Os 10 mandamentos de Pablo Iglesias

A ninguén se lle escapa que Pablo Iglesias se converteu nos últimos anos nunha das personaxes estrela do panorama mediático-político español. Politólogo, activista social, profesor universitario, presentador, tertuliano, columnista e quen saben cantas cousas máis, o salto á escea deste rapaz insultantemente educado e brillante provocou todo un fenómeno de seguimento popular que provocou que se consumase o seu salto á política nacional da man dun novo partido, Podemos. Dos vimbios de Izquierda Anticapitalista e con outras caras da esquerda intelectual patria como Juan Carlos Monedero ou Íñigo Errejón, o paso adiante ten como primeiro obxectivo as eleccións europeas de maio.

Debo confesar que desde aquel enfrontamento do noso protagonista con Federico Jiménez Losantos  no que o gurú da ala dereita do xornalismo español lle espetaba co seu particular ton aquilo de: “Pero Pablo, con ese aspecto nazareno estás hecho un Barrabás” non puiden deixar de comezar en el ao líder dunha sorte de relixión que cada día conta con máis seguidores. E como cada relixión necesita unhas táboas da lei, aquí propoño unhas para Pablo Iglesias e os seus achegados:

Pablo Iglesias2

Pablo Iglesias nun dos seus “sermóns” de Fort Apache

1. Amarás ao Pobo por riba de todas as cousas.

Na dimensión máis ampla que se poida dar da frase, e entendendo por Pobo esa maioría da sociedade que non ten responsabilidade en empresas que cotizan no IBEX ou non é un cargo electo do PP. Todo debe ir encamiñado a conseguir que o Pobo mellore a súa situación e tome conciencia para cambiar a realidade que o rodea. Ademais, deberanse denunciar todos os feitos que poidan escandalizar ao Pobo como que haxa xente que tribute en paraísos fiscais ou que unha persoa como Christine Lagarde (directora do FMI), que gaña cartos como para asar unha vaca, diga que os salarios dos españois deben reducirse.

O Pobo tamén se poderá denominar como “os de abaixo”, “a xente decente” ou “as clases traballadoras”.

Ser comunista non significa trufar o teu discurso de citas de Lenin, Engels ou Berlinguer

2. Non pronuniciarás o nome de Marx en van

E iso non significa renunciar a un ápice de esquerdismo. Ser comunista non significa trufar o teu discurso de citas de Lenin, Engels, Berlinguer o Che Guevara ou Salvador Allende sen máis nin máis. De feito, pode ser contraproducente se te enfrontas a audiencias que non sexan moi afíns a tal ideoloxía, deixando que actúen os seus prexuízos en contra da túa mensaxe.

3. Santificarás os debates (e gañaralos)

Unha das grandes victorias de Pablo Iglesias dáse no eido da oratoria e a comunicación. O seu nivel, moito máis alto có da inmensa maioría de tertulianos e políticos da redonda, dálle ao noso “nazareno” unha vantaxe competitiva con respecto a todos os demais.

Dá igual que sexa en La Sexta Noche ou en Las mañanas de Cuatro, en Intereconomía ou en 13TV, un campo amable ou territorio comanche. Hai que estar nos medios, en cantos máis mellor, debatir con todos, ir contra todos e gañarlles.

4. Honrarás a Beiras e a Anguita

Xa temos dito que para toda causa fan falta símbolos, e se o marxismo tivo en democracia dúas figuras que conseguiron chegar a un público amplo estes foron Xosé Manuel Beiras e Julio Anguita, polos que Pablo Iglesias xa demostrou un respeto reverencial. A formación cultural de ambos e a capacidade de artellar un discurso que conectase coa cidadanía construíron ao seu arredor uns liderados que semellan difíciles de repetir na esquerda española. Observalos, telos presentes e aprender dos seus acertos e erros é unha clara estratexia, manifestada incluso nas intencións primeiras de Podemos en concorrer con Anova ás eleccións.

Ten o bonus de saberlle explicar o comunismo á túa avoa

5. Falarás no idioma da túa audiencia

Isto, que parece algo entre unha obviedade e unha estupidez, non é tan doado de entender para a meirande parte dos políticos. Pablo Iglesias modifica á perfección o seu discurso cando se enfronta a unha charla ante un auditorio de militantes de esquerdas, a unha tertulia de Intereconomía, a unha entrevista ou aos seus monólogos de apertura en Fort Apache. Saber tocar as teclas axeitadas para conseguir que a un votante do PP non lle dea un arrepío ao escoitarte e conseguir colocar a túa mensaxe é unha arte na que hai que invertir moito tempo.

