Juan Viaño vs Antonio López

Cada vez falta menos para que chegue o 25 de abril, día no que dous candidatos se desputarán a butaca de San Xerome, ocupando así o cargo de Reitor da Universidade de Santiago de Compostela. No noso pequeno sondeo descubrimos que moitos estudantes nin sequera escoitaran falar dos comicios, a pesar de que deben exercer o seu dereito a voto para elixir á maior autoridade da súa Universidade. Para todos aqueles que queirades estar enterados, Compostimes quere facilitarvos a tarefa, facendo un breve resumo do perfil dos candidatos, así como dos seus programas.

O panorama que atopará o novo reitor non é moi alentador. Nun contexto de crise que abafa á Universidade, o anterior reitor non foi quen de aprobar os orzamentos, polo que a USC sobrevive desde 2011 a base de presupostos prorrogados ante a incapacidade de acadar un consenso. O reitor saínte, Casares Long, non volve presentarse ás eleccións, deixando a disxuntiva entre Juan Viaño e Antonio López.

Juan Viaño: Proxecto, programa e acción

Juan Viaño é catedrático en Matemática Aplicada pola Universidade de Santiago e é doutor pola USC e pola universidade Pierre et Marie Curie- Paris VI. Viaño estivo ligado á xestión da USC cando se convertiu en decano da Facultade de Matemáticas entre 2001 e 2009. Tras ese primeiro paso, saltou a primeira liña da dirección da Universidade, chegando a ser, entre 2009 e 2010, vicerreitor de Profesorado e Organización académica. Ademais da súa dilatada traxectoria docente e investigadora, Viaño Rey conta no seu currículo con ser o coordinador do proxecto Estalmalt-Galicia, unha iniciativa encamiñada a promover as destrezas matemáticas de nenos de entre 12 e 13 anos. O seu próximo reto é gañar as eleccións do 25 de abril e acceder á cadeira de reitor tras a convulsa lexislatura de Casares Long.

© Darío Domínguez

© Darío Domínguez

Presentadas as súas credenciais, chega o momento de falar das principais liñas de actuación que Viaño trazou no seu programa electoral. Juan Viaño define a esencia do seu proxecto como unha universidade pública, en galego e con vocación internacionalista. Na súa campaña inclúe unha iniciativa novidosa: abrir a súa páxina ás propostas da comunidade universitaria, algunhas das cales xa están no seu programa electoral. Recoñece que a prioridade é a aprobación duns orzamentos que xeren estabilidade na USC. Para iso, o aspirante a reitor propón renegociar coa Xunta para que destine máis fondos á Universidade. Ademais, formula un plan para captar novos ingresos mediante a busca do mecenado por parte de empresas privadas, o aumento da rendibilidade do patrimonio da USC, a redución de taxas de morosidade e a mellor xestión dos recursos derivados da investigación.

Para os PAS (Persoal de Administración e Servizos) e os PDI (Persoal Docente e Investigador) promete estabilidade e programas de igualdade e conciliación da vida familiar e laboral. En canto á investigación, propón un plan de apoio interno á investigación e promover a súa difusión nos circuitos internacionais. Para os estudantes promete un esforzo extra para unir Universidade e mundo laboral mellorando a xestión dos Practicums e aumentando as oportunidades para que o estudantado realice prácticas externas. Propón tamén revisar e aumentar as actividades transversais que aporten aos estudantes créditos ECTS. Valora a idea de crear un novo tipo de bolsas que se acadarían por servizos en actividades puntuais (desenvolvemento sostible, aulas de informática…). Tamén ten un compromiso coa simplificación administrativa para facer máis cómodo o día a día do estudante.

Outra das promesas do posible reitor é a modernización e simplificación de todos os procedementos de xestión da Universidade de Santiago axudándose das TIC. Para mellorar a xestión creará a Comisión do Usuario, que se encargaría de valorar todo o referente a Universidade e TIC. En canto a infraestrutura, propón racionalizar as existentes sempre que sexa posible e á vez acometer un plan de ampliación entre o que inclúe renovar, en colaboración con outras institucións, a urbanización do Campus Vida. Especial mención merece a intención de continuar co traballo de eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais quere unha mellor coordinación e integración entre os campus de Lugo e Santiago.

Un dos problemas que quere atallar Viaño é a perda de prestixio da USC. Para iso pretende crear un Área de Comunicación integral que leve o peso da comunicación interna e externa da Universidade. Tamén está comprometido coa transparencia na xestión da Universidade. O candidato propón a creación dunha Comisión de Responsabilidade Social na que estén representados todos os membros da comunidade universitaria. Outra das súas batallas é a internacionalización da USC para o que pretende, entre outras cousas, un calendario de eventos internacionais nos que a USC estará presente así como o fomento da mobilidade tanto de alumnos como de persoal docente. Juan Viaño aposta por unha Universidade sostible en tres ámbitos: económica, social e ambientalmente.

