O jazz do «catro»
O tempo descansa na medular do campo. O fútbol respira, osixena. E, entón, aparecen. Pensan. Contemporizan. Deciden. Executan. Inventan os espazos como a luz do inverno asomando entre o ceo alodado. Levan un metrónomo nos pés e danzan a un compás perenne polo círculo central. Poderían xogar de Armani. Os inventores do fútbol de salón son fillos de Rijkaard, Neeskens, Redondo, Guardiola ou Matthäus. Dun tempo cara esta parte, a fasquía dos equipos está no mediocampista. Ningún equipo pode aspirar a nada sen un 4 de garantías. O cruyffismo e a doutrina de Sacchi blindaron a posición na revolución táctica de principios dos 90. Querían converter ao mediocentro nunha prolongación do adestrador dentro do tapete. Abofé que o conseguiron. Hoxe Xabi Alonso, Xavi Hernández, Andrea Pirlo, Frank Lampard e Steven Gerrard dan leccións de fútbol con cada pase. Cada centro, un exercicio de métrica. Xogando a ritmo de John Coltrane. Cómpre repasar o libro de estilo destes gentleman coma quen descortiza un Gran Reserva: saboreando os matices.
Xabi Alonso
Cando o fútbol se inventou, Xabi Alonso xa estaba alí. Indiscutible con tódolos adestradores que firmaron co club de Concha Espina. Como o describiu Manuel Jabois: «na súa barba rubia florecen os campos de Faulkner». En Anoeta selou os seus primeiros pases de 40 metros baixo a tutela de Rekarte e De Pedro. O fútbol de Alonso non entende ideoloxías do balón. Cobra vida propia en cada esquema. Amósase sempre por riba dos dobres pivotes, o centrocampista único defensivo ou ben, apoiado por dous compañeiros máis. Co Spanish Liverpool de Benítez, o tolosarra fixou a posición e gañou potencia física. Fíxose a si mesmo un xogador aristotélico: atopou o punto medio entre a calidade técnica, o equilibrio táctico e o rigor defensivo. Evitoulle quilómetros a Gerrard, adquiriu responsabilidades –por exemplo, como lanzador de libres directos e penaltis— e regalou ao teatro de Anfield Road os mellores goles da súa carreira, moitos de disparo dende media distancia, unha das súas mellores virtudes. Trala estrepitosa eliminación do Real Madrid de Juande Ramos e o chorreo inexistente de Boluda, a chegada de Valdano do brazo de Florentino propiciou a fichaxe dun xogador único no mercado e que xa vira na Premier moitas das súas aspiracións colmadas –entre elas, gañar a Copa de Europa na histórica final de Estambul—. O Real, despois de Redondo e, en menor medida, Guti; cedeu a batuta á mediocridade ofensiva de xogadores como Emerson, os Diarra, Gravesen ou Gago. Precisaba dun 4 que fixera esquecer un lustro de xogo que obviaba a elaboración na media lúa. E así foi. Xabi Alonso seduciu devagar ao Bernabeu e aos fans da Roja, cuxo éxito é en boa parte grazas ao mediocampismo. Os constantes cambios de estilo no Madrid minguaron algunhas das calidades do vasco, que viu limitada a súa chegada á área en prol do descargo en tarefas defensivas de Cristiano, Özil ou Benzema. Case nunca lanza faltas directas pero doutorouse honoris causa na ciencia do pase longo. É único. Coa renovación firmada, en Donosti deberán agardar para ver a Xabi de novo como txuri urdin. Mais o Madrid soltou folgos e asegura, as súas botas mediante, dous anos máis de prórroga antes de chegar ao punto e aparte que suporá Alonso no club.
Frank Lampard
Nos estadios ingleses, cando a pelota bica a rede o berro non é goal. É yeah. Na retransmisión por televisión dos partidos da Premier League é doado constatar este fenómeno se Lampard está no centro do campo do Chelsea. Poucos mediocampistas tiveron nunca tanta facilidade para o gol como ten Super Frankie. O xogador dunha década, a primeira do século, para a liga inglesa. Xusto cando comezou a vestir de blue e abandonar o West Ham. No equipo do barrio adiñeirado de Londres fixo da potencia a súa mellor carta de presentación. Sempre dende a segunda liña de ataque, ten maneiras de dianteiro con feitura de centrocampista. Lampard non é un xogador hábil. Non é un xogador de técnica exquisita. É un xogador imprescindible. E basta. Aparece sempre nos momentos difíciles, como a final de Liga de Campións contra o ManU de Cristiano, e por iso leva case quince anos sen quitar a etiqueta de titular indiscutible. Non é un futbolista que, ao facer retrospectiva, tivera picos de forma moi elevados e pasara logo por crises profundas, non. Ten ese liderado moral lexítimo que lle confire estar sempre entre os mellores. Un valor seguro. E nun deporte onde o éxito é tan volátil como o fútbol, a lembranza de Lampard para os amantes do fútbol non será efímera no tempo.
