Unha tempada de notable

Corría o mes de xuño por Vigo. A cidade estaba de resaca, tras celebrar unha permanencia tan apurada como gratificante. Poucos pensaban no mañá, ou como moito o facían imaxinando a praia e nunca o Estadio de Balaídos. Porén, nas oficinas de Praza de España xa se estaba xestando o novo Celta da tempada actual. Abel Resino abandonaba o banco celtista, e o elixido para substituílo era Luis Enrique, nun movemento tan ilusionante como arriscado.

40 puntos a catro xornadas do final. Unha salvación virtual que merece un notable

Quizais non foi o mellor final para un adestrador que regalou unha salvación necesaria para xerar estabilidade, pero o que está claro é que Luis Enrique garantía dúas cousas: bo xogo e aposta pola canteira. Dous elementos que en Balaídos gustan e moito. Tras unha tempada longa, semellante por momentos a unha montaña rusa, o equipo celeste acadou unha salvación virtual que lle permite afrontar os últimos encontros de liga sen apuros. Polo tanto, chega o momento do análise dunha tempada que polo resultado global debe ser de notable.

Un comezo dubitativo

O Celta venceu no Villamarín por 1-2 - ©Te Interesa

O Celta venceu no Villamarín por 1-2 – ©Te Interesa

A tempada comezou con dúbidas, sobre todo en Balaídos, a materia pendente do Celta durante todo o ano. Luis Enrique sorprendeu a propios e a estraños con decisións como a Toni Rodríguez como lateral esquerdo. Un experimento que probaría durante moito tempo, pero que a fin de contas era errado. O tempo puxo a cadaquén no seu lugar, e Jonny foi o elixido para ocupar con garantías esta posición na segunda parte da campaña.

A tempada comezou con moitos altos e baixos. Chegaron vitorias de prestixio, pero tamén moitos problemas en Balaídos

As primeiras xornadas deixaron entrever dous problemas no equipo vigués: a fraxilidade defensiva e a falta de gol. Pero tamén todas as virtudes, como un xogo de toque atractivo que levou ao equipo a lograr grandes vitorias a domicilio como a do Benito Villamarín. O comezo de tempada está cheo de erros e incertezas e aquela parecía unha vitoria de prestixio ante un dos aspirantes a Europa. O Betis, cousas da vida, xa está matematicamente en segunda.

Primeiras dúbidas

Un solitario gol de Diop fixo que o Levante conseguise tres puntos en Vigo - ©Marca

Un solitario gol de Diop fixo que o Levante conseguise tres puntos en Vigo – ©Marca

As xornadas pasaban e Balaídos pasou a ser unha materia que baixaba moito a media da tempada. Espanyol, Elche, Granada ou Levante marchaban cun bo botín da Ría de Vigo. A primeira vitoria en casa era necesaria, xa que a produción fóra non sempre podía ser perfecta.

Balaídos pasou a ser un gran problema. Tras perder contra o Levante, o Celta viviu o momento máis duro da tempada

Luis Enrique realizou varios trocos no equipo, pero non daban demasiado resultado. A falta de gol era preocupante e, en defensa, Toni Rodríguez non era unha solución. Tampouco David Costas, recén saído da canteira, daba demasiada seguridade no centro da zaga. Todas as dúbidas se materializaron no Celta-Levante, un partido desesperante para o afeccionado celeste. Os de Luis Enrique tiveron ocasións de todas as cores para gañar o partido, pero o Levante necesitou simplemente unha para levarse os tres puntos. Unha vitoria na casa era necesaria e chegou grazas a un equipo andaluz, eses que se lle deron tan ben ao Celta de Vigo.

Consistencia

Orellana abriu o camiño para lograr unha victoria importante ante o Almería - ©La Voz de Galicia

Orellana abriu o camiño para lograr unha victoria importante ante o Almería – ©La Voz de Galicia

Era un partido marcado no calendario. O Celta chegaba tras golear en Málaga e vencer en Sevilla, facendo de Andalucía a súa casa, pero viña de ceder na casa ante o Rayo e dunha dolorosa derrota en San Sebastián. Os de Luis Enrique desperdiciaran un 1-3 en Donosti, e tras quedar con 10 perderan 4-3. O Almería era chave para respirar tranquilos antes de Nadal, e o Celta saíu da UVI con bo pé.

O Almería, xunto co resto de equipos andaluces, foi unha vítima perfecta para o equipo de Luis Enrique.

Foi un partido de nervios, onde o Celta se mostrou máis maduro e efectivo, pero que estivo a punto de virse abaixo tralo primeiro gol visitante. Despois, e por primeira vez en todo o ano, apareceu Fabián Orellana, que viría para quedarse e ser a mellor fichaxe de inverno en anos. Welliton non foi a solución en ataque, pero Orellana, cargado de fame tras ser descartado na primeira parte da tempada, si.

Puntos inesperados na casa

Unha vitoria tan inesperada como valiosa - ©Estadio Deportivo

Unha vitoria tan inesperada como valiosa – ©Estadio Deportivo

O Celta continuou a súa travesía pola media táboa durante toda unha volta. Fases mellores e fases peores. Sempre a unha distancia prudencial do descenso, pero nunca con opcións reais para soñar con algo máis. Varias derrotas inesperadas levaron a iso, pero dúas vitorias na casa quizais significaron os seis puntos que deron máis moral e marcaron a diferencia para conseguir con tranquilidade a salvación: Valencia e Sevilla.

Os de Pizzi chegaban crecidos a Vigo tras plantarlle cara ao Atlético de Madrid en Copa, pero á hora da verdade sucumbiron en Balaídos ante un equipo que pode competir con calquera. Iso demostraron os de Lucho toda a tempada, xa que en ningún dos grandes duelos (ante Madrid, Barcelona ou Atlético) apañaron unha goleada de escándalo, nin desapareceron do partido. De feito, no Calderón a piques estivo o Celta de rescatar un punto nos últimos minutos. E en Concha Espina, se Charles tivese un día máis inspirado igual outro galo cantaría.