O programa de Juan Viaño é ambicioso e aposta por acometer importantes melloras na USC. Obsérvase unha vontade de cambio importante en aras de mellorar unha Universidade mermada pola crise económica. Iso si, ese ambicioso plan choca coa realidade da Universidade e do seu modelo de financiamento actual.

Antonio López: refinanciamento para un novo futuro

Antonio López é doutor en Dereito pola USC e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario. Conta cunha dilatada traxectoria no mundo da universidade, ocupando cargos como director do Departamento de Dereito Público Especial, Secretario da Comisión de Doutoramento, Vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas. Entre 2005 e 2007 deu un paso máis, converténdose en Decano da Facultade de Dereito. Rematada esta etapa, pasa a formar parte do Consello de Contas ata o 2013, sendo o seu Conselleiro Maior durante tres anos. Como investigador, ten recoñecidos catro sexenios de actividade, repartidos entre as universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña. Agora, volve á institución na que botou parte da súa carreira profesional para ocupar o posto máis alto, Reitor.

©Darío Domínguez

©Darío Domínguez

O programa de López fai un percorrido por tódolos ámbitos universitarios, pero sen quitar o punto de atención da cuestión económica, dado que é o problema máis a curto prazo co que tería que enfrontarse se conseguise gañar a carreira cara a Reitoría. No plano económico, López aposta por un plan de refinanciamento da débeda, coa intención de non abafar con máis recortes á Universidade. Suprimiría a Vicerritoría de Asuntos Económicos para levar el mesmo, coa axuda dun xerente, a batuta da economía. O resto das Vicerreitorías serían reducidas para facelas coincidir coas liñas xerais de actuación da Universidade. Fala tamén da necesidade de recibir recursos adicionais que atendan ás características que son específicas da USC e que xeran máis custos (edificios históricos, idade media do persoal…). Pide unha compensación á Universidade pola diferenza que existe entre os prezos públicos e o custo dos servizos prestados, ademáis de non perder de vista a xestión da tesourería, con fin de reducir as dificultades de liquidez consecuentes da precaria situación económica actual. Por último, buscará a colaboración cos Departamentos e Centros para por en marcha un Programa para a Captación de accións de mecenado que permitan cofinanciar diversas actividades. A búsqueda de fondos tamén é perceptible nas medidas propostas en canto ás infraestruturas. Revisaranse os espazos vacantes da USC co propósito de optimizar o seu uso e racionalizar así os gastos de funcionamento. Ademáis, rendibilizaranse as edificacións que non sexan necesarias.

A comunicación e a proxección social da USC tamén é algo que preocupa ó candidato Antonio López. Propón reforzar o Gabinete de Comunicación cunha unidade de márketing e adaptar a web da USC para potenciar as ferramentas dixitais (sobre todo, as redes sociais). Por outro lado e coincidindo con Viaño, a internacionalización da universidade é un piar fundamental do seu programa. Entre as medidas máis destacadas están a potenciación da mobilidade en estudantes, PAS e PDI; a adquisición de competencias en linguas estranxeiras, a formación do estudantado de intercambio en galego e castelán, a facilidade na obtención do doutoramento europeo e internacional e a creación de fortes vínculos con Iberoamérica.

Vexámos cales son as medidas propostas directamente para os integrantes da comunidade universitaria: estudantes, PAS e PDI. No caso dos estudantes, López e o seu equipo propoñen a elaboración e aprobación dun novo Estatuto de Estudantado, ademáis de favorecer a implicación dos estudantes nos órganos de goberno. En canto á oferta académica, quere centrala moito na adecuación á vida laboral, axudándose da información que facilitarían os egresados e empregadores. Tamén pide renegociar os criterios que maticen a aplicación dun número mínimo de alumnos para a continuación dunha titulación, xa que expoñe que deben terse en conta tamén unha serie de consideracións sociais. Con respecto ó PAS (Persoal de Administración e Servizos) propón un Plan de Formación Permanente, moi centrado no tema lingüístico, e a aplicación dun réxime de flexibilidade horaria que permita a conciliación da vida laboral e persoal. No tocante ó PDI (Persoal Docente e Investigador), Antonio López insiste na necesidade dunha interpretación máis laxa da taxa de resposición, de maneira que só se inclúan nela aquelas que supoñan a incorporación de novos efectivos.

A candidatura de Antonio López mostra un programa amplo cuxo obxectivo principal é acadar esa atmósfera de refinanciamento da débeda que lle permita á Universidade continuar co seu devagar sen necesidade de aplicar máis recortes. Pode que a súa experiencia no Consello de Contas sexa unha axuda en canto á xestión económica. No programa parece non quedar ningún fleco solto. Agora ven, veremos se López conta cos apoios suficientes como para ocupar a butaca de San Xerome e levar a cabo todas as medidas que propón.

Para ter presente a voz dos candidatos, en Compostimes publicaremos nos vindeiros días unha entrevista con cada un deles.

Escrito por Marta R. Suárez e Carolina Neira Feáns.

Fotografía de portada: USC