Cooperativas, unha mentalidade máis persoal
De Vigo á Coruña parando en Vilagarcía, nove mulleres con iniciativa e tres proxectos diferentes para públicos antagónicos, mais un mesmo xeito de levar a cabo o seu labor. Co traballo, o compromiso e as persoas como base, o seu exemplo dános a entender que, por riba de calquera outro factor, as persoas son o que conta.
A mentalidade
Un dos sentimentos máis coercitivos e paralizantes de entre tódolos que poden asexar a un ser humano é a soidade, esa gran ameaza que por puro contraste pon de manifesto a inmensidade do alleo, ese desamparo que consegue que o que está alén do coñecido semelle totalmente inatinxible.
Esta foi a única conclusión plausible que, tras centos de ideas sobre como saír do paro, sobre que facer das nosas vidas e emprender, puiden sacar dun feixe de conversas de sobremesa que trataban de arredar a chuvia das ventás e a falta de oportunidades do noso futuro. Ideas había abondo e semellaba que oportunidades, tamén, mais nada acababa por ir máis aló; todo se estancaba unha vez o plan estaba deseñado e o desamparo de levar a cabo algo así se manifestaba. Era algo diferente ós riscos, un aquel que translucía, máis ben, a asunción dunha incapacidade para “este tipo de cousas”, unha fazaña destinada ós elixidos; pero era tamén, sen lugar a dúbidas, o descoñecemento, a soidade e, ante todo, a incapacidade de sentir as verdadeiras posibilidades dun proxecto en absoluto desatinado.
Que son as cooperativas
Unha das solucións máis factibles para superar estas dificultades do “corredor de fondo” é a fórmula cooperativa, un xeito de emprender cada vez máis estendido na nosa comunidade que dá viabilidade ós proxectos das persoas menos afeitas ó eido empresarial. Ademais, intégrase perfectamente nas últimas leis encamiñadas ó fomento do espírito emprendedor a través da figura do autónomo e da xente nova. “A Administración é a grande impulsora do emprendemento”, comenta Juan Gómez, da asesoría e consultora viguesa Xedega (cooperativa centrada nas empresas de economía social). Deste xeito, as cooperativas poden acoller a estes autónomos, cos seus beneficios fiscais, e agrupalos baixo unha única entidade financeira cun obxectivo en común. “É mellor facer o percorrido acompañado que só”, continúa Juan. “Sentirse apoiado nas decisións, poder compartir os éxitos e buscar saídas ás frustracións, dentro dun esquema que ademais contempla a responsabilidade limitada, fai que todo resulte menos abafante”.
Neste sentido, as decisións son un factor clave nas cooperativas tanto en canto a que teñen que tomarse dun xeito asembleario e democrático (manda a maioría, independentemente do capital e o tempo invertidos) e ó que isto supón: un maior grao de reflexión que repercute nunha folla de ruta moito mellor planificada que obedeza a un plan de empresa garante da viabilidade. Por isto, unha cooperativa como conxunto require unha proxección económico financeira ben clara, mais tamén un acordo tácito entre os seus integrantes que estableza os seus intereses e deixe claro dende o principio o fundamento humano da súa empresa. “Aquí, o persoal está por riba do produtivo. Cada un é un voto, pois se respecta á persoa como individuo e ser pensante, co que todos teñen tamén os mesmos dereitos”. Os recoñecementos atinxen exclusivamente ó salario, polo que o propio Juan advirte que “non todos encaixan nesta fórmula; hai que ter unha personalidade aberta e tolerante e, ante todo, sentido común”. Sobre isto, resalta tamén a cantidade de veces que un proxecto conxunto pode chegar a unir a persoas totalmente incompatibles entre si, pois “é unha cuestión de atopar os intereses comúns e traballar na mesma dirección”.
Aquí, o persoal está por riba do produtivo. Cada un é un voto, pois se respecta á persoa como individuo e ser pensante, co que todos teñen tamén os mesmos dereitos
Rede Eusumo
Ó longo dos últimos anos, Juan Gómez foi tamén técnico da rede Eusumo, un sistema de colaboración impulsado pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social. “Tratamos de impulsar o modelo empresarial no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego colectivo”, explica o asesor vigués. O plan, en resumidas contas, trata de unificar a potenciación do emprendemento (coas bonificacións para autónomos das que carecen os traballadores, por exemplo), os beneficios das cooperativas (a súa natureza democrática asegura que non haxa manipulación para beneficio persoal, co que os entes públicos son máis proclives a cederlles o seu patrimonio) e a viabilidade dun plan de empresa trazado por profesionais que afiance unha boa andaina da empresa.
É este un programa amparado polo proxecto de asistencia técnica enfocado á economía social, 250 horas de formación teórica e desenvolvemento do plan de empresa para todos aqueles grupos de tres ou máis persoas que teñan unha idea e queiran materializala en forma de cooperativa ou sociedade laboral. Agora mesmo, Xedega asesora a través deste programa a tres grupos de persoas en distintas fases do seu proxecto.
Os nenos
Nas primeiras cen horas de formación atópanse Chari e Nuria, dúas viguesas que, xunto cunha terceira a piques de se incorporar, planean fundar unha escola de educación infantil no barrio de Cabral. Igual que os seus futuros alumnos, elas están na primeira fase da súa vida e a principal dificultade que teñen é, para variar, facer fronte a un investimento de 200.000 euros. “A cuestión é ver que é factible”, repite Juan, que tampouco esquece que “hai certos riscos, pero nada esaxerado”. Agora mesmo, cun local de 270 m cadrados, están pendentes de poder aumentar a superficie en 40 metros máis, o que abriría a posibilidade de facer unha nova aula e asegurar a rendibilidade do proxecto. En calquera caso, a súa consecución semella asegurada, xa que tras uns xogos malabares co paro capitalizado, o Coop 57 (fondo de crédito para cooperativas) e o apoio dunha empresa construtora, as tres mulleres conseguiron financiar o seu proxecto e esperan, con ou sen aula extra, poder satisfacer, para o vindeiro curso 2014-15, a demanda de prazas de gardería dun barrio tan extenso como Cabral.
