Indochina: Unha Viaxe Inesperada

Hanoi, Vietnam

O tren aínda pasa polo centro de Hanoi, capital de Vietnam  | Alejandro Gándara

Intentar describir o sueste de Asia nunha palabra sería imposible, intentalo nunha frase sería odiseico, nun parágrafo un simple artificio; mesmo nun artigo sería demasiado ousado. Nesta terra –como en calquera outra– hai que enfiar ben fino, puntada a puntada, país a país, rexión a rexión e mesmo se me apurades, casa a casa. Unhas casas humildes pero sempre abertas, como a xente que as habita.

Contorna do río Chao Phraya, en Bangkok

Contorna do río Chao Phraya, en Bangkok | Alejandro Gándara

Cando a finais do ano pasado decidimos embarcarnos nunha viaxe pola península da Indochina non sabíamos ao que atérmonos; á fin e ao cabo, que sabemos de Asia máis alá de estereotipos tirados das películas de Kung Fu ou do que nos contan os intrépidos Callejeros Viajeros? Eu non pretendo descubrírvola, iso só o poderedes facer vós, senón levarvos a través da mirada dos meus ollos a algúns deses recunchos e persoas que coñecín nas miñas cinco semanas por alá.

IMG_1503

Os meus tres benqueridos compañeiros de viaxe | Alejandro Gándara

Tailandia, Cambodia, Vietnam, Laos e Malaisia. Unha xornada inesperada entre caóticas cidades de tráfico demencial, noites durmindo no chan, interminables viaxes en trens soviéticos e templos budistas que deixan pasar por moza á Catedral de Santiago. Pasade e vede, se queredes, o que deu de si esta viaxe.