A xustiza pola man
“Eu non culpo ao policía, que ese fai o seu traballo, eu culpo a aqueles que non me deixan facer o meu. Europa está aí, e sabemos que contra iso non podemos loitar. O que non se pode facer é deixar que dende a Autonomía fagan connosco o que lles saia de….”
Ás nove da mañá, a rúa de San Francisco é un continuo rebulir de xente avanzando a paso firme cara ao Obradoiro. Os motivos das protestas convocadas son diversos, pero a particular pelerinaxe avanza con paso firme e unitario, equipada coas correspondentes pancartas e altofalantes. Mesturados con afectados polo recente canon de Sogama e preferentistas, os mariñeiros do arco formado por Galicia e Asturias toman a capital por segunda vez no último mes, tras as protestas celebradas a semana pasada na Coruña e en Vigo.
Partindo do Obradoiro e xa separada dos outros grupos, a comitiva avanza cara San Caetano, tal e como estaba sinalado na convocatoria da manifestación. Manifestación movida pola indignación ante o mal reparto autonómico das cotas pesqueiras marcadas pola Unión Europea (por poñer un exemplo: só nun ano, as cotas establecidas para a pesca do xurelo baixaron dos 6.000 kg diarios aos 20.000 anuais).
Acadado o obxectivo inicial, San Caetano, a manifestación vira o rumbo e diríxese cara á sede do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo. É alí onde, durante a reunión a porta pechada dos representantes dos mariñeiros cunha serie de parlamentarios, o ambiente se empeza a caldear. Nun principio, algúns dos líderes dos traballadores piden calma polos altofalantes, pero tal invitación non ten demasiado éxito. A medida que crece a tensión, as patrullas policiais intensifican a súa presenza (intensifican, pois o dispositivo policial levaba en pé dende primeira hora da mañá). Alternando cánticos de “somos mariñeiros, vós mercenarios” con protestas contra o goberno e contra a conselleira do mar, Rosa Quintana, comezan a voar as primeiras botellas. Os parlamentarios do BNG Montse Prado e Francisco Jorquera saen saudar aos presentes e encáranse á Policía, que chega a empregar a forza para reducir a Prado, tal e como se amosa neste vídeo. Malia os berros de “pedras, pedras”, unha gran maioría se resiste á violencia. Finalmente, a iso das 15.40 da tarde, a situación desemboca nunha auténtica batalla campal na que tanto antidisturbios como parte dos manifestantes deciden tomar a xustiza pola man. As mesas e cadeiras das terrazas alzan –literalmente- o voo, baixo a mirada de veciños e viandantes. Ante o lume dos contedores, os antidisturbios comezan a disparar bólas de goma, iniciándose unha violenta carga policial ao longo das rúas do Hórreo e da República Arxentina.
A iso das 15.40 da tarde, a situación desemboca nunha auténtica batalla campal na que tanto antidisturbios como parte dos manifestantes deciden tomar a xustiza pola man. As mesas e cadeiras das terrazas alzan –literalmente- o voo, baixo a mirada de veciños e viandantes.
Ao longo da tarde, disoltas as cargas e iniciadas as labores de recollida, os mariñeiros situánse na praza Roxa, mantendo en alza as súas pancartas, combinadas con foguetes ocasionais. “Superando a flota galega á de Euskadi, en proporción eles levan un 70% da cota, e nós, un 30%. Debe ser que aos vascos lles teñen medo e aos galegos non, pero ao mellor aínda o medo lles vén de eiquí para adiante”, explicaba un deles. Ó remate da xornada, os tres detidos atópanse xa en liberdade con cargos. Malia as feridas de guerra, as rúas do Ensanche compostelán volven á normalidade. Pasadas as dez e media da noite, o único que se concentra na praza Roxa é o lixo acumulado, testemuño dun longo día que non deixou indiferente a ninguén.