Ruxe Ruxe: “Sempre estamos empezando”

Cando hai dous anos presentaran o Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras na Capitol, esgotaron as entradas días antes do concerto. E non foi casualidade. Xa van aló 18 anos de rock e punk en galego. A maioría de idade para un grupo que leva oito discos as súas costas e un a piques de estrear, todos co seu toque especial, ese  toque especial que os fai ser Ruxe Ruxe e non outros. Esa enerxía desprendida a cada rasgueo de guitarra, cada golpe de batería e cada saxofón e gaita, ademáis das letras. Letras comprometidas, cheas de forza e esencia.  Quedamos no Cortello, o seu local de ensaio, para mirar atrás neses 18 anos e falar do Némesis, o seu último traballo que estrearán o sábado na Capitol. Alí os están: Vituco Neira, Xan Pericán, Miguel Duarte, Xaco Barona, Carlos Freire e Mahi, batería de Lady Chatarra que estará a substituír a Sevilla mentres o lombo deste se recupera. É o que ten vivir con intensidade a música. 18 anos son moitos, pero nunca suficientes. E como dixo Vituco ao comezar a entrevista: “nós sempre estamos preparados para o rock and roll”.

Cartaces de Ruxe no Cortello | ©Ada Seoane Alló

Cartaces de Ruxe no Cortello | ©Ada Seoane Alló

Como se consegue chegar aos 18 anos? Cal é o motor, o que da forza, para seguir adiante? 

XAN PERICÁN: O motor fundamental é a sensación de que cando subes a un escenario e ségueche prestando, ségueste ilusionando e segues tendo un formiguillo que che impulsa a seguir. Hai moita xente que se cansa do rock and roll, porque ten  moitas cousas moi guays, pero outras que non son tan guays, non? Esforzo e tal. Pero hai xente que temos esta condena, que seguimos tendo algo dentro que nos impulsa a seguir, unha necesidade.

VITUCO: Gústanos, nada máis.

Cómo xurdíu o nome de Ruxe Ruxe?

Vituco | ©Ada Seoane Alló

Vituco | ©Ada Seoane Alló

V: Iso foi cando andaba con nós Carlitos, que un día chegou de festa ás mil da noite á casa despois de estar de copas. Tiñamos un concerto, non  tiñamos nome para o grupo e había un concurso no que che daban unha palabra e tíñala que acertar, por exemplo: qué é ruxe-ruxe? Pois ruxe-ruxe é o nome dun cohete? Un xoguete para xogar os nenos? Ou o ruído que se escoita do murmullo dos bares? E o Jimmy (Carlitos) estaba coméndose un bocata antes de meterse na cama, veu iso, e o día seguinte nos dixo que molaba ruxe-ruxe como nome de grupo; e así foi. A verdade é que non nos gustou moito de entrada. Xa nos acostumamos, danos igual (risas). Agora hai moitas cousas que se chaman Ruxe Ruxe, iso quere dicir que o nome funciona.

Algunha anécdota sobre os escenarios.

V: Millóns delas. Moitísimas.

XP: Un día tragóusenos o escenario ao guitarrista, a Jimmy. No Castañazo Rock no 2007 ou 2008, rompeuse un tablón e Jimmy desapareceu, tragouno o escenario. Quedamos todos flipaos, seguimos tocando.

V: Por medio dos ferros, tío, e non lle pasou nada.

XP: El quedou tan en shock que seguiu tocando.

V: E había miles de persoas diante e non se enterou nin Dios. Hai millóns de anécdotas. Cando nos tiraran a alpaca na Festa da Fraga das Pontes que, cuidao, hai que ser moi forte para tirar unha alpaca ao escenario. O feito de andar por aí, xa é unha anécdota diaria. Cada día que vas a tocar, vai haber algo que é unha anécdota. Entón podes facer unha lista de anécdotas interminable. En 18 anos, imaxínate, a golpe dunha media de concertos por ano…houbo anos de 70 concertos, anos de 20. Os anos que menos tocamos foron os últimos, e aínda así chegoulle ben.

