94 anos de loita, paixón, represión e fracasos
Non, non estamos a falar dunhas vellas estrelas de rock que nos deixan atrás. Cómpre introducir este artigo de xeito anecdótico, pois hoxe, aínda que pareza irónico, cúmprense á vez dous aniversarios antagónicos por razóns obvias: un, o nacemento de Richard von Weizsäcker, quen chegou a ser presidente de Alemaña durante dez anos(1984-1994) polo Partido Demócrata Cristián e quen participou no sitio de Leningrado; e outro, o que verdadeiramente nos repercute máis e do que falaremos a continuación, a fundación do Partido Comunista Español(PCE) por parte da Federación de Mocidades Socialistas.
No partido militaron, entre outros, Pablo Picasso, Miguel Hernández e Rafael Alberti
Tras un século XIX no que o Estado español, a diferenza doutros estados de Europa, atopábase economicamente moi atrasado debido en grande parte ao seu pasado vicerreinante e pragado de invasións a outros países; un pasado que, ao igual que a Guerra da Independencia e a Revolución de 1868, influirían de xeito determinante na sociedade española. Máis adiante, xa durante a I República, a burguesía diminuiría o poder da Igrexa no Estado, mais tamén desposuiría de numerosas terras ao campesiñado, obrigando dita desamortización ó éxodo dos campesiños ao sector industrial e xerando así un aumento considerable do proletariado en España. Un proletariado que remataría por organizarse e dar lugar, entre outros, ao PCE, o partido militado por personalidades como Dolores Ibárruri, Santiago Carrillo, Pablo Picasso, Miguel Hernández, Julio Anguita, Paco Rabal ou Rafael Alberti.
O PCE, cuxa orixe atopámola na Federación de Mocidades Socialistas, creou o seu propio manifesto no que asumíu que a única vía para establecer o socialismo era instaurar a ditadura do proletariado e loitar contra o reformismo, tendo como principais militantes a estudantes, intelectuais de vangarda, obreiros e campesiños.
Deste xeito, o PCE pasaría a formar parte da historia sociopolítica do Estado español como un partido que pasou por diferentes etapas ao longo da súa traxectoria. Nun primeiro intre, amosou o seu afán por procurar establecer unha España socialista, que loitase en contra do capitalismo e todos os seus síntomas, como se dunha doenza se tratase; unha pistola cargada de esperanzas para a clase traballadora española que procuraba un sistema que se axustase mellor as súas necesidades máis elementais. Todo isto, claro está polo nome do partido, influído completamente polos principios e métodos leninistas de organización.
Máis adiante, en verán do ano da súa fundación e co madrileño Antonio García Quejido como Secretario Xeral do partido, o Partido Comunista Español caracterizouse nos seus inicios pola súa actividade, sobre todo en feitos como a guerra de Marrocos, pola que a formación convocou unha folga xeral coa intención de rematar así coa guerra, unha guerra preocupante naquela época xa que acontecera despois do famoso Desastre de Annual, no que as tropas do exército español afincadas en Melilla sufriron preto de catorce mil baixas.
Coa ditadura de Primo de Rivera o partido viviu a súa primeira época de clandestinidade
Tras o liderazgo de García Quejido, o relevo chegou á man de César Rodríguez-elixido no II Congreso do PCE en 1923-, quen a pesares de realizar un chamamento a todos os traballadores para defender a unidade e defensa de todos os sindicatos, pouco ou nada puido facer para evitar o inevitable: o golpe de Estado e a conseguinte ditadura de Primo de Rivera. O resultado? Que todos os locais do partido foron pechados e moitos dos seus militantes, incluído César Rodríguez, foron detidos.
Durante esta primeira etapa de clandestinidade, o III Congreso tivo que celebrarse en París, a cidade do amor. Dito amor converteuse nun impulso no PCE, o amor polo comunismo, chegando a rozar o sectarismo en parte pola ilegalidade; e o Cupido elixido para contaxiar dito amor foi José Bullejos, quen tivo que substituír a Óscar Pérez Solís, metido no cárcere naquela época e que ademais remataría por afiliarse á Falanxe Española durante a II República-participando na sublevación de xullo do 36-. A pesares da caída da ditadura no ano 1930 e dunha maior liberdade durante a ditabranda do xeneral Berenguer, o PCE non puido obter nin tan sequera a legalidade e, en consecuencia, saíron á luz novos proxectos desde as tebras. O máis recoñecido nestes anos sexa probablemente o nacemento do semanal e posterior diario Mundo Obrero.
Despois, o Partido Comunista Español rexeitaría a II República, instaurada en 1931 por considerala burguesa. Será nestes anos-do 1931 ao 1933- cando o número de afiliados ao partido aumentará considerablemente, con resultados positivos para o daquela Secretario Xeral, José Díaz, e tamén para o primeiro deputado comunista na historia do Estado español, Cayetano Bolívar Escribano. Aínda así, debido á Revolución de 1934, os comunistas tiveron que voltar á clandestinidade a pesares dos xa máis de 20.000 afiliados; pero sen pena non hai gloria. Tras unha unión das forzas de esquerdas, agrupadas na Fronte Popular, posteriormente victoriosa, o PCE pasaría a experimentar a súa masificación na península, con máis de 100.000 afiliados en soamente cinco meses.
