Infrarepresentados, ausentes e desinformados
Peche de ciclo na Universidade de Santiago de Compostela. O fin da era Casares chega tras un mandato turbulento. Dende a falta de apoios á hora de aprobar os orzamentos á crecente axitación xeral polos recortes, pasando pola adaptación á nova universidade proposta dende Bolonia, foron moitas as pedras atopadas no camiño. Moitos son tamén os problemas actuais da institución, ergo moitos os ambiciosos retos que o novo habitante da reitoría debe abordar. Dende Compostimes, reunímonos cunha serie de representantes do alumnado, que dende diferentes organización (Comités Abertos, Independentes por Políticas e a Liga Estudantil Galega) enfrontan con incertidume os cambios que están a piques de chegar.
Como di Iván Olmos, candidato nas eleccións ao Claustro pola Liga Estudantil Galega na facultade de Comunicación, escoller 5 problemas significaría acotar moito. “O principal problema da USC é unha débeda millonaria e a falta de financiamente para solventala. Así e todo dende unha perspectiva estudantil poderiamos falar da infrarepresentatividade do estudantado nos órganos de decisión (somos un 80% da comunidade universitaria e estamos representados nun 30%); a falta de axudas ao estudantado e mesmo os inconvenientes que se lle colocan no camiño para que poidan rematar os seus estudos.” Pola súa banda, Brais Pedreira, de Comités Abertos, sinala un grave problema a nivel de infraestruturas,de contidos docentes e, sobre todo “a nivel dunha casta de profesorado que segue a manter uns privilexios preocupantes.”
“Dende unha perspectiva estudantil poderiamos falar da infrarepresentatividade do estudantado nos órganos de decisión (somos un 80% da comunidade universitaria e estamos representados nun 30%); a falta de axudas ao estudantado e mesmo os inconvenientes que se lle colocan no camiño para que poidan rematar os seus estudos.” Iván Olmos, Liga Estudantil Galega.
Á hora de analizar os motivos desta crise estrutural, Antonio Balseiro, de Independentes por Políticas, non dubida en sinalar como un dos principais lastres da institución unha burocracia que dista de ser a máis eficaz. Como di, “non hai máis que acudir á UXA para ver como unha simple convalidación ou a entrega dun formulario pode desembocar nunha odisea”. Cuestión que Pedreira non ve tan clara, posto que na súa opinión, “os pobres burócratas tan só se limitan a facer o seu traballo, é certo que temos unha macroestructura que simplificar mais iso é algo que con boa vontade se pode solucionar”. Para o integrante dos Comités, o inimigo natural da Universidade pública non é outro que a intromisión de axentes externos, como a casta política ou os bancos, facendo fincapé en equiparar a políticos e banqueiros a un mesmo nivel, pois, como di, “a relación que gardan é directa e importante.”
No medio desta situación, a desafección do estudantado en xeral xoga a favor da baixa representatividade que xa de por si lle outorgan as institucións. Pedreira catalógao como unha cuestión de desinformación, que levaría a un crecemento do individualismo entre os membros da comunidade educativa, o que desemboca nunha falta de implicación. Para Balseiro, o problema está na distinción entre un sector do estudantado moi activo e unha gran maioría que apenas está informada dos problemas antes mencionados e non se interesa por cambiar a situación. Ambos coinciden en tildar a situación como un problema urxente, pois sen a implicación directa do estudantado, de nada serve reclamar unha maior representatividade nas institucións. Como sinala Pedreira, “a nosa representación nestes organismos é moi inferior á do resto colectivos que forman a Universidade,proporcionalmente se o calculas é ridículo. A estratexia do equipo de goberno tamén foi desmobilizadora no eido institucional. O voto electrónico sempre implica que a participación do estudantado sexa menor,e iso é un arma que utilizan para deslexitimarnos”. Por iso, remarca a importancia da acción organizada.” A solución ten que partir de abaixo,se o estudantado se moviliza,primeiro participando nas eleccións,poderemos mudar a correlación de forzas que temos nos organismos”.
“A solución ten que partir de abaixo,se o estudantado se moviliza,primeiro participando nas eleccións,poderemos mudar a correlación de forzas que temos nos organismos”. Brais Pedreira, Comités.
Os tres representantes se reafirman na necesidade dun cambio de actitude. Sen facer sombra aos problemas institucionais, que habelos hainos, o empoderamento do estudantado segue a ser unha asignatura pendente para a comunidade educativa. E isto, nun dobre sentido: dende a implicación directa dos alumnos a unha maior atención por parte da institución (que en ocasións, como di Pedreira, é equivalente a petar contra un muro). “É un verdadeiro problema que hai que solucionar entre todos, e cando teñamos mellorado neste aspecto, esa maior representación e implicación será efectiva para solucionar outros problemas”, conclúe Balseiro.