E que hai de cando empezabades alá polo 96-97?

V: Daquela…todo era unha anécdota. Eran outros tempos, tamén era outra inocencia. Facíamo-lo doutra maneira. Non tiñamos ningún tipo de responsabilidade de nada. Agora tamén, pero tes a responsabilidade de soar ben. Daquela nin iso. A idea era pasalo ben e ir aprendendo pouco a pouco. Coma agora, pero con un pouco menos de conciencia.

Carlos | ©Ada Seoane Alló

Carlos | ©Ada Seoane Alló

Miguel Duarte | ©Ada Seoane Alló

Miguel Duarte | ©Ada Seoane Alló

Con que grupo vos gustaría tocar que non tocarades aínda?

V: Cos Rancid, xa postos, cos Social Distortion, cos Pogues...Con calquera dos galegos, sempre nos molan. Os galegos nos molan todos.

XP: Cos Pogues estaría ben.

MIGUEL DUARTE: Camela. Xa tocamos con Locomía, así que…

V: Cos galegos é con quen máis mola compartir escenario. Que a fin de contas son a nosa realidade. A xente coa que compartes cousas, coa que andas na mesma batalla. A parte iso de tocar xuntos, a maioría das veces case non cruzas nin unha palabra. Anda todo o mundo a correr, que si as probas de son, que si agora a cear…ao final crúzaste. Fas amizade cando cadras moitas veces con algún grupo.

Como gravabades ao principio?

V: O primeiro disco que gravamos foi en analóxico, cunha mesa e cinta analóxica e tiñas que tocar todo do tirón, non se podía practicamente pinchar nada. Non había ningunha das ferramentas dixitais que hai agora, que afortunadamente fan o traballo moito máis fácil, aínda que tamén é certo que moitas veces chóveche en contra porque despois fan que os discos sexan moi perfectos. Cambiaron moito as cousas, pero para ben. Nós tampouco somos nostálxicos deso porque nos pillou nas últimas. A nosa realidade xa é esta, por fortuna.

Xan e Vituco | ©Ada Seoane Alló

Xan e Vituco | ©Ada Seoane Alló

Cal é o proceso compositivo dos Ruxe?

V: Apórtanse ideas e despois traballase entre todos, dáselle forma a esa idea. O traballo da parte melódica ou harmónica si que vén feito, pero o que é o traballo do arranxo da canción, que é o que realmente importa, faise aquí entre todos no local de ensaio, pelexando moito. É como se tes un nudo nunha corda con seis tíos tirando e cada un tira un pouco para o seu gusto. Pero ten que quedar un pouco a gusto de todos, senón tampouco vale. Un equilibrio entre que lle mole un pouco a todos e que a ninguén lle desguste. Hai veces que temos que andar un pouco medio ás hostias, pero tamén é divertido.

XP: Ten eses dous puntos de divertimento e de encabronamento.

V: A min é a parte que máis me gusta do grupo. Mólame moito máis iso que ir a tocar, que ir a gravar. Cando non hai nada e de repente hai unha canción.

Cos galegos é con quen máis mola compartir escenario. Que a fin de contas son a nosa realidade

Como se sente un grupo sendo referencia musical, non só para outros músicos, senón tamén para moita xente e novas xeracións que coñecen o que se fai en Galiza por vós?

V: Eu creo que nós non somos referencia de nada. Esperemos non ser referencia de nada nunca.

XP: O que realmente nos presta a nós é facer as cousas ben. Disfrutar, que é como ten que ser isto. Disfrutamos máis se facemos as cousas ben; e se lle agrada á xente pois de puta madre.

V; E ao final somos un grupo novo sempre. Sempre facemos cancións novas. Nós neso si que predicamos co exemplo, sempre estamos sacando un disco novo. Cada dous anos tocamos novo repertorio; de vinte cancións, dez novas. E ao final és un grupo novo que está sempre empezando. Cada vez que saes a tocar tes que facer un concerto bo para convencer á xente de que te veña a ver ao seguinte. Sempre estamos empezando.