Sete puntos inesperados na casa (vitorias ante Valencia e Sevilla, máis o empate ante a Real) que puxeron ao Celta nunha posición moi tranquila

Se a vitoria ante o Valencia foi de prestixio, máis o foi vencer ao Sevilla de Unai Emery que chegaba a Vigo no seu mellor momento na tempada. Sen embargo, un penalti tan parvo como claro de Fazio levou ao Celta a conseguir tres puntos que lle deron tranquilidade e opcións de sentenciar a permanencia antes de tempo.

O mesmo aconteceu coa visita da Real Sociedade a Balaídos, onde o equipo de Lucho mostrou o carácter que lle faltou en Anoeta. Con dez, perdendo 1-2, o Celta foi superior e un gol de Santi Mina fixo xustiza no resultado. Ese gol colocou ao Celta con 37 puntos (os que valeron a salvación o ano pasado) a falta de cinco xornadas para o final.

A tramitación da salvación

Unha vitoria que practicamente pechou a salvación - ©Te Interesa

Unha vitoria que practicamente pechou a salvación – ©Te Interesa

O Celta marcou entón outro partido en vermello no calendario, e de novo o rival foi o Almería. Un partido clave, xa que unha vitoria nos Xogos do Mediterráneo serviría para chegar aos 40 puntos salvadores e deixaría a outro equipo moi tocado xunto co Betis (xa descendido).

En Almería, nun partido onde o Celta demostrou a súa madurez, certificouse a salvación virtual

O Celta foi superior no xogo na primeira metade, pero a súa falta de contundencia reflexouse nun empate a uns no marcador. Na segunda, co equipo desencadeando e con ganas de reivindicarse, os celtistas disfrutaron de 45 minutos para recordar. Charles, Nolito e Orellana certificaban, posiblemente, a permanencia e facían que nas últimas catro xornadas o Celta sexa xuíz do descenso (ante Valladolid e Osasuna), pero tamén teña licenza para soñar e firmar un final de campaña recordado (ante o Real Madrid e o Valencia).

Puntos a  mellorar

©La Vanguardia

©La Vanguardia

Fraxilidade defensiva: Falamos dun aspecto a mellorar en Vigo xa dende a tempada pasada. A falta de contundencia e de liderado súmanse a erros puntuais, que fan que o equipo encaixe máis goles dos que debe.

Máis recursos ofensivos: Tralo fracaso da fichaxe de Welliton, o equipo de Luis Enrique necesita outro nove de garantías para competir con Charles, Mina e Bermejo.

Funcionar en todos os escenarios: O Celta demostrou que pode competir contra calquera equipo. Porén, en certos partidos desapareceu para perder todo o traballo feito.  Manter un nivel competitivo en todos os campo será necesario se o equipo quere aspirar a metas maiores.

 Sorpresas positivas

Santi Mina, unha das sorpresas positiva do ano - ©Vavel

Santi Mina, unha das sorpresas positiva do ano – ©Vavel

Santi Mina: O futuro é seu. Luis Enrique deulle confianza e a evolución do dianteiro celeste estivo presente. Do neno que a principios de tempada se mostraba inseguro nos controis e movementos, pasamos a un home que aguanta o balón de costas como o máis vello. Bermejo e Charles demostraron ser dous grandes profesores do neno.

Jonny: Parecía que ía a ser unha tempada á sombra de Hugo Mallo. Porén, os problemas no lateral esquerdo e as súas actuacións notables o levaron a unha titularidade que nunca abandonou. Jonny demostra madurez, seguridade defensiva e un futuro prometedor, aínda que sexa a banda cambiada.

Orellana: Foi a fichaxe do Celta en inverno. Da nada ao todo. De non estar convocado a ser un xogador indiscutible. A súa segunda volta é para enmarcar, e despediu a todas as pantasmas que non lle deixaban demostrar o que vale en primeira división. O seu premio chámase Mundial de Brasil 2014.

-Rafinha: O xogador diferente, que suma puntos e fai xogar aos seus compañeiros. O problema é que o Celta terá que dicirlle adeus este verán.

Decepcións

Welliton, a fichaxe estrela inexistente - ©Moi Celeste

Welliton, a fichaxe estrela inexistente – ©Moi Celeste

Oubiña: A idade pesa e o ritmo de xogo da tempada pasoulle factura. De titular indiscutible a habitual dos bancos. Fontás e Krohn Dehli, cada un coas súas características, demostraron un nivel superior na posición de pivote defensivo.

Welliton: Chegou a Vigo para poñerse en forma de cara á tempada que ven. Fichaxe de inverno frustrada e un dos poucos “peros” que se lle poden poñer á dirección deportiva.

A proba de Toni Rodríguez: Un experimento que parecía destinado a fracasar, pero no que Luis Enrique insistiu moitas xornadas e que custou puntos. As ganas de Toni estiveron presentes, pero o coruñés non foi quen de captar conceptos defensivos e converterse nun lateral de garantías. Como extremo non atopou oco e rematou abandonando o barco celeste.

En resumo, a afección celeste pode estar contenta polo rendemento do seu equipo esta tempada. Unha tempada ilusionante baixo a batuta de Luis Enrique, que ten outro ano de contrato en Vigo para aumentar as aspiracións deste grupo. Sen Rafinha, parece básico manter a columna vertebral e buscar unha fichaxe que aporte a maxia que este ano puxo o fillo de Mazinho. Pero iso xa será outra historia, que tamén contaremos aquí en Compostimes.