Adolfo Suárez, por engadido

De Adolfo Suárez díxose todo e todo se dixo a destempo. Por engadido. Só os que lle chamaban Adolfo –o libro de Luis Herrero— poden fuxir da imaxe e chegar ao home. Esa imaxe que, como pinta Javier Cercas en Anatomía dun instante, “reduce o trascendente e engrandece o banal”. A retrospectiva do primeiro presidente elixido democráticamente despois da II República podería compoñerse a partires de encetos gráficos traídos da televisión. A de Suárez é unha traxectoria en tecnicolor. O busto inmóbil de Suárez perante o golpe do 23-F. Os ollos enxugados cando anuncia a sua dimisión como presidente do Goberno en prol de Calvo-Sotelo. O xesto de alivio incontrolable cando as Cortes franquistas do Reino fanse seu propio harakiri e Torcuato Fernández Miranda finalmente proclama: “fica aprobada a Lei de Reforma Política”. Da “lei á lei”, repetía constantemente.

fotogramas suárez

Fotogramas dunha vida en tecnicolor | TVE

En Cebreros, provincia de Ávila, medrou un rapaz que escribía en anacos de papel “Adolfo Suárez, Presidente del Gobierno”. Quen primeiro soubo das súas aspiración foi el mesmo. Na escala de valores, só diante da ambición estaba a lealdade. Dende cedo comezou a actividade pública en Acción Católica, estudando Dereito pola Universidade de Salamanca e administrando o seu recoñecido encanto entre o público feminino. Seu pai –“Quen me ía dicir que tería un fillo no Movemento!”, espetoulle un día— marchou da casa e fíxose cargo dunha familia ferida pola guerra. O punto de inflexión chegou no 1955 cando entrou no gabinete de Fernando Herrero Tejedor, o falanxista vencellado ao Opus Dei é nomeado entón gobernador civil de Ávila. Suárez aprende rápido a carón dun valor seguro. A súa admiración por Tejedor explica aspectos clave do seu comportamento político: o paso polo Movemento, a camisa azul…“Non hai nada que máis me horrorice que a deslealdade”, dicía. A fidelidade como principio universal de conducta. Na intimidade, Suárez manifesta a súa profunda relixiosidade –algúns dos seus achegados admitiron que pertencía ao Opus Dei—, combinada cunha certa agudeza na arte da improvisación e da persuasión cara a cara. Gradualmente, o de Ávila sube chanzos nos miolos do réxime e vai aumentando cotas de poder: de procurador nas Cortes a gobernador civil de Segovia. “É vostede moi ousado” díxolle Franco cando Suárez lle falaba sobre aperturismo. Comezan os seus primeiros contactos co Príncipe Juan Carlos, hoxe Rei, ao que se lle prognosticaba no alcume a duración do seu reinado –daquela era coñecido como Juan Carlos El Breve—. Ao herdeiro da dinastía borbónica vaille comunicando algunha das liñas mestras que consideraba imprescindibles para a instauración dunha monarquía parlamentaria en España, toda vez que o búnker –como eran chamados os inmobilistas— fose apartado cando Franco morrera.

“É vostede moi ousado” , díxolle Franco

No 1969, asume a dirección xeral de TVE. Aprende que a televisión establece un contacto directo coa audiencia e realiza unha labor de lavado de imaxe do Príncipe. Sabe que ten o control sobre a arma comunicativa más potente. Por vicisitudes do destino, a morte do seu mentor, Herrero Tejedor, nun accidente de tráfico lévao á carteira de ministro secretario xeral do movemento da man do monocorde Arias Navarro.

Suárez endexamais amosou síntomas de arrepentimento por ostentar altos cargos do réxime. Nin sequera tratou de buscar excusas. O seu foi unha evolución natural guiado polo decorrer dos acontecementos, sempre baixo as máximas da legalidade e a fidelidade. A súa indiscutible ambición valeulle para ir queimando etapas no seu fin último de ser presidente. “Cando entrei en política, a ninguén se lle ocorría pensar que despois de Franco o réxime se esgotaría”, matizou nunha das súas últimas entrevistas. Adolfo Suárez foi un converso máis dos millóns de españois que ergueron a man na Praza de Oriente para despedir a Franco para despois encher o seu léxico de sinónimos de “democracia” e “liberdade”. Posiblemente, sen esta etapa previa, o alcance da súa figura sería inexistente ou anecdótico.

