que se pon en entredito a lexitimidade de tódalas demostracións públicas de humor, validando ou non a súa natureza, independentemente do crúas ou áspera que sexan as súas intencións. “Ou tódalas bromas, ou ningunha”, sentencia Kyle. Neste caso, dende South Park se autorreferencian, en tanto eles mesmos vítimas dun certo silenciamento social, en tanto os temas sobre os que se desenvolven achegan ámbitos controvertidos da sociedade, sobre os que, segundo parece, a única solución é un insuficente tabú. En resumo, este episodio acepta como válida calquera tese humorística, por amargo ou vil que sexa o seu propósito. É curioso apuntar a presenza de Bart Simpson neste episodio, que se alía con Cartman para pór fin a unha serie que ameaza con destrozar o mínimo concepto de humor orixinal.
Tempada 13, episodio 3: “Margaritaville”
Acuciados pola crise económica que asola todo o país, os habitantes de South Park vén como as súas contas bancarias perden abruptamente tódolos seus fondos, despois de teren vivido por riba das súas posibilidades. Despois de que os seus cidadáns se convirtan en profetas improvisados de posibles solucións económicas (incluido Cartman, que acusa ós xudeus de ser responsables da recesión económica), o pobo decide adoptar o sistema de austeridade proposto por Randy Marsh (pai de Stan), co que prescinden tanto de luxos inútiles coma de mínimos aparellos electrónicos, regresando ata unha época de simpleza tal que se identifica plenamente cos tempos romanos. Farto desta parca e sobria existencia, Kyle, o xudeu, sinala que a solución non reside na salvagarda a ultranza dos aforros, senón que só a través dun gasto controlado se estimulará a economía e se reavivará o fluxo común de capital. Enfrontado coa garda áulica de Randy, que constituíu o seu propio Sanedrín, Kyle realiza o sacrificio definitivo: adquire unha tarxeta de crédito e paga eventualmente as débedas de tódolos cidadáns de South Park, resultando el endebedado de por vida. Namentres, Stan realiza unha viaxe para devolver unha máquina adquirida polo seu pai para preparar margaritas que o leva por tódalas principais institucións burocráticas e bursátiles da nación, ata chegar ó epicentro do problema económico, Washington, onde descubre que se decide a economía e o seu devir do xeito máis azaroso e ridículo posible: decapitando a unha galiña, e deixando que zozobre nunha diana para decretar o valor real dun produto dentro dun sistema financieiro corrupto. A base real da economía, de feito.
Tempada 5, episodio 1: “It Hits the Fan”
Coñecidos son os ensordecedores pitidos que atenazan os diálogos das series norteamericanas cando algún exabrupto aparece en pantalla: rompen o discurso, crean un orde desarticulado e producen uns atributos dialécticos articulados na racanería léxica. Xogando con esta fútil premisa, os creadores de South Park deseñaron un episodio destinado, precisamente, a torturar ós censores e aportar validez a toda nomenclatura para producir a súa serie: mediante unha trama que rebusca a vanidade de todo vocabulario, os expectantes habitantes de South Park contemplan coma un desafío que, nunha popular serie policíaca, se diga o termo “merda”. Durante todo o capítulo, cun contador presente nunha das esquiñas da pantalla, se recontan un total de 162 aparicións do termo “merda” e variantes, o cal conleva un desgaste de tódolos termos ofensivos, debido a un abuso innecesario e a unha ceremoniosidade da linguaxe escatolóxica que devalúa o significado primixenio. Deste xeito, este episodio se constitúe como unha apoloxía do vocabulario idóneo para cada situación, en lugar dun emprego indiscriminado e casi gratuito de caralladas e ofensas, deixando evidente a nula sensiblería do espectador medio norteamericano, curado xa de espantos, e amosando como superflua e intrascendente esa labor puritana de pulcritude léxica das oficinas de censura.