Con todo, en caso de que esta primeira fase de exploración rematara con resultados negativos, téñeno claro: “É un bo xeito de investir o tempo, xa que se aprende a dar forma a un proxecto e a recoñecer que baleiros hai que encher no futuro”.
Os avós
Ben distinto é o proxecto de Lémbrate, a primeira unidade de memoria de Galicia que Mercedes, Tamara e María abrirán inminentemente na Coruña para satisfacer o que elas mesmas consideran “un importante nicho de mercado” dedicado ó tratamento non farmacolóxico de anciáns con distintas demencias.
María, psicóloga, decidiu pedir unha excedencia ante a súa imposibilidade de compaxinar o seu traballo (nun centro de menores) coa súa vida persoal. Debido á situación familiar, comprendeu que podía ter o seu propio negocio dedicado a retardar as enfermidades dexenerativas con novos procedementos e convenceu a Mercedes, educadora en paro, para que se unira a ela. A terceira en discordia é a filla desta última, Tamara, que remata os seus estudos de ADE e será quen leve as contas da empresa.
A súa primeira alternativa foi a de instalar unha franquicia, mais unha inversión desorbitada e a súa capacidade para “buscarse a vida” leváronas a dar con profesionais que colaboraron na súa formación e na concepción do centro Lémbrate. Así, as súas viaxes a Madrid (clínica Ruber, Fundación Santa Sofía e Centro de Investigación de Alzheimer) e Salamanca (Centro de Referencia de Salamanca) son constantes e tan incansables como a súa arela por aprender tanto como poidan para desempeñar o que consideran un traballo “vocacional”, no que o amor e o cariño ós pacientes ha de estar totalmente por riba de todo. “Por iso tamén nos gustou a fórmula cooperativa: ó ser traballadoras e propietarias, o noso compromiso non se porá por en dúbida”.
Fundamental é a súa arela por aprender tanto como poidan para desempeñar o que consideran un traballo “vocacional”, no que o amor e o cariño ós pacientes ha de estar totalmente por riba de todo
Será un lugar no que se seguirán terapias totalmente individualizadas e adaptadas á fase da demencia de cada ancián, con material específico que, mediante o programa GRADIO (con pantallas táctiles) exercitará debidamente a cada ancián segundo as súas necesidades. Ademais, é un obxectivo fundamental de Lémbrate o integrarse coas familias dos anciáns e dar pé a unha normalización da enfermidade, o que no só axudará a facela menos dolorosa mercé á súa aceptación, senón a dar pé a unha cultura na que este tipo de tratamentos se poidan iniciar cunha prontitude que arrede as fases máis avanzadas do Alzheimer. Os neurólogos máis destacados da cidade, di María, “ven esta iniciativa como algo moi positivo, un modelo dos países do norte que non queda máis remedio que instaurar en Galicia”. A fame por seguir formándose será o que, segundo elas, acabe por redondear un proxecto que xa está a piques de se concretar.
A inversión inicial non é, coma no caso das viguesas, prato de bo gusto (ascende ós 100.000 euros), pero noutro xogo de malabares amparado na fórmula cooperativa, elas tamén se repuxeron e, polo de súpeto, xa teñen o seu local na rúa Rey Abdullah da Coruña e contan con poder comezar tamén as clases neste mesmo mes de maio; desta volta para os máis maiores. Sete pacientes, unha sexta parte da súa capacidade, agardan xa o inicio do curso.
Os traballadores
Nin no berce nin xubilados, Dálle que Dálle están xa a pleno rendemento. Tamén formada por tres mulleres, trátase dun espazo de co-working que vén de abrir as súas portas nun dos edificios máis emblemáticos de Vilagarcía de Arousa, en pleno centro da vila.

As traballadoras de Dálle que Dálle e Juan, de Xedega, posan no balcón da súa oficina o día da súa inauguración.
A historia comezou cunha licenciada en Xeografía e Historia e unha xestora arousás, ás que se lles uniu unha avogada madrileña. As dificultades do panorama laboral impulsáronas a buscar unha alternativa ata dar coa Rede Eusumo, Xedega e o programa das 250 horas de formación e asesoramento. A idea non tardou en chegar e, facendo un esforzo, reuniron un capital que lles dá seguridade para os próximos seis meses. Polo de agora, unha fotógrafa, un arquitecto, un consultor e unha psicóloga, cunha cota de 150 euros mensuais, ocupan catro das vinte prazas dispoñibles e se aproveitan de tódalas oportunidades que ofrece un espazo destas características: dende sala de reunións, un despacho propio e unha aula multiusos, ata sala de videoconferencias, internet, teléfono… O máis interesante, non obstante, segundo comenta Juan Gómez (que xestionou a creación da cooperativa), “son as sinerxias que se poden chegar a crear nun espazo destas características”, onde non se pode descartar ningunha alianza entre profesionais de moi distinta índole. A filosofía cooperativista levada un chanzo máis aló.
De sur a norte de Galicia, en tres cidades diferentes, tres etapas diferentes para tres iniciativas orientadas a idades diferentes, mais sempre con esa indiscutible mentalidade cooperativa, de traballar como persoas e para persoas.