Pegada violeta (I): Inspiración, delicadeza e tenrura
Os que decís qu’a muller
non tên a cabeza feita
para soster unha coroa
e que non sirve para reina
é qu’e esquecendes cicais
que tod’a historia esá chea
de nomes qu’o brilo teñen
de luminosas estrelas.
Pontes, carreiros, papel, auga, pedra e letras, a Ourense de finais do século XIX era un mundo de homes, que diría James Brown, no que empezaba xa a xestarse o esplendor cultural da época Nós. Sen embargo, este mundo de homes non tería sido o mesmo sen certa muller. En 1856, a cidade das Burgas vía nacer á única poetisa e escritora que, alén de Rosalía, publicará en galego durante este século.
Probablemente hoxe o nome de Filomena Dato non lles soe demasiado, pero algo máis de cen anos atrás non lles sería indiferente. Non o era para Curros, tampouco para Murguía e Valle Inclán, nin para o pioneiro da prensa galega Lamas Carvajal. Os círculos culturais e literarios, os certames de Xogos Florais e as publicacións da época serán o berce dunha muller históricamente esquecida, autora dunha escolma poética en galego e castelán de gran calidade e verba reivindicativa. Inspiración, delicadeza e tenrura, dase a coñecer aos 18, coa publicación do seu relato La Ciega no xornal El Heraldo Gallego. Como afirma o escritor Fernando Román Alonso en Filomena Dato Muruais, defensora das mulleres, “a súa personalidade poliédrica, sociabilidade, cultura e sensibilidade logrounas amosar na súa obra poética, que a converteu nun dos referentes da poesía galega e española, sobre todo en galego. Considerárona digna sucesora de Rosalía.”
Os círculos culturais e literarios, os certames de Xogos Florais e as publicacións da época serán o berce dunha muller históricamente esquecida, autora dunha escolma poética en galego e castelán de gran calidade e verba reivindicativa.
Malia cinco libros en castelán, salienta o poemario Follatos (Ourense, 1891), íntegramente en galego. Aparece aquí a composición En defensa das mulleres, titulada como a de Feijóo (Montenegro, que non outro…) e gañadora dun certame celebrado en Ourense en conmemoración deste. A peza fai honra ao seu título, introducindo conceptos totalmente revolucionarios para unha muller da época. A idea dunha muller válida, privada do acceso á ciencia e ao saber (“¿Que será cand’ elas sepan que xa ninguén as cretica por buscaren afanosas a luz d’a sabidoría?) mestúrase con dúbidas existenciais sen resposta aparente (“¿D’onde sacaron que as almas teñen com’os corpos seuso?”). Nos seus versos, planta cara ós dogmas da curia, á idea de pecado orixinal e á imaxe de ineptitude dunha muller culpable dos males do home (“pois si por elas pecades, a culpa non lle votedes, que nunca o sol tivo culpa de que quen o mire cegue”). Coincidindo coa súa amiga Pardo Bazán na era pre-Femen, a autora fixo valer a súa voz mediante a implicación e o traballo. Non en van, no ano de creación da RAG, foi aceptada —previa proposta de Curros— como membro correspondente.
“Estivo de cote ond’a chamou o deber do seu tempo. Deixou un nome ilustre na nosa historia literaria, e un mangado de versos, frescos moa rosas, na nosa antoloxía.” Revista Nós, numero 27.
Filomena morreu na Coruña no 1926, foi enterrada en Sada e moi sentida na Galicia cultural do momento. Como indica Román Alonso, nese mesmo ano o número 27 da revista Nós publicará unha nota no apartado Os homes, os feitos, as verbas, na que fala de Filomena como unha muller culta e sinxela que conseguiu o respeto e o sitio entre figuras de relevancia. Tal e como di a publicación, “Estivo de cote ond’a chamou o deber do seu tempo. Deixou un nome ilustre na nosa historia literaria, e un mangado de versos, frescos coma rosas, na nosa antoloxía. O sentimento u’en todos casou a súa morte, indica ben qu’andaban co-ela a afeión, o respeito e a ademiranza dos galegos en cios peitos deixa agora a saudade do seu talento. Non a esquecerá a Galiza”.