“Somos un xornal, non un restaurante”
Os debates sobre o futuro do xornalismo abandonaron esta mañá —unha vez máis— o seu hábitat natural, que vén sendo as cátedras de Ciencias da Comunicación e as cafeterías máis próximas ás redaccións, para pasar ó mundo real. O xornalismo 2.0, o paywall, a busca da diversificación e a crise da publicidade baixaron das páxinas dos libros ós lamugueiros, remangáronse e comezaron a batirse en duelo. Facta, non verba. A edición de fin de semana do diario francés Libération saíu do prelo cunha elocuente portada. “Somos un xornal —berraba—, non un restaurante nin unha rede social nin un espazo cultural nin un plató de televisión, nin un bar nin un viveiro de empresas”, para avanzar que dentro “os asalariados de Libération responden ós seus accionistas”.
O extraordinario que resulta que unha portada dun xornal cargue contra os propietarios do mesmo responde á igualmente extraordinaria situación que se está a vivir no seo do xornal. O Libé (como o coñecen popularmente os habitantes do Hexágono) é a viva imaxe da descarnada situación económica de boa parte das cabeceiras de prensa arredor do mundo: entre xaneiro e novembro de 2013 as súas vendas caeron un 15,5% e, a finais de ano, non puideron devolver un préstamo de 1,3 millóns de euros antes do seu vencemento ante a horrorizada mirada dos seus accionistas maioritarios, o inmobiliario Bruno Ledoux e o banqueiro (como non podía ser doutro xeito, dado o seu apelido) Édouard de Rothschild.
Para paliar unha situación económica que deixaba o Libé ó borde do abismo, idearon un, canto menos, orixinal plan de futuro que plasmaron nunha tribuna publicada hoxe no xornal. Amais das xa consabidas baixadas salariais, de ata un 15%, e dun plan de prexubilacións, propuñan un xiro de 360 graos. “Libération, coma o sector da prensa escrita en xeral, sálvase unicamente pola suma das subvencións dos poderes públicos, lexítimas en tanto que salvagarda da pluralidade da información, e ás achegas sucesivas dos accionistas, adoito —advertían— máis alá do razonable”. A súa solución pasaba porque a redacción empaquetase as súas cousas e marchase ós arrabais de París, deixando así libre a sé histórica do xornal na rúa Béranger, no moi chic barrio de République. Este mesmo edificio, no que en novembro un home entrara rifle en man pegando tiros, convertiríase así nun “espazo cultural e de conferencias que incluíse un plató de televisión, un estudio de radio, unha newsroom (sic) dixital, un restaurante, un bar, un viveiro de empresas… En resumidas contas, un lugar de intercambio aberto e accesible a todos, xornalistas, artistas, escritores, filósofos, políticos, deseñadores…”. O remozado edificio da rúa Béranger sería, en palabras dos accionistas, “un café de Flore do século XXI”, en referencia ó bar de Montparnasse onde nos anos 10 se inventara o termo surrealismo, nos 30 florecera a vida literaria do París de preguerra e nos 60 se xuntaban habitualmente Eugène Ionesco, Simone de Beauvoir ou Jean-Paul Sartre entre outros.
Os propietarios queren converti-lo Libé nun “café de Flore do século XXI”,
lugar de intercambio “accesible a xornalistas, artistas, escritores, filósofos”…
A casualidade —ou o refinado simbolismo dos propietarios do xornal, quen sabe— é que fora precisamente Sartre quen, alá por 1971, fundara Libération en compañía do maoísta Serge July, ambos decididos a facerlle competencia no sector da prensa francesa de esquerdas a L’Humanité, xornal marxista-leninista e voceiro do Parti Communiste Français. Aínda que Libé foi perdendo cos anos radicalismo, mantivo sempre un aire de xornal da intelectualidade comprometida de Francia. Hoxe, o diario destaca sobre todo pola grande importancia que lle dan ós elementos gráficos —en novembro sacaron unha edición integramente sen fotografías, para realzar a importancia que estas teñen— e pola aposta polas portadas impactantes, con pouco texto e tipografías e imaxes arriscadas, algo que en España intentou copiar no seu día Público e, en moita menor medida, o actual ABC.

Serge July, durante tres décadas director do Libé
Os 300 xornalistas do Libé non aceptaron a proposta dos accionistas. Despois de que 9 de cada 10 empregados pedisen en novembro a dimisión dos codirectores e dunha folga de 24 horas que celebraran este mesmo venres, a carta dos propietarios entrou ás cinco da tarde na redacción coma un elefante nunha cristalería. Reunidos, como corresponde á tradición democrática dos medios franceses, en Asemblea Xeral, os asalariados decidiron defini-la reconversión nun “café de Flore” como “un foutage de gueule” (máis ou menos, jodienda), “un insulte” e “un bras d’honneur” (un corte de manga), sucesivamente. “Agora trátase de construír un Libéland, un Libémarket, un Libéworld. Un rombo vermello sen nada detrás, dez letras que xa non significan gran cousa, senón o prezo ó que se queren monetizar: Libération“, protestaban nunha especie de editorial dos traballadores. “Vós queredes salva-la empresa, nós queremos salva-lo xornal”, concluía o xornalista Robert Maggiori.
“Agora trátase de construír un Libéland, un Libémarket, un Libéworld.
Un rombo vermello sen nada detrás”, protestaron os traballadores
Nunha iracunda carta ós accionistas filtrada hoxe ós medios, Bruno Ledoux —que, amais de dono do xornal, posúe tamén o inmoble da rúa Béranger— calificaba ós xornalistas do Libé empregando reiteradamente o termo “ringards“, traducible quizais por “carcas”. “Dun lado está o fracaso, doutro, unha visión diferente”, afirmaba o empresario. Dicía Sartre que “como tódolos soñadores”, confundira “o desencanto coa verdade”. Verase nas próximas semanas se a delicadísima situación na que se atopa o xornal que fundou ten máis de visión desencandada ou de cántico fúnebre por un xeito de entende-las empresas xornalísticas que morreu co século XX. Presuntamente.