Dez cancións electorais que animan á abstención
Hai un momento nos cuarteis de campaña máis marchosos e dicharacheros de todo o panorama político onde un asesor pega un chimpo, tira a morea de papeletas que ten diante e pregunta “eh, por que non facemos unha canción?”. Trátase dun fenómeno esencialmente restrinxido ós países latinos ou con elevadas ratios de consumo de vodka por cabeza, pois non me imaxino a un rexo seguidor de Angela Merkel entoando (sobrio) un tema pop sobre a chanceler en pleno mitin. Estas cancións electorais teñen dúas utilidades: ser tarareadas polos militantes do partido vencedor, ebrios de subsecretarías e de gintonics, na festa da noite electoral e ser obxecto de mofa e escarnio por parte dos demais cidadáns. No cerebro do asesor musical, posiblemente, bailaban centos de persoas que se dirixían ás urnas ó ritmo da súa tonadilla electoral. Se algún lector decidiu o seu voto tras escoitar unha, por favor, que avise. Mentres, velaquí vai unha escolma do top of the tops deste xénero musical.
10. Defender la alegría (Jose Luis Rodríguez Zapatero, 2008)
Corría o ano 2008 e o melifluo talante zapateril estaba no seu máximo esplendor. En España non nacían uns poucos brotes verdes, senón que agromaban en tal cantidade que sobre eles se xogaban os partidos da Champions League da economía mundial. Nese feliz contexto, unhas eleccións ameazaban con rompe-lo plácido vento de sunshine, lollipops and rainbows que emanaba de Moncloa. Así, un grupo de cantantes integrado por Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina, a de Presuntos Implicados, os inefables Ana Belén e Víctor Manuel e Fran Perea montaron a Plataforma de Apoyo a Zapatero (PAZ) para adicarlle ó presidente cousas como “defender la alegría como un estandarte, defenderla del rayo y la melancolía”. Como resultado, España gañou a Eurocopa e o PSOE foi votado por 11.300.000 persoas. Descoñecemos cantas delas acabaron con diabetes.
9. Yes, we can (Barack Obama, 2008)
Mentres en España un grupo de artistas levantaba a zeja, en Estados Unidos un tal Barack Obama comezaba a postularse para a presidencia do país co pegadizo eslogan “yes, we can”. A will.i.am, dos Black Eyed Peas, ocurríuselle musicalizar, xunto a Scarlett Johansson, Herbie Hancock e moitos outros, un discurso que o hawaiiano fixera tralas primarias de New Hampshire e poñerlle o título dese “podemos” anglosaxón que Obama lle copiou, sen dúbida, a un destacado político español.
8. Alejandro (Alejandro Fernández, PP de Tarragona, 2011)
“Vota PP, confía en Alejandro, un nuevo alcalde que se preocupa por ti”. “Si tienes alguna duda de lo que mola en Tarragona, Alejandro se mueve, Alejandro se moja”. Frases como estas, postas en Twitter, serían hoxendía obxecto de investigación por parte do Grupo de Delitos Telemáticos da Benemérita. E por se fose pouco, o candidato do PP á alcaldía de Tarragona Alejandro Fernández decidiu que sería boa idea acompañar estas brillantes sentenzas co ritmo da canción homónima de Lady Gaga, moi en voga daquela. O resultado é sensacional.
7. Такого как Путин / Un coma Putin (Vladimir Putin, 2008)
Aínda que non sexa propiamente dita unha canción electoral pois o bravo presidente ruso nunca a empregou —que eu teña constancia— en campaña, a súa presenza nesta escolma era inexcusable. Ritmos eurodance e dúas nativas sacudíndose diante dunha bandeira da Nai Rusia, cantando que, despois dunha decepción co seu mozo, agora só queren “un coma Putin, cheo de forza; un coma Putin, que nunca se vai encher; un coma Putin, que non me mancará; un coma Putin, que non fuxirá”. Imaxínomo a el tarareando a canción a lomos do seu oso pardo.