XP: Probablemente tamén iso sexa unha das grandes razóns polas que seguimos tocando.

Xaco Barona | ©Ada Seoane Alló

Xaco Barona | ©Ada Seoane Alló

Que é o que máis vós gusta da actitude da xente nos vosos concertos?

Xan Pericán | ©Ada Seoane Alló

Xan Pericán | ©Ada Seoane Alló

MD: Que salten e que fagan pogo.

XB; Que se divirtan.

V: Si, é curioso porque eu por exemplo nos concertos nunca na vida salto, e mira que hai concertos que me molan moitísimo. Iso é unha cousa que nos últimos anos se foi apoderando da idea dos concertos, que se non hai xente saltando é como que foi un mal concerto e ao mellor o tío ou tía que menos salta é a quen máis lle mola, quen máis o está disfrutando.

MD: Pero bueno sempre é agradecido ao estar tocando.

XB: Claro. A ver, é a primeira impresión que levas. Non é o mesmo ver a un tío aí dándoo todo que outro tío cos brazos cruzados. A impresión é, a fin de contas, o que estás vendo.

XP: De todas formas, independentemente de como sexa a peña, ti notas cando conectas e cando non conectas. Tes esa sensación. O público igual está parado, pero está pendente do que fas. Tes esa conexión.

Ao longo da historia do rock vimos como grandes artistas, por mor de telo creído, botaron abaixo o seu talento e non souberon crecer. Como se manteñen os pés na terra?

XP: Pois non sei porque nós nunca os tivemos no aire, entón non sabemos moi ben como se fai (risas).

V: Aínda facemos as pegadas de carteis nós. Mólanos ir…bueno a verdade é que non nos mola moito pero facémolo.

MD: E os cd’s.

Mahi | ©Ada Seoane Alló

Mahi | ©Ada Seoane Alló

V: A realidade da nosa música é diferente. A única sorte que temos é que se acordan de nós habitualmente. Pero é o que falábamos antes, somos un grupo que estamos empezando. Levamos 18 anos empezando. Ensaiando todas as semanas, intentando aprender e, sobre todo, disfrutando, que iso é o que é jodido. Eu tiven épocas de non disfrutar e cando non disfrutas é unha putada. Ter o punto xusto de disfrutar, cando vas a tocar e a ensaiar. Porque iso é o que levas. Que cando chegas a casa digas: “hostia hoxe paseino de puta madre con estes cabróns. Paseino ben, foi algo divertido, algo que a min me aportou cousas na miña vida”. E iso é o que van a dicir eles tamén– referíndose ao resto do grupo-. É o único que tes que ter claro. No momento no que non che guste ir a ensaiar, que non che guste compartir o tempo cos teus compañeiros de grupo, meterte nunha furgoneta, ir ao local ou facer unha pegada. No momento no que non che mola estás fora. Non ten lóxica estar xa. Ter os pés no chan é telos aquí no local de ensaio, dúas ou tres veces á semana, tocando as cancións unha e outra vez. Nós non somos os Guns n’ Roses que te veñen a buscar nun avión e che levan a tocar a Wembley. Non. Tes que levantarte pola mañá, ir a currar ou estudar, cada un facer o que pode para sacar a vida adiante e despois vir ao local de ensaio e pasar aquí dúas horas cun volume atronador, quedar xordo… Entón é fácil ter os pés no chan.

Este último disco, Némesis, que ides presentar o 12 de abril na Capitol, é o máis experimental ata agora, xa que entre as 22 cancións cóntase unha historia. Como xurdíu esta composición?

XACO BARONA: Queríamos facer algo diferente.

MD: Ao pouco de saír o disco anterior xa estábamos barallando que facer para o próximo. Molaba facer que foran cancións cañeras.

CARLOS: Que contaran algo entre todas.

MD: E foi así máis ou menos de pequenas ideas derivaron no disco. E aínda ata non hai moito non tiñamos claro que ía contar unha historia.

