O que de verdade importa
De entre todas as afeccións (no doble sentido da palabra en galego) da nosa sociedade cando fala de política, a que máis fascinación me causa é a capacidade que posúen certos temas con pouca ou ningunha relevancia no desenvolvemento dun país de polarizar as opinións e as discusións. E de entre todos estes temas, a sublimación do absurdo sempre me pareceu o debate entre monarquía e república.
No aburrimento que me produce esta loita a peito descuberto probablemente teñan moito que ver os argumentos de patacón que esgrimen ambos bandos. Por unha banda temos a caspa cañí que rezuman aqueles que se abrazan á coroa polas súas vellas glorias e remiten á Constitución coma se fose unha lei escrita en pedra, inmodificable e incuestionable. Pola outra, o doble fondo daqueles que reivindican desde os parlamentos e as tribunas a república polo seu talante democrático envoltos en bandeiras soviéticas e cubanas, aínda que a estes últimos creo que non lles molesta especialmente a herdanza do trono por cuestións de sangue.
O tipo de xefe de estado por si mesmo non garante nada
Mais debo confesar que os que máis tenrura despertan en min son os que fan do modelo de xefatura de estado a súa principal bandeira ideolóxica, pois non entenden ou non queren entender que debater esta cuestión en abstracto en democracias nas que o xefe do estado non ten poder executivo é unha banalidade monumental. Que un país sexa unha monarquía ou unha república non garante por si mesmo nin unha maior liberdade, nin unha maior prosperidade, nin unha maior igualdade entre os individuos, nin maior dereito de autodeterminación dos pobos, nin unha democracia de maior calidade, nin maior transparencia. Por non garantir, non garante nin que o custo da xefatura do estado sexa menor. Polo tanto, a discusión non ten máis fondo có simbólico, nin máis forma ca unha bandeira ou unha nomenclatura. En definitiva, presenta pouca máis relevancia ca unha apaixoada campaña de propaganda sobre se as rúas dun barrio novo de Compostela deberían levar os nomes de xogadores do Obradoiro ou do Santiago Futsal.
Vivimos nun lugar con 6 millóns de parados, arredor dun 50% de paro xuvenil que só se ve mitigado pola crecente emigración, unha débeda que se achega perigosamente ao 100% do PIB, unha fiscalidade que afoga ao sector produtivo da economía, administracións públicas e partidos políticos infectados de corrupción por cada un dos seus recunchos e a todos os niveis, unha separación de poderes canto menos cuestionable, un modelo de organización territorial que resulta cada vez menos defendible e un interminable etcétera de problemas do sistema que afectan gravemente a todos os cidadáns no seu día a día. Por iso non deixa de abraiarme que aquí, cada certo tempo, pensemos que o que de verdade importa sexa o nome que lle poñen ao sátrapa maior da tribo.