A Europa dos ‘Lobbies’

O Parlamento Europeo | EFE

O Parlamento Europeo | EFE

«Os lobbistas fanme entender un problema en 10 minutos, mentres os meus colaboradores tardan tres días». Conta a lenda que estas verbas foron pronunciadas polo mesmísimo J.F. Kennedy, preguntado pola influencia dos lobbies na política estadounidense. Sexa certo ou non, a presenza destes grupos de presión é vox populi nos EUA –existindo ata filmes ao respecto– e, aínda que ninguén está seguro de cal é o alcance total do seu poder, a súa influencia nos procesos de decisión é visible. Na vella Europa, en cambio, a historia é un pouco diferente. Recentemente, o Observatorio das Corporacións Europeas (CEO) publicaba un  informe sobre o lobbismo do sector financeiro na Unión Europea. Un informe impactante polas súas cifras, pero sobre todo pola falta de transparencia que denotan estes procesos que nos afectan directamente a todos os habitantes da UE.

Pero comecemos polo básico, xa que a palabra lobby pode non ser familiar para todos. Un grupo de presión ou lobby, na súa forma inglesa, é unha organización formada por un ou varios grupos de intereses compartidos para exercer presión sobre os entes públicos en lexislación que lles afecte. Deste xeito, podemos dicir que os bancos, as enerxías renovables ou as tabaqueiras forman grupos de presión; así coma organizacións civís ou ONGs tamén poden facelo. A diferenza entre ambos tipos de grupos é a capacidade de presión que teñen, noutras palabras, o diñeiro e tempo que invisten nestas actividades. Como é lóxico, os grandes conglomerados empresariais teñen máis recursos económicos, polo que poden ter persoas dedicadas 24 horas ao día a estes asuntos, ou pagar a empresas de relacións públicas para que o fagan por eles. A mellor proba de que hai lobbismos e hai lobbismos témola ben recente. Todos lembramos o caso da Plataforma de Afectados polas Hipotecas (PAH), que a pesar de ter desenvolvido unha importante campaña de presión e xuntado o medio millón de sinaturas necesarias para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso, só conseguiu que o goberno aprobara unha lei que en pouco se asemellaba á presentada por eles.

O fenómeno das portas xiratorias, nome que recibe a relación entre políticos e empresarios que en moitas ocasións mudan dun bando ao outro, tamén inflúe na toma de decisións e na lexislación que se adopta. Todos sabemos de casos e casos de políticos españois que se pasaron ao mundo empresarial; probablemente o caso máis soado sexa o do expresidente Felipe González en Endesa, mais a lista é abundante. Curiosamente, o exministro de Agricultura e actual candidato polo PP ao Parlamento Europeo, Miguel Arias Cañete, foi presidente da petroleira Dúcar; uns sospeitosos contactos que continúa a súa sucesora Isabel García Tejerina, procedente dunha empresa acusada de delito ambiental como é Fertiberia. Con casos coma estes dentro da normalidade, non é sorprendente que se saiba que o 94% das empresas do Ibex teñen activos en paraísos fiscais e non pase nada. A nivel europeo, e mesmo a nivel da ONU, estas prácticas tamén son comúns ante a ausencia de controis estritos, e están directamente relacionadas co lobbismo, xa que moitos destes funcionarios pasan cada ano a formar parte de grupos de presión e viceversa.

En Europa o lobbismo é unha actividade na que o sector civil se atopa absolutamente subrepresentado. Segundo datos do informe do CEO só no sector financeiro, que é o máis activo entre os grupos de presión, mentres as organizacións civís gastan uns 4 millóns de euros ao ano a industria financeira gasta máis de 120. Imaxino que estas cifras non contan con sobornos, pero habelos hainos. Este sector emprega arredor de 1700 persoas provenientes de 700 organizacións diferentes, unha proporción de 7 por cada unha das que veñen de organismos non relacionados coas finanzas. Unhas cifras proporcionais ao número total de encontros directos entre a UE e a banca, como se pode ver nesta táboa:

O lobby financeiro supera en encontros coa UE ás ONGs e os sindicatos nunha proporción de 7 a 1 | CEO

Pero como semellantes cifras poden chegar a marear, exemplifiquemos con dous casos particulares sacados do informe. Primeiro, o do eurodeputado alemán Sven Giegold, que nun período de dous anos recibiu ata 142 peticións para reunirse con representantes do sector financeiro co obxectivo de discutir temas variados, dende regulación financeira ata lavado de diñeiro. Estas reunións maniféstanse de distintas maneiras, ás veces mediante canles formais –a propia Comisión Europea organiza “consultas” e conta con “grupos de expertos”, nos que o 70% dos participantes teñen vínculos directos coa industria– ou informais, dende reunións a porta pechada ata eventos sociais. A influencia destas reunións pódese apreciar no segundo exemplo, referido a unha peza lexislativa sobre fondos de risco da cal 900 das 1700 emendas presentadas levaban a autoría de lobbistas. Esta situación é especialmente alarmante dentro do contexto de crise económica no que nos atopamos, xa que, dende o comezo desta, os estados europeos levan gastadas cantidades astronómicas en rescates e conversións de débeda privada en débeda pública. Isto ten unha contrapartida, por suposto, xa que os bancos son os principais compradores da débeda dos estados, nun proceso que se retroalimenta a custa dos dereitos dos cidadáns.