Tempada 10, episodios 12, 13: “Go God Go”
A chegada do eminente evolucionista Richard Dawkins á escola de South Park supón unha afrenta para a (entón) señora Garrison, creacionista recalcitrante, que non tolera unhas teorías tan disparatadas nun país tan férreamente cristián como os Estados Unidos. Porén, e tal vez motivado polas súas diferencias, comezan un romance que enfronta as dúas posturas (e nunca mellor dito) sobre a concepción do ser humano. Namentres, Eric Cartman, farto de esperar a chegada da Wii á súa tenda de videoxogos, decide conxelarse no tempo durante unha semana para mitigar a espera; pero a súa estratexia resulta errónea por unha avalancha que o sobrevén, espertando nun futuro utópico onde, debido ás ligazóns entre Dawkins e Garrison, toda relixión foi extinguida e suplantada por un cientifismo baseado na procura da verdade. Cartman alega entón que, coa fin das diferenzas entre credos, existirá unha fraternidade universal; pero asómbrase de atopar que aínda perviven os enfrontamentos entre faccións, motivados precisamente sobre cal debe ser a auténtica natureza da verdade sobre a que se debe soster o patrimonio da existencia. Con este episodio, Parker e Stone insinúan que o conflito non é senón unha cualidade inherente e consubstancial do ser humano, e que aínda mutando as regras do xogo, o conflito permanecerá pola belixerancia inxénita que nos caracteriza. Ademais, o egoísmo do propio Cartman o leva a rivalizar diversas agrupacións entre si para lograr o seu propósito: facerse coa Wii. Esta lectura hobbesiana de South Park deixa en evidencia unha realidade que só parece exorcizar a relixión.
Tempada 9, episodio 14: “Bloody Mary”
Despois de ser detido por conducir nun estado de ebriedade, Randy Marsh é obrigado a asistir ás reunións de Alcohólicos Anónimos, onde malinterpreta a súa mensaxe e asume a súa condición de dipsómano non coma unha dependencia etílica, senón coma unha enfermidade semellante ó cancro ou á Sida, que non ten máis cura que un doloroso tratamento. Resignado a unha morte hepática, Randy descobre en pantalla unha milagre que está a ter lugar nunha capela cercana, onde unha estatua da Virxe María bota sangue polo cú, o que se supón que ten poderes curativos para cos menesterosos. Ávido de curar o seu sufrimento, Randy achégase ata o lugar, onde unha congregación de minusválidos e persoas con diversas taras fai cola pra se aproveitar do milagre ficticio, determinado coma tal por un representante insigne do Vaticano. Este episodio sufriu unha forte ofensiva por parte de diversas agrupacións cristiás, que entenderon como blasfema a imaxe vertida acerca da Virxe, convertida nun obxecto de mofa e befa, despoxada do seu valor pío e desacralizada como un ítem do máis zafio e mesquino. Pero iso é, ó fin e ó cabo, o propósito dos creadores: vulnerar todo desequilibrio considerativo para imprimir un selo democrático incluso nas máis irredentas simas do credo.
Conclusións
Como árbitro das liberdades mundanas, South Park executa de xeito inmisericorde un programa habituado a transgredir o estipulado como ortodoxo e incidindo con frecuencia nas máis impenetrables verdades da sociedade, asumidas como tales por un consenso tácito de sumisión e permanencia. Nun último termo, a irreverencia do programa convida a crer nunha realidade máis aló do fanatismo dogmático, da asunción militante de calquera facción, de xeito que o cidadán se desprenda dos idearios que acepta como lexitimidade unívoca e se permita o luxo de botar unhas gargalladas nesta voluble realidade. Porque unha pechazón unidimensional, unha letura sen perspectiva, é un xeito tedioso de convivencia e perduración; convén replantexarse obsolescencias e importunar oligarquías acrecentadas, de xeito que todo poida ser obxecto de humor e de sátira. Benvida sexa a comedia sen límites.