Ataque Escampe: “A vida tamén é falar dunha señora de cincuenta anos! “
Levan máis de dez anos dando guerra no panorama musical independente galego. Creadores do “Rock de serie B” etiquetáronse unha vez, pero o certo é que xa probaron e mesturaron tódolos estilos musicais que lles veu en gana. Evolucionan sen perder a súa esencia, converténdose así nun grupo único. O 26 de Maio publicaron o seu último traballo, Disco Vermello. Atópome con Samuel e Miguel no CGAC de Compostela.Sentamos nun murete ó aire libre, expoñéndonos ó sol do último día de maio, ós paxariños, ás señoriñas de paseo e a unha parella de noivos en plena sesión fotográfica para a súa voda. Todo un marco de inspiración que se cadra dá para un novo tema destes músicos.
En Disco Vermello falades de historias universais, de sangue e supervivencia, ¿inspirouvos algún suceso persoal en particular?
SAMUEL: Bueno, o que se conta no disco son historias bastante diferentes que pretenden ser ficción. A verdade é que ó final, o que máis inspiraba a cada unha eran outras obras de ficción, películas ou libros, ou noticias de prensa ou cousas así. Normalmente non tendemos a escribir moito dende unha expectativa persoal.
MIGUEL: Os personaxes son de sección, quizáis teñen algo de nós mesmos, pero nunha proporción pequena. Eu creo que se falásemos de nós mesmos sería moi aburrido, aínda máis aburrido.
Por que escollestedes a cor vermella?
M: A cor vermella é a cor que simboliza á esquerda, eso por unha parte e por outro lado é unha cor que denota como intensidade. Nós queriamos retratar unha situación difícil, de supervivencia, de apuros. Para que se note a carnalidade, a vida e a morte, pois o vermello é a cor que mellor lle vai. Non vai ser unha cor así como gris, mellor vermello.
Nós queriamos retratar unha situación difícil, de supervivencia, unha situación de apuros
Cal é o voso tema favorito do novo disco?
S: É un disco que necesita bastantes escoitas, non digo para nós, que xa lle demos bastantes mentres o faciamos, pero para o público necesita bastantes escoitas. É difícil facerse unha idea de tema favorito.
M: Temos temas “non favoritos”, pero eses non os imos dicir para non condicionar a escoita. É mellor non dicilo porque despois, quen o lea ou quen o escoite vai dicir: Bah pois ten razón, é unha merda.
Tamén poden dicir: Era meu favorito.
M: Bueno, mellor non falar do non favorito. Os meus favoritos seguramente sexan: Street Fighter e Horas Extra.
S: Eu non vou dicir os meus favoritos, non os teño realmente. Ti cando escoitas un disco, podes escoitar os temas, os temas poden funcionar, neste caso entendo que cada tema funciona só. Pero o disco non é só unha suma de temas senón que tamén multiplica, o feito de oílos xuntos crea unha sensación que non crearían por separado, entón nese sentido nós recomendamos que o disco se escoite enteiro e moitas veces.
Hoxe decateime de que falabades de Ferrol no tema Música Industrial…
S: Queriamos que algún tema tivese ese punto de vista, dun pouco de decadencia. Estivemos vendo estatísticas, por exemplo do desemprego que hai alí e sorprendeunos. Nós non somos de alí… algún de nós ten algo de familia. Sorprendeunos bastante os niveles de paro que hai e a diferenza, o micromundo nese sentido que se crea un pouco respecto de Galicia. Falamos de Ferrol, pero ó mesmo tempo tampouco falamos de Ferrol, é unha especie de metáfora en xeral das cousas… se funcionan ou non funcionan. Esas preguntas que hai nesa canción que se chama Música Industrial , que facer, que se pode facer cando en teoría non hai nada que facer.
