O estatus de Galiza, cara a independencia

Se ben actualmente os galegos estamos a carecer dun debate público sobre o noso estatus e a nosa relación co resto do Estado, a idea dunha República Galega como obxecto teleolóxico dun proceso de liberación nacional non naceu nin canda a UPG na loita antifranquista dos 60 nin canda Resistencia Galega nas mentes imaxinativas dalgúns fiscais da Audiencia Nacional.

Corría o 23 de Xuño de 1931 cando o Consello de Ministros decidía a suspensión definitiva da construción do ferrocarril entre Zamora e A Coruña. Fora Indalecio Prieto (PSOE) quen executara a decisión por non consideralo rendible. Cun réxime recentemente instaurado máis preocupado de asentarse que de asegurar o traballo dos obreiros, quedaron na rúa 12.000 traballadores que, para reivindicar os seus dereitos, iniciaron unha folga que marcaría para sempre a historia deste país.

O día 25 de Xuño, a folga convocada polos obreiros e apoiada por comerciantes e pequenoburgueses levou a unha multitude de traballadores e traballadoras a ocupar o Salón de Plenos do Concello de Ourense. Como parte deste acto de rebelión popular, os obreiros izan a bandeira galega e proclaman a I República Galega.  Ao día seguinte, o 26, o desánimo e o descontento era palpable na cidade das Burgas debido a que a proclamación de tan desexada independencia quedara en nada.

Dous días despois da proclamación en Ourense, un mitin na Alameda de Santiago de Compostela reuniu a oradores comunistas e galeguistas. Só faltaba un día para as eleccións constituíntes da II República Española e, entre tanta algarabía, o comunista Eduardo Ponche chegou a esixir unha Galiza soviética sendo aclamado e aplaudido intensamente pola multitude. Alonso Ríos, quen en Bos Aires dirixira a Organización Republicana Galega Autónoma, tamén clamou fortemente pola independencia coas seguintes palabras: ‘Fagamos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia. Alonso Ríos foi inmediatamente nomeado Presidente da recén autoproclamada Xunta Revolucionaria da República Galega e a multitude avanzou cara ao Pazo de Raxoi tomando pola forza as dependencias municipais e proclamando o Estado Galego. Compostela agardaba a insurrección das demais comarcas galegas pero o Goberno español renovou as construcións do ferrocarril evitando así que esta se expandira. A I República Galega chegou así ao seu fin en apenas unhas horas.

Artigo de portada do xornal 'El Pueblo Gallego' trala proclamación da I República Galega o 27 de xuño de 1931 | terraetempo.com

Artigo de portada do xornal ‘El Pueblo Gallego’ trala proclamación da I República Galega o 27 de xuño de 1931 | terraetempo.com

Xa que logo, estamos ante un debate ben vello pero que hoxe cómpre dar en Compostimes. Este artigo é o segundo dunha serie que expón as distintas alternativas arredor do futuro territorial de Galiza: neste caso, fóra dese conxunto de nacións que chaman España.

Galiza é unha nación sita ao noroeste da Península Ibérica, neste continente chamado Europa. Así mesmo, está considerada como unha Comunidade Autónoma máis do Estado español. Para entendermos como chegamos ata aquí cómpre facer memoria. O 25 de setembro do 1976, na cidade de Valencia, celebrouse unha reunión de plataformas, cando xa estaba a podrecer a alianza antifascista, na que as organizacións clave a nivel estatal estaban a pactar coas forzas do réxime franquista saldando o patrimonio da ruptura democrática, e aceptando a reforma. Mais… non lles parece unha curiosa extravagancia pactar unha reforma democrática? Obviamente, pola súa propia índole, un Estado e un réxime fascistas son irreformables. Só se pode reformar unha democracia que xa exista; un réxime ou un Estado anti-democráticos ‘per se’ non cabe sometelos a unha reforma democrática: ou se botan abaixo, se dinamitan, ou desmontan peza a peza, ou viciarán conxénitamente calquera Estado e réxime que os suceda. Coa reforma política, a Constitución de 1978 e o subseguinte referendo, a base social do fascismo franquista e os seus escribas e pontífices gañaron a supervivencia política fronte ao conxunto das capas populares do Estado español e á conciencia social que apostaba por un proceso constituínte aberto e disipador dos fedores de tanto cadáver político por enterrar á vez. Esta situación non permitiu saír á luz as reclamacións históricas das nacións históricas que integran o Estado español.

Galiza, Euskal Herria, Catalunya, Andalucía, Canarias, Castela… son nacións oprimidas. Partamos da base de que nunha nación oprimida, a loita de clases debe camiñar da man da loita de liberación nacional. Xa que logo, debería ser estratéxico que a clase traballadora galega tivera como obxectivo dotar ao noso país dun Estado propio. A historia de Galiza está ligada á loita de liberación nacional e, perante os avances que están conseguindo Catalunya e Euskal Herria (aínda cunha realidade sociopolítica radicalmente distinta), nós non podemos quedar atrás.

Mais o Estado español non só se ocupou de agochar e destruír a nosa historia, senón tamén o noso ben máis preciado e que nos fornece como pobo: o idioma. Esa lingua universal que nos define como nación leva séculos perdendo falantes por culpa da crecente españolización que, de forma natural, sufrimos pertencendo a este Estado artificial. Non valen fórmulas máxicas federalistas nin terceiras vías. Vale que o pobo galego tome conciencia do que foi e do que lexitimamente lle corresponde volver a ser: unha nación libre e soberana. É lóxico que un pobo non se pode federar ou confederar con outros se antes non ten acadada a súa absoluta soberanía; e esta só é posible mediante a consecución dun Estado propio.

O nacionalismo galego con vocación internacionalista debe propor como estrutura do sistema mundo unha especie de cosmopolitismo. Un cosmopolitismo entendido como o agrupamento das realidades comunitarias e nacionais nunha unión internacionalista de colaboración entre os diversos pobos de Europa e do mundo (esa federación que xa propuxeron outros como Castelao).

“Loitando primeiro pola democracia interna como base da democracia internacional”

Francisco Fernández del Riego

Fotografía de portada: la Razón