Aquí explica, de primeira man, este punto e parte do 3 co bonus da importancia de aprender a explicarlle o comunismo á túa avoa:

6. Non renunciarás a España

Aínda que sexa a túa particular idea de España. Agarrarse á bandeira sempre dá votos, en todos os lugares do mundo e baixo o paraugas de calquera ideoloxía, e esa foi unha guerra que perdeu por propia vontade a esquerda. As apelacións de Pablo Iglesias á falta de patriotismo dos gobernantes non son casuais, nin o seu xeito de acollerse a lugares comúns cando se fala do resto de nacionalismos do estado tipo o que se escoitou na súa recente charla en Compostela cando dixo que “Galicia será o que queiran os galegos”.

Agarrarse á bandeira dá votos

7. Identificarás ben aos teus amigos

Lembrando a emblemática escea da Vida de Brian  e a súa magnífica versión galega , o líder de Podemos non gasta un segundo das súas comparecencias públicas en criticar aos partidos afíns á súa causa. Desde os primeiros momentos trazou a intención de facer unha fronte común con eles e sinalou socios preferentes coma o que xa citamos de Anova, con outras como as CUP catalás ou a CUT de Sánchez Gordillo.

8. Identificarás mellor aos teus inimigos

As campañas en contra de algo sempre son máis efectivas que as que que se fan a favor de algo. Ademais, se o inimigo é poderoso e está ferido, os resultados poden ser aínda mellores. O inimigo que fixaron Pablo Iglesias e Podemos é todo o que represente o establishment bipartidista español, nomeadamente os que hoxe o lideran, o Partido Popular.

Nun sistema infectado pola corrupción por todos os lugares, cunha crise abismal e un goberno que só é quen de dar bandazos sen contentar a ninguén, cada enmenda á totalidade da realidade política do país, sexa da natureza que sexa, é unha oportunidade de gañar terreo mediante a construcción de slógans poderosos.

As ideas tamén se deben saber vender

9. Axudaraste do márketing

Isto, que así de súpeto parece moi pouco revolucionario e case capitalista, non é máis cá constatación dun feito. Pablo Iglesias e Podemos son produtos moi ben construídos que responden a necesidades da cidadanía e da esquerda española. Todo neles é márketing: a coleta, a perilla, a vestimenta, o xeito de falar, o entusiasmo que se manifesta nos seus discursos e mesmo no nome do partido, as súas propostas e mensaxes, etc.

As ideas tamén se deben saber vender. Hai quen cre que como a súa ideoloxia é “a correcta” é cuestión de tempo que a xente vexa a luz e se achegue a ela ou, peor aínda, tamén hai quen ve aos demais como ignorantes aos que non vale a pena explicarlles nada. Todos eses non só están enganados, senón que coa súa fatal arrogancia  abocan á súa ideoloxía á derrota máis estrepitosa.

10. Codiciarás cada voto que poidas conseguir

Este mandamento tamén se podería chamar “Non terás complexos” ou “Serás ambicioso”, porque calquera partido político que se marque como obxectivo gañar unhas eleccións debe querer loitar cada voto sen ter que poñerse colorado ante as críticas. Esta idea rompe co dogma de moitos partidos de esquerda españois que gastan moito tempo intentando demostrar que son máis de esquerdas cós demais, sen importarlle que o número de votos que gañan con iso é ridículo en comparación cos que perden.

Cada vez que Pablo Iglesias fala de que un antigo votante do PP lle dixo que vai votar por Podemos non é ningunha traizón á orixe ideolóxica do noso “nazareno”, senón un paso máis no intento de acadar unha vitoria.

Un auditorio ateigado de público o escoitou en Compostela

Un auditorio ateigado de público escoitouno en Compostela

E Igual ca na católica, os 10 mandamentos da igrexa de Pablo poden resumirse en dous:

Abandonarás o frikismo

Os comunistas viven permanentemente tentados a demostrar non só que leron a Gramsci, Trotsky ou Kollontai, senón tamén as interpretacións dos grandes conceptos marxistas que fan autores bielorrusos, macedonios ou angoleños. Ademais, gostan para os seus partidos de nomes grandilocuentes que soen así como moi de esquerdas e como Partido Revolucionario de Unificación Proletaria ou Fronte pola Vitoria dos Pobos Obreiros.

A vantaxa de Pablo Iglesias é a desterrar este denso engrudo teórico para convertelo en mensaxes que conecten coa sociedade para, desde o propio nome do partido, apelar aos seus sentimentos coa fin de conseguir a súa mobilización.

Farás todo o posible para gañar

Teno declarado en moitas ocasións. O seu obxectivo non é facerse un sitio na “cómoda minoría” da esquerda española, senón converterse nunha alternativa real dentro do xogo político a nivel estatal. Para isto, como sinalamos anteriormente, necesítase disputarlle votos a todo o espectro ideolóxico, non só ao nicho que se atopa á verdadera izquierda.

O tempo dirá se lle dá a razón ao que algúns xa chaman Pablo Iglesias II, de momento, aínda rematan este mércores as primarias de Podemos e, como el mesmo sinalou na súa presentación en Santiago, aínda pode saír o Pato Donald de candidato ás europeas.