M: Nesa canción tamén optamos por escoller un personaxe que son dúas mulleres de cincuenta anos, traballadoras que non teñen moito que ver con nós, pero que pensábamos que era un punto de vista bastante inusual. No rock normalmente un fala desde a súa propia vida, que ó final podes acabar caendo en tópicos… de saír e de beber e todo iso, que nós iso xa o fixemos bastante entón agora… A vida tamén é falar dunha señora de cincuenta anos! Iso forma parte das nosas vidas aínda que nós non o sexamos. Parecíanos entrañable.
No rock normalmente un fala desde a súa propia vida, que ó final podes acabar caendo en tópicos… A vida tamén é falar dunha señora de cincuenta anos!
As vosas letras están cargadas de crítica e teñen trasfondo, ¿traballo ou intuición?
S: As letras teñen traballo.
M: Hai traballo, facendo e pensando as letras. Despois a intuición é que, un cando fai unha letra ten unha vaga idea do que quere dicir e despois tense que guiar pola intuición na medida en que ves algo que funciona, que igual non sabes perfectamente o que significa pero sabes que pode ter bastantes significados, que é bonito ou que funciona, eu creo que o verbo é funcionar. Entón o deixas, pasado o tempo volves ler a letra e se cadra atopas significados que antes non había, ¿por que? Porque acertaches na intuición, sabías que aí había algo interesante aínda que no momento non sabías exactamente que, e así se fai, ou así facemos nós.
(…)pasado o tempo volves ler a letra e se cadra atopas significados que antes non había, ¿por que? Porque acertaches na intuición…
Sempre evolucionades cara novos estilos, nunca soades igual pero mantedes a vosa esencia, ¿por que cara ó soul e o dubstep esta vez?
M: Son estilos que nos gustan e é certo que nós cada temporada imos cambiando de música que escoitamos, entón os discos son un pouco o reflexo da música que estabamos escoitando nesa temporada e sempre un pouco coa premisa de non repetirse. Porque nós non somos un grupo que viva de vender discos nin nada, entón podemos arriscar. Ó ir a territorios que non coñeces demasiado recibes unha satisfacción maior, porque facer o que xa sabes facer, pois ten menos emoción, menos aliciente.
Facer o que xa sabes facer, pois ten menos emoción
Ten que ver tamén con que explorades con novos instrumentos? Dependedes deles para os estilos?
M: Non, máis ben primeiro decidimos o tipo de instrumentos que imos usar e despois preparamos todo, pero xa che digo, tamén está influenciado pola música que esteamos escoitando.
S: En xeral, ultimamente estamos recorrendo máis a instrumentos electrónicos e hai certos instrumentos que se poden samplear ,por exemplo, que se poden coller de bibliotecas, que se poden facer sintéticos, obviamente non para instrumentos principais, pódese facer un instrumento para un arranxo. Tamén se pode recorrer a iso, non somos moi puristas con este tema.
Como vedes o panorama musical independente galego na actualidade?
S: Bueno, vémolo con certo optimismo, certa cautela tamén. Creo que se están facendo bastantes cousas, que se están creando selos, están aparecendo grupos interesantes musicalmente. Fai uns anos estaba a cousa máis centrada nuns poucos estilos e tamén o que é máis interesante é que se está creando un público. Antes ó mellor había moitos grupos, pero realmente a xente pedía que lle amenizases a festa, pero non eran un público estritamente musical. Agora cada vez máis está habendo este público, ése é o lado bo e ó mesmo tempo tamén estase a precarizar a situación económica dos grupos, cada vez é un pouco máis difícil funcionar e incluso ser autosuficiente, entón xa digo, vémolo con optimismo pero hai que ser prudente.
Antes ó mellor había moitos grupos, pero realmente a xente pedía que lle amenizases a festa, pero non eran un público estritamente musical. Agora cada vez máis está habendo este público
Isto foi o que os levou a fundar Discos da Máquina?