Hai que salientar as dificultades que os autores do informe atoparon debido á opacidade destes procesos de cara ó cidadán. Transparencia Internacional, noutro informe recente sobre corrupción na Unión Europea, advirte da «ausencia de normas obrigatorias a nivel da UE e a tendencia crecente das institucións de negociar leis a porta pechada». Unha opacidade cuxa maior responsable é a UE, que conta cun rexistro de grupos de presión completamente voluntario, ao contrario que países coma os EUA nos que o rexistro é obrigatorio –en España nin existe–. Aínda que un rexistro coma este por si mesmo non garante nada, é o primeiro paso a dar cara ó control destas prácticas. O Parlamento Europeo leva anos intentando implementar a obrigatoriedade do rexistro, sempre topando coa negativa da Comisión Europea, órgano non elixido polos cidadáns e que verdadeiramente controla Europa.

Actualmente, no rexistro europeo aparecen uns 6,500 grupos de presión; nembargantes, a Alianza para a Transparencia dos Lobbies e a Regulación Ética (ALTER-EU), da que o CEO forma parte, estima que unhas 100 grandes empresas que participan en actividades de presión a nivel europeo non están rexistradas, e que moitas das que o están só informan parcialmente do que gastan. Dadas estas circunstancias é lóxico supoñer que as cifras do informe están por debaixo dunha realidade que está oculta ao público.

Ambos informes aparecen nun momento moi especial por dous motivos. O primeiro, por todos coñecido, é a inminencia dos comicios europeos, este domingo. O segundo, máis ignorado pola sociedade, é a negociación entre os Estados Unidos e a Comisión Europea –o Parlamento Europeo está practicamente excluído desta– dun novo tratado de libre comercio chamado TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership). Este tratado leva meses sendo presentado coma un novo piar na recuperación económica occidental, pero os seus aspectos máis polémicos –e que podedes consultar aquí en profundidade– pasan amplamente desapercibidos nos medios xeralistas. Think-tanks coma o Real Instituto Elcano, que conta co expresidente Aznar nas súas filas, non deixan de falar do impulso ao crecemento e a creación de empleo, discurso que acolle un parlamento que xa votou en contra de realizar un referendo sobre o tratado.

O tan pregoado crecemento non será tal, apenas entre un 0,1 e un 0,5% durante os próximos dez anos, xa que os aranceis entre ámbalas dúas zonas xa son practicamente inexistentes. O que interesa é a redución de regulacións «innecesarias» para que as corporacións se poidan mover libremente dun lado ó outro. A sombra de grandes empresas coma Monsanto xa percorre un continente que se esforzou durante décadas en protexer a súa alimentación e a súa agricultura, con honrosas excepcións como a española. Tamén periga, por exemplo, o modelo de saúde universal, ameazado por este tratado que contempla a progresiva privatización de sectores públicos considerados ata hai pouco intocables.

Pero sen dúbida o punto máis polémico pasa polas mudanzas entre a relación empresa-estado. A entrada en vigor deste novo tratado internacional significará que os estados terano moito máis complicado á hora de primar ás empresas nacionais en lugar das estranxeiras en concursos públicos. Ademais, o tratado virá acompañado dun tribunal de Solución de Diferenzas entre Inversores e Estados, compostos por xuristas alleos ás constitucións nacionais, en ocasións relacionados coas propias empresas, e que poderían permitir demandas por compensación en caso de que se lles ocasione unha perda de beneficios –a instauración da dación en pago aos bancos podería ser un exemplo–. Non deixa de ser curioso que este tipo de acordos non son recíprocos, polo que os estados non poderían demandar ás empresas por esta vía. A Organización Mundial do Comercio ou o Banco Mundial, así como a maioría de tratados bilaterais, xa posúen mecanismos semellantes, que provocaron situacións inverosímiles como a demanda contra o estado de Ecuador da petroleira estadounidense Chevron, previamente condenada por delitos ambientais polos que nunca pagou.

O TTIP contempla a progresiva privatización de sectores públicos considerados ata hai pouco intocables.

E ante este panorama, cal é a resposta da sociedade europea? Indiferenza. As últimas eleccións europeas tiveron unha participación do 44%, unha cifra que previsiblemente será menor esta semana, chegando a un novo mínimo histórico que non semella incomodar en absoluto aos partidos maioritarios. Iso a pesar de que o Tratado de Lisboa, introducido en 2009, establece que o novo presidente da Comisión Europea deberá recibir o visto bo do parlamento, o cal convirte estas eleccións nunha oportunidade histórica de mudar o rumbo de Europa. Mais non ocorrerá. Non ocorrerá ata que comprendamos que o desencanto e a desligación da vida política non fan máis que perpetuar no poder a aqueles que xa o teñen. Se queremos mudar a política, e non hai nada máis necesario neste momento, teremos que decatarnos de que a democracia non só é un dereito, tamén é unha responsabilidade. Mentres tanto, a Europa dos Lobbies faise cada día máis forte.

Imaxe de portada: Reuters