O perfil: Cholo Simeone

Quedan cinco minutos e o Atlético de Madrid sofre. O cansazo pesa e as tres competicións tamén. Na banda, un home levanta os brazos e esperta ao Calderón. Ese é Diego Pablo Simeone, un adestrador que non perdoa un gramo de esforzo nin aos xogadores nin a súa afección. Un home que se converteu no profeta do Manzanares, un lugar tradicionalmente agnóstico, pero onde agora se cre na relixión do esforzo e do partido a partido.

O Cholo Simeone pide o apoio do Calderón no partido de volta da Champions ante o Barcelona - ©La Vanguardia

O Cholo Simeone pide o apoio do Calderón no partido de volta da Champions ante o Barcelona – ©La Vanguardia

Simeone é un dos nomes de moda do fútbol mundial. Un home diferente, que nunca pasou inadvertido dende que debutou como futbolista con Vélez en setembro do 87. Severo, agresivo e sempre ao borde do regulamento. Ese é o Cholo que todos recordan, sobre todo nos seus grandes éxitos como futbolista no Atlético de Madrid e no Inter de Milan. Dous equipos que adora, xunto co seu primeiro amor: O Racing de Avellaneda. Un equipo no que quixo colgar as botas.

“Un equipo así nunca debería descender” – Simeone sobre o Independiente,  rival máis cercano do Racing de Avellaneda, o seu equipo de toda a vida

Fanático como o que máis, pero tamén moi respectuoso. En 2013, tralo descenso de Independiente (o rival máis directo do Racing) o Cholo volveu a sorprender. Para o técnico arxentino, un equipo así xamais debería descender á B. Os grandes cos grandes, e alí o corazón e a cabeza xa se encargarán de derrotalos nos duelos directos. Declaracións de señor, algo que no mundo do fútbol escasea nos últimos tempos.

Simeone na súa época como xogador do Rácing de Avellaneda - ©Taringa

Simeone na súa época como xogador do Rácing de Avellaneda – ©Taringa

Campión dos bancos cunha receita cargada de motivación. Unha motivación como estratexia que chegou a poñer por escrito nun libro. Adestrador de códigos, supersticioso ata o máis mínimo detalle. Por iso, nunca se deixa na casa o seu traxe de corte italiano cando ten que dirixir un partido. Nas grandes citas, adorna a indumentaria cun crucifixo. Calquera axuda é pouca para que o seu equipo, ese co que se deben sentir identificados todos os traballadores, acabe levándose unha vitoria.

Fanático dos coches deportivos e cliente VIP en Ferrari. Tamén, colega do “Mono” Burgos, ese excéntrico porteiro guitarrista co que primeiro compartiu habitación e que hoxe en día é o seu segundo. Pode parecer unha parella cómica, pero os dous enténdense a perfección para levar a nave do Atleti a bo porto. Quizais é que o “Mono” apórtalle ao equipo as cousas que lle faltan ao Cholo. Só así se entende esta estraña amizade que comezou con música de rock e asados e que continúa con vitorias e títulos.

Carmelo Simeone, o primeiro "Cholo" e do que o noso protagonista herdou o alcume - ©Informe Neize

Carmelo Simeone, o primeiro “Cholo” e do que o noso protagonista herdou o alcume – ©Informe Neize

O “Cholo”, un alcume que herdou de Carmelo Simeone, un xogador que triunfou nos anos 60 no Boca Juniors e na selección e que agora vixila o céspede dos campos de adestramento da “Casa Amarela”, santuario de Boca. Carmelo comezou a súa carreira en Vélez, e alí mostraron as mesmas actitudes sobre o campo: compromiso, mentalidade gañadora, pelexa, actitude e sacrificio en beneficio do líder. O alcume orixinal saíu da boca da nai de Carmelo, e o foi Vitorio Spinetto (adestrador de Vélez) o que chamou a Diego Pablo así por primeira vez. Dous “Cholos” que se admiran e que se senten identificados.

“Se te brindas ao teu traballo, o que quere aprender o fai só” – Cholo Simeone

A súa outra paixón, xunto cos coches e o fútbol, é a súa familia. Muller e tres fillos, un deles futbolista en River Plate. Simeone di que para educalos non necesita imposición. “Se ti te brindas ao teu traballo, o que queren aprender o fai só”. Supoñemos que cos seus futbolistas lle acontece algo semellante, e senón sempre buscará unha forma de recordarllo en cada adestramento ou en cada charla.

Simeone celebra un dos goles do Atlético esta campaña - ©Mundo Deportivo

Simeone celebra un dos goles do Atlético esta campaña – ©Mundo Deportivo

O home que chegou ao Manzanares para romper o maleficio do Real Madrid colocou ao seu equipo a catro partidos de gañar a Liga e a tres de levarse a Champions. O “partido” a “partido” pasou a ser “final” a “final”. Pero para o Cholo, se algún quere empezar a soñar, que vaia espertando. Porque durmidos nunca se levantan títulos.