S: Si, entre outras cousas. Montamos Discos da Máquina porque nos faltaba, estabamos un pouquiño orfos. Anos antes houbera cousas, había aínda unha estrutura de selos musicais. No noso caso contábamos tamén cun netlabel que despois fixo selo, que funcionaba un pouco, chamábase a Regueifa Discos o que pasa que pronto desapareceu tamén sen dar moito aviso. Entón houbo un momento que nos empezamos a autoeditar. Por exemplo, Violentos Anos Dez que é o noso anterior LP, editámolo nós, pero iso de autoeditar é moito traballo porque tes que distribuír ti, facer a promoción… pois son un pouco pesados e un pouco desagradables, entón se fas unha estrutura de selo aínda que sexa moi pequeno, pois é un traballo que sempre se comparte entre máis persoas e aforras un pouco.
E o panorama universitario santiagués como o vedes?
S: Arrecarallo, eu fai bastante que non estou moi próximo a el, pero parece que hai menos cuantitativamente, menos estudantes que cando estudabamos nós, aínda que non sei se ten algunha relevancia…
M: Supoño que será parecido. Nós cando empezamos co grupo, normalmente a xente coa que colaborabamos era máis maior ca nós e era interesante coñecer ese punto de vista, pero agora seguimos colaborando con xente maior ca nós pero tamén con xente máis nova, porque xa poden ser máis novos, antes se eran máis novos estaban no instituto… e entón ese compartir ideas e proxectos con esa xente uns cantos anos máis nova pois é bastante gratificante porque ti tamén te sentes máis novo. Iso é unha das cousas boas da música, que é bastante democrática en canto a idade. Se tes un espírito vitalista e de acción pois é igual que teñas vinte, que trinta que corenta, ó final vas estar aí facendo cousas relacionadas co mundo da música, que ten un pouco de compoñente xuvenil xa de por si, porque é un tipo de vida digamos non apto para xente moi sedentaria e apoltronada.
Se tes un espírito vitalista e de acción pois é igual que teñas vinte, que trinta que corenta, ó final vas estar aí facendo cousas relacionadas co mundo da música
S: Nós temos agora 31, 32 anos. É certo que cando nós empezamos a escoitar música e eramos adolescentes, pois aínda estabamos nunha situación na que a música que escoitabas era a que che ía chegando. Había internet pero non se utilizaba para intercambiar ou descubrir cousas. Agora xa está en activo unha xeración, uns cantos anos máis novos ca nós, 6 ou 7 anos, que toda a súa vida musical xa se fixo nun contexto no que había un acceso máis fácil a todo por Internet. É bastante interesante esa xeración, antes un grupo de rapaces novos pois facían un rock moi básico e despois xa ías descubrindo cousas novas conforme ías escoitando. Pero agora hai xente que xa con 19 e 20 anos saben de músicas que eu tardei moitos anos en chegar.
M: A parte, unha cousa moi sana desa relación, non digo interxeracional porque igual somos todos da mesma xeración, pero por exemplo en Discos da Máquina igual hai 15 anos de diferenza entre o máis novo e o máis vello e non hai ningún sentimento aleccionador por parte dos máis vellos “Si vos soubésedes…” contando batallitas ou dando leccións. Todos nos comportamos igual, de maneira horizontal, igual de inocente e ilusionada, o mesmo espírito. Da igual que teñas 23 que teñas 40.
Tendes previsto algún concerto por Compostela?
M: Pois si, temos previsto o 14 de Xuño no Romaría Pop, que se fai en Belvís durante o día e despois temos algúns outros concertos no verán, na Mariña Lucense.
O deseño da portada e do lalinense Misha Bies Golas ¿queriades expresar algo con esa portada ou foi a intención do autor?
M: O autor tiña a instrución de que a cor predominante fose o vermello, para que así se lle puidese chamar Disco Vermello e que non tivese que ir o título na propia portada. Despois o Misha, a parte dun artista plástico emerxente e xa cunha traxectoria moi respetable, xa o coñeciamos de antes e tiña unha visión das cousas similar á nosa, pero el dende o ámbito das artes plásticas e a nós nos apetecía introducirnos dalgunha maneira nese mundo, porque aínda que non sexamos uns expertos no tema é algo que nos resulta suxestivo.
