O exitazo
Á saída da Facultade de Xornalismo atópase un dos lugares máis escatolóxicos do templo de Siza. Moitos estaredes pensando nos baños da primeira planta, onde as augas maiores caen coa impunidade de quen caga ás escuras. Mais non me refiro a eles. Se os folletos do taboleiro electoral servisen para limpar o cu, estariámoslles a dar unha utilidade que non merecen. Consciente disto, Juan Viaño decidiu non imprimilos, deixándolle o monopolio do papel a Antonio López.

A fotografía do programa de López, tan infraexposta que o director de Compostimes estaría asinando o noso despedimento se a tivésemos tirado nós / Prensa Antonio López
O taboleiro electoral é unha parede sobria e burocrática, onde colgan as listas do censo e as candidaturas fan propaganda, aínda que ninguén mire para elas. Abandonadas á súa sorte, as almas dos reitorables quedan prendidas desa cortiza imaxinaria e purifícanse durante dúas semanas á espera do xuízo final, que marcará a liña entre o éxito e o fracaso. Segundo a escatoloxía -que ademais de estudar a merda, tamén é a disciplina do alén- católica, ese lugar chámase purgatorio; segundo Casares Long, o verdadeiro exitazo é perder as eleccións.
Grazas a Compostimes, os resultados deste tanking electoral xa poden ser consultados no Youtube
Se partimos da premisa casariana, semella obvio que Viaño leva a dianteira. A súa renuncia a facer campaña in paper non só supón un aforro de custos, senón tamén de desgustos: catro anos en San Xerome queiman moito… e mais co abafamento económico que está a padecer a USC. Antonio López non quere quedar atrás e, aínda que dun xeito máis tradicional, tamén está a facer grandes esforzos por perder. Grazas a Compostimes, os resultados deste tanking electoral xa poden ser consultados no Youtube.
Pero de verdade é tan mala a política de comunicación dos candidatos como semella a simple vista? Abofé que non. Malia as críticas recibidas, o certo é que tanto Viaño coma López teñen claro o principio básico da publicidade moderna: menos é máis. Tanto é así que as súas contas de Facebook e Twitter poden presumir de non acadar os 200 seguidores, cando resta menos dunha semana para a celebración dos comicios. Se temos en conta que o censo electoral é de máis de 30.000 persoas, podemos comprobar como a penetración nas redes sociais non se achega nin ó 1%. O minimalismo levado ó estremo.
Outro dos grandes axiomas a ter en conta neste tipo de campañas é o da coherencia. Consciente da necesidade de ser consecuente co seu programa -baseado no saneamento económico da universidade- e co seu propio nome, Antonio López aposta por trasladar a austeridade que o caracteriza á súa páxina web. Fronte ós artificios despregados por Pereira -decano de Xornalismo e encargado de comunicación da candidatura de Viaño-, o portal de López supón un destello de sentido común e optimización de recursos, ó máis puro estilo racionalista. Malia a aparente cutrez, a estética antoniana atina de cheo na atracción do seu público obxectivo: os profesores composteláns de-toda-a-vida, que escriben cun dedo no ordenador e explican as clases con biblias chamadas pagüerpoints. Calquera diría que o tema escollido foi deseñado por un traballador de WordPress.
Viaño quixo ir de guay e non chegou nin a chachi
Pola súa banda, Juan Viaño tamén se dirixe a un target moi concreto: os estudantes. Para atraer o seu voto, o exdecano de Matemáticas está a propor unha campaña audaz e arriscada, na que aínda garda un as baixo da manga. Esta revista ten o privilexio de poder revelárvolo en exclusiva:
Código Viaño / El Cantor Compostelano (preme na ligazón para escoitar)
Descoñecemos se esta banda sonora pretende facerlle unha homenaxe ós himnos da Transición ou non é máis que o froito dunha mala aposta de taberna: toda escusa é pouca para xustificar un ridículo tan espantoso. Viaño quixo ir de guay e non chegou nin a chachi, coma o típico tío ochentero que emprega estas palabras para parecer moderno, sen reparar que son máis rancias que a propia USC. Co tempo, o que buscaba ser hit acabará en exitazo, para desgraza do actual reitor. Cando se dea de conta, o malpocado Casares romperá a chorar no trono de Fonseca, temeroso de continuar outros catro anos por falta de quórum. Demasiada traza para tan pouca madeira.