A soidade no escano. Gutiérrez Mellado preguntoulle a Suárez unha vez: "Adolfo, ademçais do Rei, ti e maís eu, quen está connosco | Foto: El País (1979)

A soidade no escano. Gutiérrez Mellado preguntoulle a Suárez unha vez: “Adolfo, ademais do Rei, ti e máis eu, quen está connosco? | Foto: El País (1979)

A morte de Franco marca un fito histórico. O novo Rei, Juan Carlos I, fártase de que Arias Navarro goberne co freo de man botado e faino dimitir. Nas altas instancias o nome de Suárez comeza a escoitarse sempre acompañado de “favorito do Rei”. E chega o momento que dá sentido ao seu “eu” político. Suárez recibe unha chamada telefónica de Zarzuela para que se presente canto antes nas dependencias reais sen chamar a atención. Acode co Seat 127 da súa esposa Amparo. Suárez entra en Zarzuela e agarda nun cuarto onde non hai ninguén. Ou si. O Rei, trala porta de entrada, como agochándose de alguén, comunícalle que forme goberno. Ata daquela, era un gran descoñecido para o gran público español e internacional. O seu nomeamento colle por sorpresa a moitos –entre os que estaba o propio Fraga ou Jose María de Areilza— Axiña levanta suspicacias entre os nostálxicos do franquismo por traidor e entre os que todavía estaban na oposición clandestina por “arribista”. Reúnese en seguida –e en segredo— cos líderes da oposición para iniciar o proceso de legalización dos partidos políticos. O “Sábado Santo” de 1977, namentras media España estaba baixo o teito dunha igrexa ou de vacacións, legaliza o PCE de Carrillo –que entrou a España con peluca— despois da conmoción dos asasinatos de Atocha. Ese “Sábado Santo” explica boa parte do “ruido de sables” que comenza dende entón. O encontro de Felipe González en casa do irmán de Fernando Abril-Martorell tivo unha anécdota simbólica, que explicaba en boa medida a desconfianza da oposición cara Suárez: xuntos rexistraron o domicilio na procura de micrófonos.

Suárez oposición

Con Fraga, Carrillo e Felipe González. Políticos dunha época | Fotos: El País

No 1977 teñen lugar as primeiras eleccións democráticas e, o que nun principio ía ser para Suárez un período de transición para sedimentar os alicerces do sistema democrático torna nunha carreira política máis nas filas de UCD –con Pío Cabanillas, Fernández Ordóñez ou Calvo-Sotelo—. O propósito inicial de Suárez non era presentarse como candidato á presidencia pero as cotas de popularidade que estaba obtendo déronlle o pulo suficiente para dar o paso. Suárez pode prometer e promete.

O seu novo goberno enfróntase á ira do exército, á desconfianza dos sectores estratéxicos, aos peores anos de terrorismo de ETA e da extrema dereita, á crise económica e a un partido conglomerado no que a unión era únicamente a primeira letra das siglas. Unha organización que xuntaba falanxistas, democratacristiáns, socialdemócratas e liberais cuxo único ideal común era o personalismo do presidente Suárez. Herrero de Miñón sae elixido como voceiro parlamentario dos ucedistas en vez do candidato de Suárez, Rodríguez Miranda. Suárez declarou a posteriori: “Comprobei, entón, que non tiña ningunha autoridade (no partido)”. Nunha entrevista do ano 1980, ao diario ABC, e vetada no seu momento pola excesiva sinceridade do presidente, admitiu: “Son un home completamente desprestixiado”. Xa se daba por gañador a Felipe nos próximos comicios, máxime despois da moción de censura presentada polos socialistas e que, malia o resultado favorable para Suárez, deixou ferido de morte ao seu goberno. Nise 1980, o PSOE someteu á UCD a un desgaste poucas veces visto no hemiciclo da Carreira de San Xerónimo.

Suárez a Tejero, cando este lle puxo a pistola na tempa: “Cádrese!”

O 29 de xaneiro de 1981, Adolfo Suárez anuncia nunha mensaxe en televisión a súa dimisión como presidente do Goberno. A pesares das tentativas de Calvo-Sotelo –magníficamente explicadas no seu libro Memoria viva de la Transición—  por facelo voltar sobre as súas intencións, Suárez enuncia a súa famosa frase diante da cámara: “Eu non quero que o sistema democrático de convivencia sexa, unha vez máis, un paréntese na Historia de España”. Entre os centos de hipóteses que poderían explicar o abandono do poder, as que más forza teñen son as da perda de confianza do Rei, do seu partido e o temor a un golpe.

Adolfo-Suarez EFE

Dende a bancada azul, Suárez perde a mirada no hemiciclo | EFE

O golpe que ocorreu 25 días despois. Cando só el, máis Gutiérrez Mellado e Carrillo, mantiveron a postura ergueita no escano. O golpe no que Suárez, sabéndose asasinado polos golpistas, berroulle a Tejero “cádrese!” nun arrebato de dignidade, cando este lle puxo a pistola na tempa.

Posteriormente, a aventura do CDS (Centro Democrático e Social) no 1982 saldouse cun fracaso manifesto. Os sucesivos problemas persoais afastárono do centro da vida pública, aínda que os seus xuízos de valor sobre a política de España adquiriron aínda máis prestixio que cando pasou o testemuño. O duque de Suárez foi condecorado co premio Príncipe de Asturias da Concordia no ano 1996 e co Toisón de Ouro, no 2008. A enfermidade neurodexenerativa que estaba a padecer impediulle volver a vivir, subido ao tren da memoria, aqueles anos de cambio. A gratitude coa que será despedido –incluso, por parte de antigos inimigos— será un epílogo serodio. Sempre por engadido.