Escravos do absurdo

Permítanme comezar este artigo cunha viaxe á China Imperial do século X. Conta a tradición que, nun tempo no que Inditex, Adidas e compañía aínda non habitaban o territorio entre muros da máis grande das murallas, o emperador Yu Li espertou unha mañá cunha asombrosa petición. A peregrina idea do habitante da Cidade Prohibida non foi outra que obrigar á súa concubina favorita a vendar os seus pés con seda para facela bailar así nunha plataforma con ilustracións de loto. Nacía a tradición dos pés de loto, símbolo que posteriormente se estendería dende a corte ás clases altas e, dende aí, ás populares. O que naceu como ferramenta para resaltar a sensualidade dos movementos resultou, sen embargo, un mecanismo perfecto para restrinxilos.  Unha muller cos pés vendados apenas pode moverse, xa non digamos correr. Isto garda vinculación co ideal de vida doméstica, maternidade e virxinidade defendido por Confucio. No século XVI, toda nena de ben era sometida pola súa nai á férrea vendaxe. Matar o nervio era crucial para dar paso (!) a un lento proceso que duraría anos de dor e sufrimento. Como dicía o refrán local, “unha cara bonita, regalo do ceo, un bo par de pés, traballo meu”.

Coa vendaxe, os pés acadaban a metade do seu tamaño normal. Foto: marcianosmx.com

Coa vendaxe, os pés acadaban a metade do seu tamaño normal. Foto: marcianosmx.com

Afortunadamente, esta práctica será prohibida en 1911 e duramente perseguida durante a época de Mao. Nas zonas rurais seguirase practicando ata 1957, data do último caso coñecido.  Pero sirva o  exemplo para mostrar aquelo que hoxe nos trae aquí: a ditadura do absurdo. “Modas” estéticas que xorden, como a tradición chinesa, por casualidade, e que desembocan en verdadeiros desastres. Máis alá de trastornos alimenticios ou de lesións de espalda polo uso de elevadísimos tacóns, o catálogo de desventuras é tan amplo coma desafortunado. Dende as pernas ata os ollos ou a mesma boca, hai para todos os gustos.

Máis alá de trastornos alimenticios ou de lesións de espalda polo uso de elevadísimos tacóns, o catálogo de desventuras é tan amplo coma desafortunado. Dende as pernas ata os ollos ou a mesma boca, hai para todos os gustos

Corrían os anos corenta cando unha espectacular Veronica Lake chegaba ás salas de cine e levantaba paixóns coa súa melena platino peiteada de lado. O peinado, coñecido mundialmente como “peek a boo” foi para esta década o que a melena da Friend Rachel para os noventa. Sen embargo, a moda non era compatible coa rutina diaria das súas seguidoras. As mulleres, por mor da guerra, se atopaban en pleno proceso de incorporación ao traballo nas fábricas. A perda de visibilidade ao levar tapado un ollo e o feito de que o cabelo caese todo para o mesmo lado pronto empezou a causar serios accidentes a estas traballadoras. Enganches nas máquinas e sustos varios fixeron apelar ao menos común dos sentidos e a popular melena, hoxe de novo tendencia, acabou por quedar desbotada.

Lake e BB, marcando tendencia. Imaxe: acertaincinema.com

BB e Veronica Lake, marcando tendencia. Imaxe: acertaincinema.com

Outra das musas do pasado século, Brigitte Bardot, lucía un pequeno e encantador oco entre os seus dentes incisivos. Para o asombro dunha xeración de mártires da ortodoncia, cincuenta anos despois, o diastema (nome científico do asunto) copa catálogos e portadas en boca de modernos do mundo enteiro. Vixentes uns cánones  que crean unha masa de clons idénticos, a busca da distinción mediante o perfectamente imperfecto levou a moitos ás clínicas na procura deste efecto. Os dentistas cansáronse de debater entre a ética profesional e o beneficio e o diastema tomou o poder en bocas de medio mundo. ¿Que a mala engranaxe altera a estabilidade ósea e pode causar problemas posteriores? Bah. Do que ninguén se decatou a tempo é que, de tanto buscar a diferencia, ó final todos os sorrisos parecían iguais. Por iso, a algún visionario do Xapón veulle a mente a idea definitiva, o “máis difícil todavía”: o yaeba. A palabra, que ven a querer dicir “dobre dente”, fai referencia a unha nova técnica que consiste en adherir capas de resina composta nos dentes. Deste xeito, estes semellan descolocados e apiñados, tratando de imitar os dentes dun vampiro. Para os menos atrevidos, existen próteses falsas para acadar o ansiado efecto. Vivir para ver.

¿Que a mala engranaxe altera a estabilidade ósea e pode causar problemas posteriores? Bah. Do que ninguén se decatou a tempo é que, de tanto buscar a diferencia, ó final todos os sorrisos parecían iguais.

Sen chegar ao extremo das escarificacións, as linguas bifurcadas ou a tatuaxe ocular, sorprende a aceptación que recibiu a ocorrencia de que extirpar as costelas flotantes era o paso definitivo para acadar unha figura realzada. Famosos como Cher ou Marilyn Manson subiron rápidamente ao carro desta tendencia irreversible á par que perigosa. Sí, a cintura reduce notablemente o seu tamaño, que espertaría a envexa da raíña de todas as avésporas, pero na vida humana acaba por resultar pouco práctico. Evidentemente, pódese vivir sen costelas flotantes, pero eliminalas deixa ao descuberto certos órganos vitais. Tamén se altera o funcionamento de músculos coma o diafragma, polo que a respiración nunca volverá a realizarse con normalidade.  Non provoca fallo orgánico, en cambio, o codiciado (?) tragaluz entre as pernas, que percorre as pasarelas ata situarse en toda conta de Tumblr e Instagram que se precie. O asunto non tén máis misterio que adelgazar as pernas ata conseguir que, estando pechadas, exista unha separación de mínimo 5cm entre as mesmas. De aspecto irreal e inalcanzable pola vía saudable, o thigh gap xurdiu tralo desfile de Victorias´Secret en decembro de 2012, no que a asustante delgadez das pernas das modelos non deixou a ninguén indiferente. Dende entón, os esforzos por imitalo van dende Youtube ata ó quirófano, pasando, como non, por trastornos alimentarios de tódalas cores. Outras, ante a dificultade ou o risco, confórmanse coa maxia do Photoshop.

Sí, o do yaeba ía en serio. Imaxe: Tumblr.

Sí, o do yaeba ía en serio. Imaxe: Tumblr.

Lonxe queda aquela China de dragóns sobrevoando ríos da que falabamos no primeiro parágrafo. Sen embargo, como se pode comprobar, o espírito dos pés de loto segue vivo, cal lenda, en numerosos “privilexiados”, que continúan a estender polo mundo a súa mensaxe de orixinalidade e martirio. Renunciar á saúde e ó sentido común, alabar ao canon sobre todas as cousas, converterse pouco a pouco en escravos do absurdo. “Pra campar hai que rabiar”, que dirían as avoas. Esa é a actitude.