Mas 1, Felipe 0

A principios do século XX, eran catro os problemas fundamentais que debía xestionar e resolver todo rexime político que pretendese triunfar nas Españas: o relixioso, o militar, o agrario e máis o catalán. Abrindo ao chou calquera libro de historia contemporánea toparemos, case con certeza, algún episodo relacionado con calquera daqueles tres primeiros  desafíos. Porén, para atoparmos o último, o catalán, non é preciso desempolvar manual de historia ningún, abonda con encender o televisor ou ollar as capas dos xornais da mañá.

Hoxe o denominado problema catalán continúa vivo fronte os outros tres, resoltos ou simplemente superados polas mudanzas sociais e económicas. Rebautizado, polos medios madrileños e as súas rémoras provinciás como el desafío soberanista, o encaixe de Cataluña na España moderna continúa a traer de cabeza os diferentes inquilinos da Moncloa. A primeira idea que salta á mente é se en Cataluña existe algún tipo de problema ou se, en realidade, a fonte de conflito haina que procurar na ribeira sur do Ebro. Xa sabemos o que dicía Castelao: moitas veces son peores os separadores do que os separatistas. Mais iso non é agora o importante.

Xa choveu. | Dolors Boatella

Xa choveu. | Dolors Boatella

O importante é a relevancia dese malchamado desafío soberanista porque, alén de ser quen de mover os vellos marcos políticos da Península e transformar para sempre as relacións entre Cataluña e España, é capaz de sentar ao redor dunha mesa figuras públicas que doutro xeito veríanse pouco máis ca en fotos. O pasado domingo, coa axuda de Jordi Évole, puidemos asistir a un careo inusitado. O actual Presidente da Generalitat, Artur Mas, e Felipe González, quen fora presidente español durante os oitenta e parte dos noventa discutindo sobre a situación política na Cataluña de hoxe. Poderá parecer pouca cousa, pero para unha sociedade -a española- onde os debates políticos televisados son infrecuentes, xa é abondo. E non apenas iso, o cara a cara do domingo foi unha desas poucas ocasións nas que un político catalanista aparece en prime time nalgunha das canles estatais. Para romper unha tónica na que o político catalán que máis cámara chupa é Albert Rivera, malia o número reducido de cataláns que representa, tampouco está mal de todo.

Os personaxes

Artur Mas e Felipe González son persoas e políticos completamente diferentes. Sono en orixe, sono en ideas e discurso, sono en formas, sono en estilo e en moitas outras cousas que condicionan un debate. O fillo da burguesía textil catalá, patrocinadora de toda a vida do catalanismo político, é un baby boomer catalanfalante – tanto que no debate falaba de supósitos e non de supostos- que entra en política e ascende até se converter na man dereita de Jordi Pujol. O fillo dos tratantes de gando sevillano, neno da posguerra, non é man dereita de ninguén, senón o home máis importante do socialismo español poterior a Suresnes que marca unha época da historia de España por el mesmo.

Mas e González debateron arbitrados por Jordi Évole | La Sexta.

Mas e González debateron arbitrados por Jordi Évole | La Sexta.

Porén, se algunha diferenza condicionaba máis ca ningunha o encontro esa era a situación laboral de ambos os contendentes. O liberal demócrata Mas, presidente en activo, e o social-demócrata Felipe presidente en retiro. Evidentemente González chegaba ao encontro con vantaxe. Protexido pola tranquilidade que dá saber que non hai nada en xogo, que a vitrina no museu de vellas glorias continuaría no seu sitio fixese o que fixese, o expresidente español podía disparar desde a barreira. Artur Mas, pola súa banda, chegaba co hándicap de ser o home do momento, aquel sobre quen se pousan todas as olladas e todos os focos. A persoa situada no ollo do furacán político e mediático non ten outra máis que medir as súas palabras e calcular ata os seus silencios. Algo tampouco demasiado difícil para o Artur de sempre e, menos, para alguén de CiU.

 Artur Mas, chegaba co hándicap de ser o home do momento, aquel sobre quen se pousan todas as olladas e todos os focos.

O árbitro era Jordi Évole, conductor de Salvados. O xa famoso Follonero é, en parte, unha mestura dos mundos de Mas e de González. Évole é fillo de andaluces e estremeños en Cataluña, é parte desa segunda xeración de inmigrantes que entende que o ascensor social implica unha certa catalanidade, aínda que sexa light, e parte desa masa social inequivocamente progre –xunto con Buenafuente, Berto Romero e máis membros da banda de El Terrat– que pintaba de vermello o cinto metropolitano de Barcelona elección tras elección.. O xuíz da contenda, pois, en principio tamén máis próximo a Felipe do que a Mas.

