O favorito cumpre con apuros

Dezasete vitorias. Superioridade, equipo a bater, estadísticas para a historia e un favoritismo absoluto para o primeiro título do ano. Todo parece claro en Málaga cando faltan poucos segundos para o final. O mellor equipo da historia da Liga Endesa busca pechar a primeira metade do ano con matrícula de honra, pero no momento chave a responsabilidade pesa e o balón queima. Unha perda, unha falta e un rebote perdido. Nun abrir e pechar de ollos o favorito vese por debaixo no marcador. O traballo de cinco meses pode irse pola borda por quince segundos de tolemia. Os cronistas comezan a escribir o tópico de que o deporte e o baloncesto sempre acaban por sorprender. Ata que aparece Llull no último suspiro para darlle unha Copa do Rei ao Real Madrid para o recordo.

O traballo de cinco meses estivo a punto de virse abaixo en quince segundos de tolemia. Entón, apareceu Llull.

Foi un aviso para os de Laso. Un partido que lles debe servir como guía para o resto de finais importantes que deberán afrontar. A liga regular non serve o domingo que se decide o título. Aí manda a emoción, o acerto e os xogadores importantes. Os erros e as faltas de concentración en partidos igualados acaban sendo unha peaxe demasiado importante. O Real Madrid perdeu unha vantaxe de sete puntos no último minuto e medio, algo inexplicable. Quizais viron o partido gañado antes de tempo, pero só unha xenialidade de Llull evitou unha catástrofe branca e fíxolle pagar ao equipo de Xavi Pascual pola súa pésima serie en tiros libres. Sen iso, a balanza de Copas do Rei (24 para o Madrid por 23 do Barcelona) probablemente orientara cara Catalunya.

Todos esperaban un paseo triunfal do Madrid en Málaga e así foi ata a final. Sería cousa do sorteo (con Baskonia, Valencia e Barcelona polo outro lado do cadro) ou das propias ganas dos merengues de decidir os partidos pola vía rápida. Dúas saídas en tromba ante Gran Canaria e CAI Zaragoza bastáronlle para controlar a pracer eses dous encontros. Non son os de Laso un equipo que dependa dun xogador, xa que poden aparecer moitos homes decisivos nun mesmo equipo. Aínda así o mando de Sergio Rodríguez continúa sendo incrible. E por dentro un home estivo por enriba do resto: Nikola Mirotic, un MVP que se foi forxando dende o plácido partido de cuartos do xoves. A final, xa foi outra historia.

O Real Madrid desfrutou dun paseo triunfal ata a final. O partido do domingo, xa foi outra historia

A Copa empezou para o Barcelona igual que para o Madrid, cun partido sinxelo e resolto con malleira ante Iberostar Tenerife. Os canarios, para os que estar en Málaga era un premio, notaron demasiado a baixa de Sekulic. En semifinais esperaba un sempre perigoso Valencia Básket, pero os de Perasovic non foron o equipo que todos coñecemos nesta competición. Sería culpa da presión, pero o segundo mellor equipo da tempada regular da ACB foi unha sombra da máquina laranxa ben engraxada que desfrutamos cada fin de semana. Só a casta e a calidade individual salvaron aos de Perasovic ante un ordenado Baskonia en cuartos. Cando chegou o Barcelona, xa non foi suficiente.

Tampouco foi a copa do anfitrión, gafado unha vez máis por esa maldición e perdendo ás primeiras de cambio ante un ordenado CAI. Voltou a ser unha copa clásica e non importou, xa que o encontro do domingo foi dos que dignifica ó baloncesto. Dos que atrae e dos que fai afección, todo dentro dun marco incomparable como é a Copa do Rei de baloncesto. Quizais, a competición máis emocionante que se pode vivir en España.  En resumo, catro días de intenso baloncesto en Málaga que serviron para demostrar que o Real Madrid segue sendo o favorito a todo, pero que tamén pode ser humano. E por suposto, para demostrar que a Copa do Rei é unha marabilla, aínda que a Liga ACB voltará ao anonimato o próximo fin de semana. Daquela, todas as miradas cruzarán o Atlántico e centraranse en New Orleans, terra de jazz e terra de blues, pero tamén sede do All Star da NBA.