Xosé María Palmeiro, vivir para contalo
Cinco Papas. Esta é para Xosé María G. Palmeiro (San Miguel de Reinante, 1948) a unidade máis precisa para medir o tempo que leva pasado ante si, pero tamén a máis clara proba de que nunca está todo visto. Maleficio, profesión e vocación. Entre tanto, corenta anos de xornalismo ininterrompido. Catro décadas no seo do que el denomina o mellor e máis antigo oficio do mundo. Catro décadas entregadas a vivir para contalo. Para contalo todo.
Comezou naquela noite de pedra, nunha época na que os xornalistas eran meros títeres nas mans do réxime e as siglas PC só facían referencia á resistencia clandestina duns que seica perderan a guerra. El Correo Gallego, Cadena Ser, La Voz de Galicia, Cope Vigo, Onda Cero e RTVE (Panorama de Galicia) son só algunhas das paradas percorridas durante a viaxe. Incansables noites de café, teléfono e fax, infinidade de compañeiros e titulares. Relato vivo dun tempo cambiante, da evolución continua do mundo e da profesión.
Incansables noites de café, teléfono e fax, infinidade de compañeiros e titulares. Relato vivo dun tempo cambiante, da evolución continua do mundo e da profesión.
Coma el mesmo di, negras sombras sempre houbo. Malia toda a bagaxe acumulada, Palmeiro –que estudou Historia na USC e posteriormente, Xornalismo na Complutense- di que volvería intentalo. Na homenaxe recibida a cargo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o pasado 30 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o outrora decano abogaba por un xornalismo por carácter baseado na bonhomía, que non no cinismo. Na honestidade de quen sabe o que é e o que non é, e sabe estar á altura. O xornalismo da resistencia, do “preferiría non facelo, señor”. Oficio de urxentes cronistas das urxencias cotiás, que deixan as profecías para economistas e politólogos. Como diría durante o acto o mestre Nacho Mirás, xornalismo con sangue nos zapatos de quen sae á rúa aínda que lle digan que fóra chove.
Dicía Calderón de la Barca que “errar lo menos no importa si se acertó lo principal”. Corenta anos e cinco Papas despois, Palmeiro di que cre saber o que é o xornalismo, pero se quere explicalo, non sabe. Non dubida en afirmar que nada lle gustaría máis ca se atopar no lugar dos que hoxe empezan e poder apostar pola autenticidade nun mundo no que nada parece ser xa auténtico. Pouco amigo das louvanzas, aínda que dos bos amigos veñan, Palmeiro resume o seu legado nun desexo: “Saúde e bo traballo. Como xornalistas, como cidadáns e como galegos. “