Dúas realidades opostas
Vitoria e Santiago están separadas 480 quilómetros. En seis horas e media de traxecto por estrada un pode cambiar as tapas polo pintxos, o galego polo euskera, o licor café polo txakolí e, por suposto, o Multiusos Fontes do Sar polo Fernando Buesa Arena. Ademais, dende hai unhas semanas, tamén se pode cambiar a cordura pola tolemia.

Lamar Odom na súa chegada a Vitoria – ©Mundo Deportivo
Lamar Odom é o nome máis repetido na liga Endesa dende que aterrou en Vitoria a mediados de febreiro. O pivote americano chega ao baloncesto FIBA tras unha brillante carreira na NBA, pero a súa fichaxe tras moito tempo parado amosaba tantas dúbidas como certezas. Chegou Odom sorrinte a Vitoria, con ganas de quedarse cando en principio chega para dous meses, pero de momento as súas aparicións demostraron o que moitos esperaban: Odom está fóra de forma e pode axudar o xusto ao equipo de Scariolo
A chegada de Odom a Vitoria prodúcese porque conflúen dúas desesperacións. Por un lado, Laboral Kutxa necesitaba un revulsivo no deportivo e sobre todo no económico, xa que Querejeta ten que renovar contratos publicitarios de cara á tempada próxima. Por outra banda, Odom non tiña sitio na NBA polo seu estado mental e físico tras dezaoito meses cargados de problemas deportivos e extradeportivos. Unha fichaxe de renome que se debe analizar polo impacto e, despois, polo rendemento deportivo.
A chegada de Odom a Vitoria responde a dúas desesperacións: a do Baskonia e a do propio xogador
Se falamos do impacto da fichaxe Odom, Querejeta merece un sobresaínte. A falta de interese pola liga ACB débese en ocasións á falta dos grandes nomes. Odom, con dous aneis de campión da NBA, foi portada de xornais e apareceu en todas as televisión de Europa e Estados Unidos. A promoción de Vitoria, do Baskonia e dos seus patrocinadores foi un auténtico éxito. Éxito que se traspasa incluso ao valor da liga ACB. O baloncesto volveu as conversas dos bares por uns días sen necesidade de disputarse unha fase final da Copa do Rei ou uns playoffs. O bo de Lamar sen darse conta xa conseguiu todo iso.

Lamar Odom na súa chegada a Vitoria – ©Diario Gol
Máis dúbidas existen no aspecto deportivo. Cun equipo cargado de problemas como o do Scariolo, unha aposta por un xogador destas características é unha incógnita. Odom non é o sexto home que fixo gañadores aos Lakers, nin ese xogador que rendeu a bo nivel nos Clippers. Odom está moi pasado de forma. O americano necesita polo menos dous meses de preparación para poñerse ao nivel dos seus compañeiros. Para iso, necesita concentración e forza mental, algo que nos últimos meses non demostrou. Odom deberá realizar isto nun vestiario algo revolto e cun Sergio Scariolo que o que menos ten agora é tempo.
Odom necesita tempo para poñerse en forma. ¿Chegará a ser unha peza clave para Baskonia nos playoffs?
Coa clasificación para playoffs no aire debemos esperar uns meses para saber se Querejeta acertou ou non co seu soño americano. Xenialidade ou tolemia, o que está claro é que o Laboral Kutxa buscou solucionar os seus problemas dunha forma un tanto especial.

Moncho Fernández, que sigue superando retos cada semana – ©Deportes Online
En Santiago tamén viven semanas de cambios, pero o Obradoiro os soluciona a base de cordura. Algo, que con Moncho Fernández como comandante de operacións, acostuma a saír ben. Perder xogadores é algo que non gusta a ninguén, pero o equipo galego non necesita o ruído para solucionalo, senón que se basa simplemente no traballo.
O Obradoiro perdeu xogadores clave e cambiou boa parte dos roles nunha semana. Porén, na cancha non se notou. Un novo éxito para Moncho Fernández.
Tras un comezo de tempada dubitativo e co equipo inmerso na mellor xeira da tempada dúas noticias sacudiron o Multiusos Fontes do Sar: a marcha de Mike Muscala á NBA e a lesión de Oriol Junyent. Co xogo interior debilitado trala marcha de Minnerath e con Berzins (o seu substituto) sen debutar, parecía que a semana apuntaba a negro para os rapaces de Moncho Fernández.

Berzins, a nova fichaxe de Obradoiro – ©Basket Express
Porén, cambio de roles e traballo foi a receita máxica do alquimista de Pontepedriña, e Obradoiro plantouse nun dos pavillóns máis difíciles da liga ACB, o de Gran Canaria, e levouse a décima vitoria da tempada. Unha vitoria que fai ver o futuro con tranquilidade e con optimismo, xa que os galegos pisan por primeira vez en todo o ano posición de playoffs.
Obradoiro e Laboral Kutxa. Cordura e tolemia. ¿Cal será o camiño más axeitado?
Dez vitorias teñen agora mesmo Obradoiro e Laboral Kutxa, dous equipos que neste mes decidiron tomar camiños totalmente opostos. As apostas poden saír mellor ou peor nos dous casos, pero o que está claro é que os dous o teñen moi claro. Agora, queda esperar aos últimos meses de competición. Eses que servirán para dicirnos se na balanza do baloncesto pesa máis a tolemia ou a cordura.