XP: Claro. Digamos que nos levou o rollo un pouco tamén é que os temas que íamos facendo tiñan ese perfil de vamos a contar unha historia.

Algunha colaboración especial no Némesis?

MD: Si, sae Esteban dos Falperrys e Skacha e máis Bocixa de Zënzar, que xa saíra no disco anterior.

V: Xa é parte do grupo case, témolo en nómina.

MD: As pandereteiras Bouba que colaboran en dúas ou tres cancións.

V: Que son unhas cracks.

MD: E Isidro Cea.

V: Que é a voz da maldade.

Eu o que si teño claro e que hai 18 anos non lle vías o final. Eu agora si que llo vexo

En que punto credes que se atopa o panorama musical galego?

V: Dende o meu punto de vista, nun momento creativo da hostia. Os grupos cada vez son mellores. A xente nova cada vez toca mellor. A xente que grava discos cada vez sabe máis. Os deseñadores gráficos cada vez deseñan mellor. A calidade sube. Entón todo o que é o produto final é mellor. Que pasa? Que ao final o que fan falla son cancións e as cancións é no que temos que traballar os grupos. En ter cancións boas. O momento é xenial. E hai boas cancións, moi boas cancións. O que falta é público, porque están pendentes do que mandan de Madrid. Eu o que creo é que a situación está moi complexa e que, para grupos coma nós, é moi complexo. Por un lado estamos máis vistos que tebeos, por outro lado móveste en terra de nadie, tampouco tes un público moi amplo… O que queremos é tocar moito, pero se tocamos moito despois o día que queres tocar ti por unha cuestión túa, xa te viron dez veces no último verán entón que carallo te van volver a ir ver. Somos como unha especie de rato dando voltas nunha roda.

Cando os Rolling Stones levaban xa dous anos bourando coa súa música, entrevistaron a Mick Jagger e unha das preguntas foi que “ata cando pensaban que iso podería durar”. Con toda inocencia, Mick Jagger contestoulle que por mor da xira, polo menos ata o próximo ano. No ano pasado cumpliron 50 anos. Se vós chegan a preguntar hai 18 anos que ata cando criades que vades estar aí, cal pensades que sería a vosa resposta?

V: A min se mo preguntases hai 18 anos diríache que eternamente, se mo preguntas hoxe dígoche que nin idea.

MD: Home, non hai moito, agora pola tarde aínda dixen eu que en dez anos xa contaba de estar morto (risas).

Portada do disco Xigantes  (2008) dos Ruxe. Será este o meteorito do que falan?

Portada do disco Xigantes (2008) dos Ruxe. Será este o meteorito do que falan?

V: E digo eu que esperemos que no. Pero si que é certo que a vida da tantas voltas, joder… Que sabe Dios. Igual agora cando salgamos por aí, non hai que ser moi pesimistas, pero igual cae un meteorito. Se os meteoritos acabaron cos dinosauros tamén poden acabar cos Ruxe Ruxe.

XP: Se iso o dixo Jagger pois… hai que joderse.

V : Aparte Jagger é o tío máis feo do mundo e o que máis ligou. Así que algo ten que saber. Eu o que si teño claro e que hai 18 anos non lle vías o final. Eu agora si que llo vexo. Non digo que se vaia acabar mañá nin pasado, pero si que son consciente.

XB: Porque van pasando os anos…

V: Son consciente de que vou ir para a pataqueira un día, de que xa van moitos amigos enterrados e xa van moitos disgustos no lombo e moitas marcas e daste conta de que o tempo pasa e non hai nada eterno. E non se ve o mundo igual con vinte anos que tendo o dobre. Iso teñoo clarísimo.

XP: Apocalíptico, eh?

Isto é un anaquiño do que son Ruxe Ruxe; unha pinga de auga no mar de 18 anos xa navegados. Os tempos cambian e as realidades golpean, e agora máis que nunca é o momento de falar de realidades e metaforizalas. É o momento dese Némesis, que o sábado dárase a coñecer na Capitol e que non comulga coa palabra indiferenza.

Por eses 18 anos, sempre Ruxe Ruxe.