Miguel-Anxo Murado: guerra, memoria e historia

O grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX) está a organizar unha serie de conferencias sobre o golpe de 1936, a Guerra Civil, o Franquismo e a transición política en España. Unha exposición que inaugura o proxecto tras a imposibilidade de realizar a de Baltasar Garzón o día 11 de febreiro. Nesta ocasión, o pasado luns na Facultade de Xeografía e Historia, si se puido ofrecer á ateigada sala unha revisión do concepto que temos sobre a memoria histórica. Fronte ao auditorio atopábanse: o decano Juan M. Monterroso, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández e o auténtico protagonista, Miguel-Anxo Murado. A súa licenciatura en Xeografía e Historia, así como a súa traxectoria como correspondente en diversos países con conflitos bélicos, dótano dos coñecementos necesarios para analizar tanto os acontecementos históricos como a súa repercusión social.

“Ninguén quere recoñecer que o que lle dixeron non é así”. Así introducía Lourenzo Fernández o eixo entorno o que xirarían as verbas de Miguel-Anxo Murado. Tratan desta maneira de acabar con todos estes mitos ou falsas verdades dos pensamentos de moitas persoas que prefiren crer nas historias contadas que nas realmente acaecidas. A Guerra Civil deixou en España unha memoria incómoda que moitos non están dispostos a asumir. A desmitificación da Guerra do 36 é o que pretende conseguir Murado coa súa última publicación La invención del pasado: verdad y ficción en la historia de España. Para explicalo parouse en tres piares fundamentais: a lonxevidade do Franquismo, a división ideolóxica e o papel da República. Debido á longa duración da ditadura de Franco, estamos a falar dun pacto da memoria entre os dous bandos políticos feito durante dito réxime. Isto acentuou a separación ideolóxica entre a esquerda e a dereita, segregación que para Murado se seguiría mantendo como metáfora hoxe en día entre PP e PSOE. Iso si, aclara que actualmente non hai fascismo, senón partidos de dereitas con sectores moi reaccionarios. “Agora temos antirrepublicanismo, non fascismo”. Como último punto destas tres razóns, o escritor apoia o rexeitamento da República como precedente da Guerra Civil: “en Alemaña non se lle bota a culpa da Segunda Guerra Mundial á República de Weimar”.

O catedrático Lourenzo Fernández e Miguel-Anxo Murado rememorando a historia de España | ©Andrea Oca

O catedrático Lourenzo Fernández e Miguel-Anxo Murado rememorando a historia de España | ©Andrea Oca

“O nacionalismo está noutro bando porque o estivo na Guerra Civil”. Insiste na repercusión da historia no presente co fin de crear separatismos ideolóxicos. No caso do nacionalismo vese claro: “para a dereita española CIU e PNV son partidos de esquerdas debido á súa postura na Guerra Civil”. A poboación ten os recordos do pasado e inflúen na súa maneira de concibir a política. En Galicia tamén se mantén esta predisposición nos votantes nacionalistas de esquerdas e no escaso apoio do nacionalismo conservador. No estranxeiro ilústrase co conflito palestino-israelí no que se coñecen as crenzas do pobo segundo a quen dá o seu apoio.

“Hai que romper o mito de que a Guerra Civil foi fratricida: os republicanos eran estranxeiros”

As lendas arredor da República ofrecen unha visión equivocada das revoltas. Para o xornalista, a Guerra Civil lonxe de ser un enfrontamento entre irmáns é máis ben entre un sector republicano burgués estranxeiro, representante da elite erudita do momento, e a España conservadora que apoiaría despois a Franco. “Hai que romper o mito de que a Guerra Civil foi fratricida: os republicanos eran estranxeiros”. A explicación fundamental deste tipo de distorsións baséase un pouco no papel da prensa exterior. Os primeiros meses da Guerra foron relevantes no panorama mediático internacional, mais despois a importancia foi decaendo ata converterse nun feito cotián. “As guerras van perdendo protagonismo se non pasa nada novo, e como Franco era un pésimo militar…”. Isto refléxase na prensa actual, como o propio Murado recoñece co caso de Siria. O que fai uns meses era portada dos xornais pasou a esquecerse. A historia que vivimos pode ser interpretada en anos posteriores dun modo erróneo por mor da incorrecta labor da prensa.

A aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia repleta | ©Nuria G. Guillín

A aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia repleta | ©Nuria G. Guillín

“Morreu máis xente nos primeiros anos do Franquismo que na II Guerra Mundial”. A represión no comezo do Franquismo, cando se supoñía que España estaba en paz, foi moi superior á vivida daquela na recentemente iniciada Segunda Guerra Mundial. A vitoria do bando nacional trouxo consigo un sentimento de derrota nos republicanos, aumentando o persistente negativismo e rancor de todo o relacionado con esa etapa do noso pasado. Recorda Murado: “hai que quitarlle as connotacións a aqueles símbolos do pasado e gardalos como simples testemuñas”. Refírese concretamente ao Valle dos Caídos, no que o paso do tempo aínda non nos permitiu velo como un distintivo do que xa é a nosa memoria histórica. Non ocorre así coas fosas comúns. Neste caso reitera que os políticos non son capaces de resolver o asunto de maneira xusta, polo que nos atopamos ante máis sepulturas colectivas que noutros lugares, como pode ser Bosnia.

“Se non aceptamos o Franquismo como referente da democracia actual seguirá sendo unha represión constante”

Como experto en Historia, ve conveniente sinalar unha clara diferenza entre escritos basados en anécdotas con ápices persoais e a narración académica. Deixa desta forma o papel dos historiadores como a chave da verdade. Recorda algunhas historias contadas polo seu avó republicano que se acababan mesturando con outros relatos orais. De igual xeito ocorre na literatura, na que fala da confusión suscitada por George Orwell entorno a unha Guerra Civil española entre anarquistas e comunistas. “Para o señor Orwell, Franco apenas participou”. A crenza da insistencia constante de Stalin para conquistar España tampouco se axustaría aos feitos. Semella que para Murado, os únicos datos de peso son aqueles que proveñen da precisión e o coñecemento rigoroso. A través do título do seu último libro aprendemos que a historiografía ten erros. “Se non aceptamos o Franquismo como referente da democracia actual seguirá sendo unha represión constante”.

 Feito por Nuria G. Guillín e Andrea Oca.