Xavi Hernández
En Terrasa, Deus tomouse o día libre antes de crear a Xavi. A cociña da Masía sempre foi prolífica en centrocampistas herdeiros da filosofía do Dream Team. Xavi medrou en Can Barça aprendendo do liderado de Guardiola, a xerarquía de Koeman, a maxia de De la Peña e do xogo de ballet de Laudrup. Con referentes así, nada podía saír mal. A transición da segunda época de Van Gaal no Barcelona foi traumática a medias: produciu un punto de inflexión transcendental para que Xavi e Puyol tomaran o control do que estaba por vir. Con Rijkaard no banco, o fútbol blaulgrana volveu polos vieiros da sutileza e a clase. Xavi tecía os fíos coma quen camiñaba un treito ben coñecido. Fuxía dos existencialismos e maximizou o alfabeto futbolístico, o abecé, o control-pase. A finais da primeira década de século, o Barça atrancouse ao mesmo tempo que a estrela que escintilara daquela, Ronaldinho, escurecía. As gambetas do brasileiro e a visión de xogo de Deco eran máis nostalxia, produto da memoria colectiva, que realidade. Con Pep, o eixo do equipo volveu para a medular e máis Messi. Facer o contrario, despois da Eurocopa do 2008, non sería outra cousa máis que un erro. En Austria e Suíza, Marcos Senna escoltaba a un Xavi dinámico e intelixente, que cambiaba continuamente a orientación do xogo co seu famoso xiro sobre si mesmo. É extremadamente difícil atopar unha ocasión na que o catalán escolla mal. Despois de Platini, Xavi é o intelecto extrapolado ao fútbol. No 2010 chegou o summum, a construción do xogo digna de Bernini e Borromini. Fútbol recto, transversal, coma quen debuxa o ensanche da Cidade Condal. É sobriedade previa á plasticidade, a metafísica dun pase, o disparo que agarima o poste. Xavi ve alén da curva. Cando o 6 está a na súa última etapa como futbolista, Martino saca a Xavi para as grandes ocasións, como o traxe das vodas. Despois de cumprir 700 partidos como culé, La Vanguardia titulou: «Un museo en cada partido». Setecentas pezas únicas.
Andrea Pirlo
Pirlo ten o valor da excepcionalidade. O valor de escaseza, é unha teoría económica clásica que explica a configuración dos prezos no mercado, o que dá sentido á especial consideración monetaria de materiais e servizos pouco comúns. Por iso Pirlo é algo máis. Porque o fútbol azurro é rigoroso, obtuso, por veces torpe. Só Roberto Baggio e Ronaldo Nazario foron quen de xogar en equipos antagónicos no Calcio sen perder ese aura de carisma tan propio da Italia. Só Pirlo é quen de namorar ao Meazza, San Siro ou o Juventus Stadium a un tempo. Museos que saben de fútbol. Comezou a súa carreira no Brescia, despois no Inter de Milan durante tres tempadas ata ser traspasado aos rossoneri, o AC Milan. Un Milan firmado por Ancelotti. O último período memorable do club. Como pezas de xadres únicas: Gattuso, Gilardino, Inzaghi, Dida, Maldini, Nesta ou Kaka´. Pirlo amosou un repertorio sublime de xogo. Dirixiu ao equipo coa plena liberdade que lle proporcionaba un home como Gattuso. Aproveitaba os poucos espazos que cedían os equipos do Calcio, cambiaba a orientación de xogo con desprazamentos longos e furaba as defensas coa súa especial visión de xogo. E sempre foi a chave de paso pola que fluía o escaso xogo ofensivo do combinado nacional, adestrado por Marcelo Lippi no Mundial de 2006 en Alemaña. Os últimos anos no Milan retrasaron a posición de Pirlo dende case a segunda liña de ataque ata a de organizador, diante da defensa. É a lei natural de moitos grandes xogadores, como Hierro ou Beckenbauer, que comezaron de magníficos centrocampistas ata ser mellores centrais, nesa posición extinta no fútbol moderno: o líbero. A día de hoxe, é o pase máis claro e seguro para dar comezo ao xogo ofensivo da vechia signora. É un Pirlo maduro, curtido polo fútbol do norte de Italia, que gusta do seu característico pase picado. Gattuso, un dos seus mellores amigos dentro e fóra do terreo de xogo, dixo hai tres meses na RAI: «Pirlo ten cara de anxo mais, en verdade, é un fillo de puta». Porque o 21, nado en Flero, cimbra a melena no campo coma se suase perfume, pero cando a pelota está no seu poder, só hai dúas opcións: se se trata do rival, desexar que marre, pero se non, o mellor é agardar a que pase algo anormal. E con Pirlo sempre pasa.
Steven Gerrard
Con Steven Gerrard ninguén en Liverpool camiña só. Todo o mundo sabe que deben pasar o balón ao do brazalete cando a incerteza é unha constante. Entón, as pupilas dos gardametas dilatan, abren as pernas para baixar o centro de gravidade e estiran os brazos case a modo de escena bíblica. Gerrard busca un claro na fraga dos tres cuartos de campo. E unha elipse. Ninguén sabe o que pasa de non ser polo marcador mudado e o reinicio do xogo co saque de centro. Un lóstrego abaneou a rede e fixo tremer a madeira. En Anfield isto sucede cada pouco tempo e todos sinalan ao capitán dos reds. Steven Gerrard é outro home no meridiano do manto verde. Fóra semella un home tímido, pouco dado á expresividade retórica. Así e todo, vestido de curto ten un carácter guerreiro que leva ao pase, á recuperación no medio do campo, ao cruce e ao disparo. Sobre todo ao disparo. En 2009 chegou ao cumio futbolístico, despois dunha evolución constante cada ano e beneficiado polo estilo de xogo directo de Benítez. Dende unha posición ben adiantada na medular fíxose omnipresente en cada partido, rápido física e mentalmente. Tanto que Zidane, despois da eliminación do Real Madrid en oitavos da Liga de Campións, dixo que estaba á altura dos mellores do mundo. Pero el é un home de club. Tanto que a caída no nivel de xogo do inglés foi ao compás de malos resultados do equipo nos últimos anos. Aínda así, en Anfield segue a tormenta. E os lóstregos.