6. O rap de Toni Cantó (2011)
Nas xerais de 2011, Toni Rapeó. O actor metido a político de UPyD introduce ó espectador nun aquelarre de consignas populistas, planos picados e camisas rosas a ritmo de rap. A imaxe das brigadas magentas, capitaneadas por David de Siete Vidas, cabalgando contra os nacionalismos por un parque de Valencia pon os vellos coma escarpias.
5. Compañero, únete (Felipe González, 1977)
“Nuestro futuro sí tiene nombre: ¡Partido Socialista Obrero Español!”. En 1977, despois de case corenta anos de longa noite de pedra, estas consignas colaban. E máis se se enmarcaban nunha canción tan obxectivamente bonita coma esta. Cómpre destacar que a Transición foi a idade de ouro deste tipo de cancións: o himno (involuntario) contra a abstención Libertad sin ira ou o “Vota centro, vota Suárez, ¡vota libertad!” non baixaban o nivel de Compañero, únete. Posiblemente o “te pego leche” de Ruíz Mateos a Boyer fose o que marcou o fin desta era na que a xente puña no tocadiscos vinilos de Felipe González.
4. Veña Galicia (Alberto Núñez Feijóo, 2011)
Los Limones exploraron, a petición do equipo de campaña de Feijoo, tódalas rimas posibles de -icia. Só deixaron fóra a “presbicia” e a “ictericia” que si se atreveron a incluír na súa canción, meses despois, Os da Ría. Malia (ou quizais gracias a) facer remexerse na súa tumba a Góngora e a Quevedo, a canción en cuestión é a máis festeira da selección e unha vez se escoita non se esquece xamais. Eu non descartaría que dentro duns anos pasase a formar parte do repertorio habitual da Panorama, xusto despois daquela de “cada día máis linda e máis linda, cada día mellor e mellor”. Curiosamente, dous días despois de que Veña Galicia chegase arrasando a Youtube, o PSdeG sacou a súa canción, Prezo aos corazóns, que merece compartir ex aequo este cuarto posto. Nin sequera este artigo se libra do bipartidismo.
3. O reggaetón de Quintana (Anxo Quintana, 2009)
Abre o noso podio unha auténtica oda ó nacionalismo de antes. Acababa a primeira lexislatura do bipartito e, por algún motivo que se descoñece a esta beira do Miño, a UPG consentiu facer unha canción de campaña a ritmo non de muiñeira nin de pasodobre, senón de reggaetón. Con ese inesquecible “escoitade, xente, é tempo para algo diferente: o que precisamos é un novo presidente” comeza unha lacrimóxena sucesión de chamamentos ó voto mesturadas con históricas imaxes do BNG pre-Amio. Gozade del, que non sei se durará moito tempo en Youtube. Como lle din?
2. Militantes con Chávez (Hugo Chávez, 2009)
O difunto líder venezolano é, sen lugar a dúbidas, o estadista contemporáneo ó que máis cancións de máis estilos diferentes se lle teñen adicado. Entre todas elas, esta Militantes con Chávez ocupa sen dúbida o lugar de honra. Incluída no disco Música para la batalla, mestura ritmos tribais con comparacións entre Chávez, Bolívar e Cristo. Unha auténtica xoia. Escóitaa dúas veces e sorprenderaste, á terceira, berrando con el “rrrrrrumbo al socialismo” e “vengan conmigo los que quieran patria“.
1. Llegará (Elpidio Silva, 2014)
Leva pouco tempo entre nós pero conseguiu, por méritos propios, ascender ata o máis alto deste top. Máis concretamente, “como un león ha irrumpido para abrirnos el camino, camino del corazón”. A calquera se lle revolucionan as hormonas cando un Elpidio en branco e negro, auténtico “juez poeta“, te contempla cun medio sorriso digno da Mona Lisa. “Con su espada entre las manos”, o maxistrado expedientado prométenos acabar con absolutamente todo: cargas policiais, banqueros criminais, parados humillados… E, como moito, cambia o o xesto feliz por unha mirada ó chan de auténtica modestia, de “paz y amor enlazados”. Invito a quen queira a facer unha montaxe dos xestos condescendientes do xuíz-poeta coa música de Pescador de hombres. A sensación ha ser a mesma.
Cres que falta nesta listaxe algún himno electoral capaz de convencerte de quedar na cama o domingo? Comenta!