S: A nós gústanos moito traballar con formatos físicos, non nos gusta publicar e traballar só por Internet, entón escollemos tamén un tipo de deseño que lucise moito. Espero que luza porque aínda non temos os discos físicos, chegarán en dez días máis ou menos pero cremos que isto vai dar un obxecto físico moi bonito, así rugoso e tal.
M: Ademáis como é un artista emerxente, esperamos que vaia para arriba para que no futuro este disco sexa como a obra de Picasso ou algo así , nós pensando en todo…
Que plans tendes para o futuro?
M: Pois realmente este disco serviunos para poñer á proba a nosa creatividade en canto a buscar fórmulas novas, eu creo que máis ou menos conseguimos ese obxectivo e iso danos ánimos para seguir facendo cousas distintas. Ademáis hai bastante bo feeling entre os membros do grupo, bastante solidariedade no traballo, e isto tamén é un bo argumento para continuar facendo cousas.
S: Feeling no traballo si, mais no momento de facer entrevistas… non hai.
Algunha anécdota dalgún concerto?
M: Nós sempre fomos un grupo en directo que dependía bastante do día e das circunstancias para tocar, do noso estado de ánimo, que non é recomendable, pero bueno, fómolo mellorando co paso do tempo, iso de ser máis profesionais e de facer o show independentemente das ganas que teñas de facelo. É curioso porque antes, ó principio saíannos concertos de debaixo das pedras, case sen querer e claro, tiñas tantos concertos sen buscalos que os tomabas un pouco como un encordio daba igual facelo ben que facelo mal. Agora que hai menos, valoras máis o feito de estar no escenario e intentas prepararte para disfrutar ti e que a xente tamén disfrute.
S: Xa que falas de anécdotas, aí atrás tivemos un concerto de celebración dos 10 anos, aínda que o grupo por así dicilo dende que fai discos e ten máis actividade e máis recente. Bueno, pois levamos tocando xuntos dende o 2002, pois no 2012 celebramos os nosos 10 anos cun concerto, tocamos de esmoquin e con motivo diso sacamos no noso blog unha especie de serie na que contabamos, ordenadas tematicamente, as nosas anécdotas, cun pouco de vergonza allea porque claro, empezamos case sen saber tocar ó principio, entón parecíannos un pouco vergoñentas . Así que se alguén quere coñecer anécdotas un pouco penosas e patéticas de Ataque Escampe, pois sigue accesible no blog. Hai unha nómina dende as feridas que tivemos por cousas relacionadas cos concertos, veces que tivemos que tocar con brazos e pernas rotas e os diferentes nomes que lle puxeron ó grupo, ós concertos ós que nos chamaban cando non tiñamos nin puta idea de tocar… todo iso está aí.
Hai unha nómina dende as feridas que tivemos por cousas relacionadas cos concertos, veces que tivemos que tocar con brazos e pernas rotas
M: Unha causa para ter feito concertos pouco responsables e non nos importar demasiado, non tomar medidas, é que nos temos unha relación de moita confianza e vémonos a nós mesmos dunha maneira un pouco cómica se cadra, que iso para algunhas cousas está ben, non ser moi solemne e tal, pero claro, entón facías un mal concerto e igual discutías un pouco o día seguinte, pero despois xa ías tomar algo e xa empezaban os chistes e tal e xa te esquecías ata o próximo concerto, que volvía pasar o mesmo. Agora xa fomos aprendendo, tardamos pero xa nos tomamos as cousas un pouco máis en serio.
S: Hai que avisar ós lectores e lectoras de que agora xa non somos así, agora somos xente seria…
M: Os Ataque Escampe somos un reloxo, unha máquina perfectamente engraxada, na que toda a intensidade que hai no escenario non se pode explicar con palabras.
¡Hai que velo!
S: Hai que ir alí a velo.
Clica aquí se queres coñecer as anécdotas de Ataque Escampe.