O Toxo Rabudo: música para levar

Este non é un artigo sobre un artista, nin sobre un grupo, nin sobre un gran disco. Este artigo fala de moitos grandes grupos e grandes discos reunidos. De dez anos para acó, a industria da música e o seu consumo derivou completamente. Xa non falamos só dun cambio de formato, senón de pasar de consumir discos completos a cancións concretas, o que fai renunciar, en moitas ocasións, a mercar un traballo enteiro dun artista. Ademais estas cancións obtéñense vía online, en lugar do formato físico. Por outra banda, Youtube e as descargas ilegais fan que o acceso aos discos sexa libre e moitos consumidores non opten por mercar.

Agora o consumo físico de discos ten como motivación o coleccionismo e a colaboración cos artistas

A tendencia a descargar é crecente e non sempre ilegal. Cada día, son máis os músicos que poñen os seus traballos baixo licenza de Creative Commons. Son conscientes que o camiño entre coñecelos e acudir aos seus concertos, ten como ponte a garantía de que a súa música gusta. Esa garantía dáse poñendo a escoita ou descarga libre a música en internet. Así é, que agora o consumo físico de discos ten como motivación o coleccionismo e a colaboración cos artistas.

Para esa escoita e descarga libre xorden varias plataformas polas que estes poden compartir a súa música: desde a clásica web ao bandcamp ou o Spotify. Non obstante, hai plataformas que serven para unificar e compartir estes traballos: as Netlabels que, sen ánimo de lucro reúnen cancións e discos que se atopan baixo o sistema Copy Left. O máis habitual é atopalas dentro da música electrónica. Entre as condicións expostas para a difusión na páxina está que a música se atope baixo licenza de Creative Commons e teña unha calidade igual ou superior aos 160Kbps. Pola súa parte, a Netlabel comprométese a non ter ningún tipo de ánimo de lucro.

Difunde discos de grupos e artistas, maioritariamente galegos, de diversos estilos; chegando a obter unha cifra superior a 150 álbums, que se incrementa cada semana

Colleita Propia, primeiro disco dos Drinkin'Tinto | Portada do disco

Colleita Propia, primeiro disco dos Drinkin’Tinto | Portada do disco

Aquí en Galicia, unha das Netlabel máis activas é O Toxo Rabudo. Con catro anos ás súas costas, difunde discos de grupos e artistas (maioritariamente galegos) de diversos estilos; chegando a obter unha cifra superior a 150 álbums, que se incrementa cada semana. A iniciativa veu dada pola necesidade de compartir música que noutras Netlabels botábase en falta por cuestións como o idioma, entre outras. No Toxo Rabudo atopamos traballos moi interesantes, como pode ser o primeiro disco do Leo Arremecaghoná e un par dos Drinkin’Tinto (o cal, tra-la súa disolución, deu en nacer dous grupos: Medomedá e Clan Deví). Tamén están dispoñibles as discografías dos Esquíos e Terbutalina; e case completa a dos Ruxe, por poñer algúns exemplos. Por outra banda, non só de música en galego se compón a páxina. Os Bastards on Parade ou Anfibia, entre outros, tamén teñen o seu oco no Toxo. Como curiosidades contar que os primeiros álbums subidos foron o Hostias confitadas de MPS e o Krash dos Pito de Pikasso; e que o disco que conta con máis descargas é o Te vas con cualquiera dos Novedades Carminha.

O Toxo Rabudo, ademais de difundir os traballos actuais que os artistas lles facilitan, tamén ten en marcha un proxecto de recuperación de discos, do cal é mostra o álbum dos Rastreros subido hai un par de semanas á páxina. Converter á web en mostra de evolución musical tamén é un dos cometidos desta Netlabel.

Para os forofos da música, a Netlabel O Toxo Rabudo é unha páxina a ter en conta. Para os grupos que queiran dispoñer dunha canle de distribución da súa música coa que achegarse a outros públicos que non os coñezan poden contactar coa Netlabel polo seu facebook ou por e-mail (toxorabudo@hotmail.com).

Imaxe destacada: Portada do álbum homónimo de Fluzo (2010).