A Guerra Civil, unha apocalipse para os comunistas
Pero non todo foi cor de rosa. Ó iniciarse a Guerra Civil, comezou o progresivo declive do partido. Nin 70.000 soldados reclutados no Exército Popular-creado polo PCE- foron capaces de deter o avance do fascismo español. Entre os conflitos coa CNT-FAI e os comunistas que rexeitaban a Stalin-membros do Partido Obreiro de Unificación Marxista-, xa metade da guerra estaba perdida, aínda que o número de afiliación ao partido e ás Xuventudes Socialistas Unificadas aumentara en 300.000 e en 500.000 respectivamente.
A guerra resultou toda unha apocalipse para os comunistas. Cárceres, torturas, asasinatos…Toda esta macabra combinación fusionouse coa morte de José Díaz en Tiflis, capital de Xeorxia, polo que Dolores Ibárruri tivo que facer fronte ao liderazgo con medidas como a unión do PCE ao movemento de resistencia contra o nazismo, aínda que no ano corenta e oito tiveron que desistir da loita guerrilleira debido á enorme cantidade de militantes que finaron entre conflito e conflito. A cousa está clara: o partido ten que optar por diferentes clases de loita que rematen nunha democracia pacífica e libre.
Comeza o ano 1960? Pois comeza un novo líder ó pe do canón, concretamente Santiago Carrillo. Durante o seu posto na Secretaría Xeral do partido, acontecerán moitas cousas. Unha das primeiras, que debido á crise económica daqueles anos, o PCE crea o sindicato de Comisións Obreiras(CCOO) para denunciar pacificamente o terrorismo económico do ditador Franco. Outra vez, voltamos á represión, con máis de mil comunistas detidos, como por exemplo Julián Grimau, membro do Comité Central do PCE, que foi torturado e ata condeado a morte, mentres que Manuel Fraga realizou un campaña de absoluta co fin de deixar a Grimau como un criminal de Estado; un comunista que foi fusilado a finais de abril do 1963.
O eurocomunismo pretendía desligarse coa ditadura do proletariado, a loita armada e a URSS
Agora empeza o hardcore, o que verdadeiramente marcará un antes e un despois na traxectoria do Partido Comunista Español: o eurocomunismo, esa corrente do comunismo que quería desvincularse da ditadura do proletariado, da loita armada e da Unión Soviética… Let´s get ready to rumble! Aquí é o intre no que o PCE comeza a perder forza, rexeitando moitos dos seus militantes esta alternativa por considerala revisionista, burguesa e anticomunista, polo que numerosos militantes marcharon ao Partido Comunista Obreiro Español, fundado por Enrique Líster, mentres que Carrillo e os seus fieis unirían lazos con Enrico Berlinguer e Georges Marchais, secretarios xerais dos partidos comunistas italiano e francés que tamén querían seguir esa liña eurocomunista. Iso si, moitas persoas consideran que a expulsión dalgúns membros importantes do partido foron por motivos máis próximos ós intereses persoais de Carrillo que ós do propio partido. Pero, realmente o PCE sería legalizado se non fose por este abrandamento (por así dicilo) das ideas do partido?
Efectivamente, o concepto de reconciliación nacional, a paulatina moderación e a aceptación da monarquía española foron quizais os factores máis decisivos á hora de que o daquela Presidente do Goberno, Adolfo Suárez, legalizase o partido liderado naquel entón por Santiago Carrillo, quen remataría por ser visto tanto como un heroe como unha noxenta miñoca no seu propio partido, polo que os seus seguidores e máis él foron expulsados do PCE en 1985. Para gustos cores, non sí?
Despois del, foi o turno de Gerardo Iglesias, quen pasou de apoiar inicialmente as teorías carrillistas a, posteriormente, apoiar ao sector renovador do partido, antagónico a aquel a prol de Carrillo. Aparte disto, Iglesias destacou no seu mandato no partido por dous feitos en particular: establecer unha maior proximidade cara a Rusia e por participar, no 1986, na creación de quizais a maior coalición partidista de esquerdas ata a data en España: Izquierda Unida(IU).
Tras a súa renuncia en 1989, pasou pola tarima Julio Anguita, todo un referente no comunismo español que comezou a súas andanzas na máis alta esfera do seu partido con vinteún deputados en IU; a diferenza de Francisco Frutos, quen durante o seu posto como secretario do PCE foi testemuña directa da caída progresiva dos votos a IU, que rematou o ano 2008 cunhas cifras catastróficas-dous deputados nas eleccións-.
Actualmente, o Secretario Xeral do Partido Comunista Español segue a ser José Luis Centella, quen leva desde o 2009 nunha situación esquerdo-unitaria bastante máis positiva que o seu predecesor, en parte quizais polo aumento de votos IU desde que Cayo Lara coordina a coalición de esquedas e tamén polo panorama sociopolítico e económico actual, que está a provocar un aumento de votos ós partidos e forzas anticapitalistas.
De todos os xeitos, hai quen considera que o PCE deixou de ser ese partido comunista oprimido e loitador fai unha barbaridade de anos e mesmo que a burguesía atópase entre as súas filas; que o PCE está morto desde a época da Transición Española. Será certo ou estamos ante un mero trámite polo que debe pasar un partido con tantos altibaixos?
O tempo e o pobo dirán cal é a resposta a noventa e catro anos de historia do comunismo no Estado español…