Os favoritos non se esconden
Marzo remata para todos e tamén para os ciclistas. E con el remata a primeira parte da tempada. Unha época de carreiras e emocións, pero sobre de sensacións de cara á parte máis importante da tempada. O ciclismo polo de pronto regalounos un sprint de “Monumento” para que Kristoff sumara a Milan-San Remo e tamén vitorias de todos os favoritos ás grandes etapas por voltas do ano. Contador, Quintana, Valverde, Froome ou Purito afinan e avisan para o Giro, o Tour e a Volta. Por iso, o queda de tempada, sumando todas as clásicas de primavera semella ser un menú degustación ciclista cinco estrelas.

Joaquim Rodríguez e Nairo Quintana, favoritos para o Giro de Italia – ©El Mundo
Nairo Quintana foi o primeiro dos favoritos en deixarse ver no ano 2014. O colombiano, segundo clasificado do Tour do ano pasado, abriu o palmarés do ano no Tour de San Luís cunha auténtica exhibición. Dominou a proba por etapas de principio a fin e como prato forte cociñou unha espectacular etapa de montaña onde gañou en solitario Quintana demostraba comezar o ano con ganas, pero días despois o Movistar anunciou que este ano non estaría en Francia. Italia, e o Giro, serán o seu principal obxectivo. E Purito Rodríguez quizais sexa o seu principal rival nos Alpes e Dolomitas italianos.
Purito e Quintana afinaron armas e mostraron un estado de forma envexable de cara a primeira gran carreira por etapas: o Giro de Italia
O ciclista catalán, líder da clasificación da UCI o ano pasado, foi o último en aparecer neste comezo de tempada pero o fixo con forza na Volta a Catalunya. Tras rozar unha gran vitoria en Giro, na Volta España e no Mundial, o ciclista de Katusha buscará en Italia a súa gran vitoria, que poría a guinda a unha carreira cargada de éxitos como as súas vitorias na Flecha Valona ou no Giro de Lombardía. Polo de pronto as sensación do catalán en casa foron de luxo. En Catalunya estivo cos mellores e aproveitou a súa punta de velocidade para vencer a carreira grazas as bonificacións. Contador e Froome non puideron con el. E Nairo Quintana, no mesmo punto da tempada ca el, tampouco. Os dous prometen un duelo de nivel nas montañas italianas.

Contador e Froome, dous dos grandes favoritos para o Tour – ©El Periódico
Esa cita chegará pronto, como un dos primeiros pratos fortes da tempada, pero sen dúbida o prato especial chegará no verán co Tour de Francia. De cara a el, Froome, Contador, Valverde ou Nibali tamén se deixaron ver. Comezamos con Froome, que abriu armas coa súa vitoria no Tour de Omán. O británico é favorito en Francia pola súa vitoria do ano pasado e pola forza do seu equipo: o Sky. Sen embargo, Chris Froome claudicou no primeiro gran duelo da tempada con Contador: a Tirreno-Adriático.
Na primeira batalla do ano, a Tirreno Adriático, Contador mostrouse moi superior a Chris Froome. Sen embargo, en verán todo pode cambiar
Porque alí apareceu o Contador das grandes citas, o que recordabamos, un ciclista de mentalidade ofensiva. Unha mentalidade que nunca perdeu, pero que sen forzas e preparación non serve de moito, como demostrou o ano pasado. Por sorte, polo visto en Italia, parece que o de Pinto volve a ser o ciclista que era e apunta moi alto de cara ao Tour de Francia de 2014. Ademais, o Tinkoff-Saxo Bank semella un equipo moito máis fiable que o doutros anos. O primeiro asalto en Italia foi para Contador, pero serán os Pirineos e os Alpes os que ditarán a sentenza final en xuño.

Valverde celebra a súa vitoria na Roma-Máxima – ©El Mundo Deportivo
Pero alí haberá outros candidatos, sobre todo Nibali e Valverde. O “squalo” deixouse ver pouco no inicio da tempada, pero sempre promete espectáculo, ataques e ambición. Non hai máis que ver como dinamitou a Milan-San Remo tentando sorprender para levarse unha vitoria que non chegou por moi pouco. E os españois sumarán unha segunda opción a vitoria no Tour con Alejandro Valverde. O murciano tamén destacou neste aperitivo da tempada cunha gran actuación en Murcia e sobre todo en dúas clásicas consecutivas. A Roma-Máxima onde completou unha exhibición e a Strade-Bianche onde a táctica lle volveu a xogar unha mala pasada.
Na tempada ciclista aínda quedan moitas películas por estrear. Polo de pronto, vaian preparando as emocións porque chegan as clásicas de primavera. Despois, Giro, Tour e Volta a España
Giro, Tour e Volta España, onde aínda queda por confirmar a presenza dos grandes actores. Unha tempada ciclista onde aínda quedan moitas películas por disfrutar. Polo de pronto, o único que podemos facer é recoller as impresións na alfombra vermella e facer quinielas, xa que os grandes premios comezarán a recollerse dentro dun mes en Italia. De momento, os estreos de primavera veñen cargados de clásicos. Clásicos en forma de clásicas que como sempre serán marabillosas.