Ser turista da túa propia cidade

Que lle aconteceu a escritores e artistas como Hemingway ou Lorca para atopar en Santiago de Compostela o seu lugar de refuxio? A este recuncho de Galicia quixéronlle adicar algúns dos seus escritos, e o máis sorprendente, regresaban a el cando tiñan ocasión. Xa sexa ao hotel Suizo da rúa Cardenal Payá ou á súa fonte do sono, como bautizaba Lorca á fonte dos cabalos de Praterías. As pesquisas de Carlos Casares e Carlos Reigosa certifican que para o autor de O vello e o mar a capital galega era a máis fermosa do mundo. Cada mañá saía para namorarse do Pórtico da Gloria, logo perdíase nos viños das numerosas tabernas do casco antigo e tamén marchaba na captura de troitas ás augas do Tambre, certifican os expertos.

Non son os únicos que tropezaron coas pedras de Santiago e nela quixeron quedar. Se ben a caracterización dos galegos soe ser a de persoas pensativas, con forte dependencia dos recordos e de cabeza dura, parece que se converte así nunha descrición que se contaxia. O propio Lorca o recoñecía. “Se comprende, viendo el paisaje de Galicia, el carácter triste de sus habitantes y su música, que dice de penas, de amores, de imposibles”. Os que nela quedaron trataron sempre de buscar a mellora desta beleza que xira tan só na suposición da tumba dun apóstolo. Este é o caso do Cabildo Catidralicio que impulsaba aló polo séclo XVIII a Clemente Fernández Sarela a levantar o que xa sería coñecido por todos como a casa do Cabildo. A loita pola posesión desta xoia do barroco viría máis tarde, concretamente en 1855 coa desamortización de Pascual Madoz, mais hoxe é de entrada libre (empregado como eufemismo de gratis) para todo aquel que queira comprender cos ollos a necesidade do Cabildo de achegarse a unha das prazas máis bonitas da cidade.

IMG_1435

A fonte de Praterías vista dende unha das súas múltiples ventás é sen dúbida o mellor obxectivo fotográfico

Como se dunha cortina teatral se tratara, a fachada érguese conformando un decorado que pouco nos encaixa co resto da casas da parte vella. Calquera podería pensar que detrás desa dourada pedra e as súas vermellas ventás non hai nada, pero espérannos tres pisos de arquitectura barroca moi ben conservada. A súa vinculación co mundo da ficción non se queda aí. No ano 2003 foi o escenario da rodaxe da película O lapis do carpinteiro. Ademais, brinda ao seus visitantes a posibilidade de experimentar a sensación de estar no interior dunha cámara fotográfica. A súa luz e forma dótana das dimensións necesarias para parecer estar rodeados de estampas. O labor de mantemento, levado a cabo pola asociación Consorcio tratou de manter esta intención do arquitecto. A fonte de Praterías vista dende unha das súas múltiples ventás é sen dúbida o mellor obxectivo fotográfico.

IMG_1393Ningún sitio mellor para gardar a nova exposición de fotografías da cidade tinguida en  branco e o negro. Unha vez finalizada a Compostela dicitur, coa que se reabría ao público a renovada casa, dan comezo a Santiago de Compostela en blanco y negro unha exposición de 53 fotografías na que se ven distintos puntos da cidade, dende o casco vello ata a Cidade da Cultura, conformando un recorrido completo das súas paisaxes. Coma o fixo un día o Cabildo, esta exposición recalca de novo o que as pedras da vella Compostela semellan ocultar para os que percorremos as súas rúas con asiduidade. A oportunidade de pararse a contemplar as imaxes está dispoñible ata mediados do mes de xuño, non así o propio edificio que está a nosa disposición de martes a sábado. Dentro das labores de mantemento do Consorcio de Santiago están tamén as súas dúas grandes gárgoras. Antigamente eran empregadas para apartar a auga a unha distancia de 2,4 metros da vivenda. O exterior móstranos os inmensos canóns, máis é dende o interior onde se pode apreciar o inmenso esforzo que supuxo na época erguer o pesado granito ata esa posición.

Os que en Compostela vivimos non somos quen moitas veces de pararnos a mirar a beleza que nos envolve. É por iso que toda exposición de fotografías ou unha reportaxe sobre a cidade coma a que me atopei fai unhas semanas, ábrenos os ollos a súa grandeza. Unha vez me encontraba na casa do Cabildo e vin as diversas imaxes que alí se me ofrecían, dei media volta e dende un dos balcóns da vivenda saudoume o rei David que na fachada sur esmaga con forza a Goliat. Alí, a menos de trinta pasos, estaba o que con tanta admiración miraba tanto eu coma os demais espectadores da exposición. Non sei se foi o efecto cámara fotográfica ou que as vivencias propias da escena acudiron á miña cabeza, pero de pronto comprendín o que Hemingway ou Lorca describían. Por primeira vez, fun turista do meu propio lugar.