Yago Lamela e a vida tralo éxito

Cando acendín o ordenador, abrín Twitter e vin o nome de Yago Lamela como o Trending Topic máis repetido sabía que algo malo acababa de pasar. Foi pensado e lido: “Yago Lamela ha sido encontrado muerto en su domicilio”. Non direi nada novo sobre se foi o mellor saltador español nin que foi o ídolo de miña infancia. Eu non recordo o seu salto de 8.56 nos Mundiais cubertos de 1999 máis ca en vídeo e malamente o fago do Mundial 2003. En cambio, está moito máis presente na miña mente a súa loita contra esas lesións que tan pronto o afastaron da elite e lle impediron render en Atenas 2004 e Pequín 2008, dous erros que lle colocaron a etiqueta de “fracaso” na opinión pública española.

Ben sabemos a relevancia dos Xogos Olímpicos para os deportes minoritarios, e que os resultados fóra deles importan mais ben pouco. Que Lamela non conseguiu resultados por pasar os últimos sete anos masacrado polas lesións? Iso non lle importa a ninguén. Tódalas institucións que sacaran rédito aquela promesa que alumeaba no 1999, non se acordaban del cando se viu forzado a deixar o deporte de elite polas lesións dez anos despois.

Cinco máis aló está morto. Está claro que hai xente mentalmente máis forte ca outra, pero durante os anos de lesións e tralo retiro Yago Lamela viuse, como moitos outros, nunha situación impensable para el. Esbozando un futuro xunto á xente do común e sen unha vía de saída clara. Deixara todo por un deporte que agora, con anos de inactividade, o botaba fóra e o deixaba tirado na vida, sen unha ruta que seguir. Sen ninguén a quen recorrer. Algúns (moitos) saen adiante, pero cando miramos ao pasado e vemos casos como os de Jesús Rollan ou José María “El Chava” Jiménez vemos que algo erra.

Lamela deixara todo por un deporte que agora o botaba fóra e o deixaba tirado na vida, sen unha ruta que seguir

Casos como estes fan reflexionar sobre o papel do Comité Olímpico Español, Consello Superior de Deportes, Federacións Estatais ou Organismos Autonómicos cando un deportista de elite pon fin á súa carreira. Porque, ¿onde están nese momento os que antes non dubidaban en saír na foto? Ah, que onte publicou El Mundo  que cando o COE viu que podía matarse e ser un novo caso Jesús Rollán lle preguntou se necesitaba algo. Incluso lle ofreceu rehabilitarse. Lamela non aceptou. Claro, durante os seus anos de semi-retiro forzoso polas lesións e desde que deixara o deporte non se interesaran por el. Non lle ofreceran formación noutro ámbito, en definitiva, reinserción e axuda no momento preciso.

Yago Lamela realiza un dos seus grandes saltos. | Fonte: El Huffington Post

Yago Lamela realiza un dos seus grandes saltos. | Fonte: El Huffington Post

Aínda así, non é só á fin dunha carreira deportiva cando se debe axudar aos deportistas que o deixan todo por chegar á elite dunha profesión da que só vivirán uns cantos anos. Con sorte e sen lesións, ata os 35 ou pouco máis. E que fai esa xente cos 30 anos que lle quedan ata xubilarse?

Para un deportista profesional, a formación tanto durante a súa carreira como cando chega á súa fin antóllase fundamental. Sen embargo, en España iso é practicamente inexistente

Chegado aquí, entra en xogo o papel tanto da familia como dos amigos e adestradores e formadores desde ben novos, figuras básicas que deberían facer ver ós rapaces que se inician que é un camiño difícil, e que sempre debe haber un Plan B. E de momento, en España, isto non é así. Só hai que ver o caso do ex dianteiro do Real Madrid ou Espanyol entre outros Juan Eduardo Esnáider, quen na súa temporada como adestrador do Zaragoza B impediu, baixo ameaza de castigo disciplinario, ao central Ramiro Máyor presentarse ás probas de selectividade. Segundo publicaba o Heraldo de Aragón no 2011, o adestrador usou as seguintes palabras dirixidas a Ramiro e ante a presenza do grupo: “Eres futbolista. Tienes contrato profesional. Los estudios son incompatibles con el fútbol. Lo que hay que hacer cuando terminas de entrenar es descansar, no estudiar”.

Non falamos de Cristiano Ronaldo nin de Messi, senón dun xogador do Zaragoza B. Actualmente Ramiro Mayor continúa en Segunda División B co Zamora, previsiblemente cun soldo que case ao 100% non chega a mileurista. Un traballo co que, tendo 23 anos, poderá vivir doce máis se ten aínda máis sorte e non baixa o nivel ou se lesiona. Pero debía deixar os estudos pola incompatibilidade co fútbol…

Por sorte, o caso de Esnáider non é maioría hoxe en día e os adestradores e formadores dos clubs e institucións preocúpanse porque os máis novos garantan un futuro. Pero aínda hai algúns que non. E isto, unido á pouca cabeza que pode ter un rapaz con 19 ou 20 anos que gaña cartos para vivir ben, segue sendo o modelo que tantos fracasos nos deu nestes anos. Recordemos que os entes políticos só se preocupan cando hai que sacar a foto e… voilá, desaparecen! Programas de concienciación, formación e inclusión son necesarios. Como non os hai, nos próximos anos seguirá habendo casos Lamela. Que triunfen de novos e logo non teñan a quen acudir. Recordade, isto tamén é Marca España.