O estatus de Galicia, cara o federalismo

Nos últimos meses ven sendo noticia o que está a acontecer en Cataluña e, moito máis recentemente, Euskadi sobre o seu estatus territorial dentro ou fóra de España. Se xa estamos acostumados a escoitar falar desta continua telenovela entre Artur Mas e Mariano Rajoy, agora sumouse a este interesante debate Iñigo Urkullu. O lehendakari propuxo unha España confederal cunha Euskadi independente dentro dela. A partir deste intre o debate nalgúns dos territorios con maior riqueza e desenvolvemento de España está presente.

Uns falan de que son nacións oprimidas que só reclaman o que por dereito lles pertence, sen embargo, outros afirman que xa se lles fixeron demasiadas concesións e que están a ser uns privilexiados. O problema destes debates é.. onde está Galicia?

Actualmente os galegos estamos a carecer dun debate coma este a nivel estatal, polo que cómpre comezalo por parte dos integrantes de Compostimes. Este artigo é o primeiro dunha serie que exporá distintas alternativas sobre o futuro de Galicia dentro ou fóra de España, pero rexeitando a actual formulación do Estado das Autonomías. Ofrecerémosvos tres opcións que situarán a Galicia, e ao resto dos territorios do Estado, con diferentes estatus. Xa sexa un sistema federal, un Estado independente ou a devolución de competencias a Madrid. O debate está servido.

Ofrecerémosvos tres opcións que situarán a Galicia, e ao resto dos territorios do Estado, con diferentes estatus.

Non podía haber unha mellor forma de comezar esta serie que defendendo un sistema que vaia máis alá e dea un paso adiante en relación co modelo das autonomías. Unha estrutura federal que dea cabida ás diferentes nacionalidades existentes dentro do Estado e que dea lugar a un marco de convivencia máis amplo que o actual. No horizonte temos modelos federais coma os Estados Unidos, Canadá ou Alemaña. Sen embargo, é o sistema alemán o que probablemente teña que estar nas nosas miras. Un sistema de federalismo cooperativo, adaptado á nosa realidade, que mediante unha lexislación central que harmonice, e non supedite, as dos resto de territorios estableza sistema de cooperación entre estados para acadar un desenvolvemento máis homoxéneo. Isto tradúcese en autonomía fiscal, lexislativa, xurídica, así como nos servizos ofrecidos. Unindo a isto, unha cámara de auténtica representación territorial, e non o actual Senado, con delgados que actúen por mandato imperativo dos territorios. Desta forma, os galegos terán aos seus representantes en Madrid cunha auténtica representación e influencia a nivel federal. Precisamos dun sistema que ofreza unha maior liberdade aos galegos de gobernarse a si mesmos e que a maiores recoñeza Galicia coma unha nación dentro do Estado Español, cunha cultura, historia, tradicións e lingua propios pero estreitamente relacionados co resto de territorios do Estado.

Isto tradúcese en autonomía fiscal, lexislativa, xurídica, así como nos servizos ofrecidos.

Moitos acusan que o actual sistema xa é, de facto, federal. Pola contra, esquecen que naceu froito dun proceso de descentralización que culminou durante a presidencia de José María Aznar e que non deixou de ser desorganizada e lixeiramente paternalista dende Madrid. Neste sentido atopamos autonomías que teñen a día de hoxe unha importante capacidade de gasto, perceptíbel nos altos déficits que mostran algunhas como Andalucía ou Valencia. Estes territorios non poden compensar os gastos, ou dilapidacións, co seu propio sistema de recadación nin elaborar auténticas políticas fiscais a longo prazo. Tampouco podemos esquecer que a día de hoxe son continuas as discusións sobre a transferencia de fondos e o sistema de financiamento foi modificado, de novo, en 2009.

As autonomías teñen que evolucionar a estados federais aos que se lles permita ter auténtica liberdade financeira e de recadación, e a resposta neste sentido podemos atopala no propio Estado Español. Euskadi e Navarra gozan, segundo moitos, dunha serie de privilexios forais que en realidade lles permiten  ter unha de recadación e administración dos fondos máis especializado e adaptada. Desta forma, non dependen de negociacións en Madrid que respondan a intereses entre líderes autonómicos e partidos do goberno. A maiores, permitiría introducir unha corresponsabilidade fiscal inexistente xa que así quen gasta sería responsábel de recadar. Isto daríalle a Galicia a posibilidade de administrar os seus propios fondos, deixando que o goberno central aplique a maiores plans de estabilización económica e compensación territorial, de ser preciso.

As autonomías teñen que evolucionar a estados federais aos que se lles permita ter auténtica liberdade financeira e de recadación.

Noutros ámbitos como a educación, a sanidade ou os servizos sociais, é lóxico recoñecer que as peculiaridades da poboación galega son distintas ás do resto do Estado. Temos unha poboación sumamente avellentada, especialmente no ámbito rural, con problemas de crecemento demográfico e excesivamente espallada no marco xeográfico, a pesar de concentrarse a meirande parte en núcleos urbanos. Isto precisa de políticas de natalidade e sistemas de servizos sociais que non estean limitados por outras provenientes do Goberno Central ou duplicadas e polo tanto ineficientes por unha incorrecta distribución dos recursos asignados. En materia social, canto máis preto estea o punto de toma de decisións da realidade  sobre a cal vai decidir, máis realista e eficiente será. Especialmente cando falamos de fondos con finalidade social que se poden perder noutras vías.

O apartado nacionalista tamén é fundamental. Precisamos un sistema que permita o recoñecemento de Galicia coma nación máis alá do concepto de comunidade histórica. Unha única palabra recollida na constitución federal abonda para satisfacer as demandas dos sectores máis galeguistas que xustamente reclaman un recoñecemento que tradicionalmente ven negado dende a capital do Estado Español, máis nunca dende a propia Galicia. Ao final, o único que implica é outorgar unha maior liberdade dende Madrid para que a cidadanía se defina.

O marco de convivencia nun Estado do século XXI é o da liberdade da cidadanía. Ampararse en ilegalidades ou no non recoñecemento dunha poboación non parece moi xusto cando esa poboación está en minoría fronte ao resto que decide o conxunto das normas en Madrid. Ao final, vive e deixa vivir é unha frase que resume bastante ben esta posición, pois, por que non pode un definirse coa identidade que desexe, libremente, cando non se lle está a obrigar a outro fóra de Galicia a definirse así? As máximas do modelo federal plurinacional son a liberdade, o autogoberno e a harmonía entre os estados.

Imaxe destacada: larazon.es