Os puntos de choque

As cuestións nas que o catalán e o sevillano amosaron posicións diferentes e encontradas foron varias e diversas. Malia isto, a charla que durante case unha hora mantiveron os dous homes que sentaron no Centro Cívico de Les Corts tivo moito máis de reafirmación das propias posturas que de debate e tira-puxa. Foi, en poucas palabras, un enroque longo de ambos en cadansúa postura.

1. O dereito a decidir

A primeira cuestión na que chocaron ambos contendentes, e a principal, foi na do chamado dereito a decidir. Artur Mas, do mesmo xeito que o Lehendakari Ibarretxe no seu día, formulou unha noción do dereito a decidir entendida como dereito de autodeterminación, isto é, como o dereito do pobo catalán a ser preguntado sobre o seu futuro político e sobre o xeito de se relacionar co resto do mundo. En virtude da resposta á esa pregunta os gobernos español e catalán negociarían, de boa fe, unha solución que respectase esa vontade. O ex mandatario español, pola súa parte, contrapuxo unha visión dese dereito a decidir únicamente restrinxida ao ámbito competencial catalán, da mesma maneira que Galicia ou Andalucía terían o seu propio dereito a decidir, isto é, a exercer as súas competencias. Destacou a defensa larvada da soberanía nacional española –a cal literalmente denominou conformación de la voluntad del espacio público común-, segundo a cal Cataluña non tería a posibilidade de escoller a vía da independencia sen que antes a Constitución Española o permitise, e non o fai.

Profundizando no problema, cómpre destacar aquí que nos atopamos perante un debate de natureza xurídica e outro de carácter político. O primeiro é se Cataluña ten, efectivamente, competencia para convocar un referéndum sobre o seu futuro político conforme á lexislación española actual. O segundo é un problema de ámbitos e espazos de decisión: quen debe decidir sobre unha eventual secesión catalá, únicamente os cataláns ou o conxunto dos españois?

A resposta ás cuestións arriba formuladas non é única nin tampouco é pechada. Porén, a xuízo de quen escribe o presidente catalán deu unha resposta máis convincente. Encanto o antigo dirixente socialista insistía, ambiguamente, na necesidade de redactar a Constitución co obxectivo de que ese dereito a decidir se descentralizase en consecuencia coa descentralización territorial derivada da Constitución Española, Artur Mas avanzou vías que permitisen exercer efectivamente ese dereito a decidir. En concreto, referiuse á petición do parlamento de Cataluña para a transferencia da competencia de consultas desde o Goberno do Estado e sobre a cal as Cortes Xerais deberán debater e aceptar ou rexeitar. A esa vía sumou outras dúas: unha primeira consistente na celebración dunha consulta de acordo coa lei de consultas catalá, ou subsidiariamente, un último recurso a unhas eleccións plebiscitarias.

"Consulta si ou si, évos o que hai" apuntou -mais ou menos- Mas | La Sexta.

“Consulta si ou si, évos o que hai” apuntou -mais ou menos- Mas | La Sexta.

A segunda cuestión quedou solapada pola primeira. De todos os xeitos e sen entrar no debate dos ámbitos de decisión, aqueles que, como Felipe González, se aferran a posturas excesivamente positivistas e invoquen a Constitución Española como norma que só recoñece como suxeito de soberanía o pobo español –e non unha pretendida soberanía catalá- deberían ter en conta o artigo 92 dese texto constitucional. Ese artigo 92.1 da carta magna española recolle a posibilidade de someter a referéndum aquelas decisións políticas de especial trascendencia. Non debería caber moita dúbida acerca da trascendencia política da separación de Cataluña. A celebración dun referéndum conforme a ese artigo 92, satisfaría os requisitos das dúas partes: por unha banda permitiríase ao conxunto dos españois opinar sobre a relación de España con Cataluña e, pola outra, os resultados en Cataluña –que serían diferentes aos do conxunto estatal, ou non- permitiría coñecer a vontade dos cataláns. O que falla? A vontade política.

A celebración dun referéndum conforme a ese artigo 92 da Constitución, satisfaría os requisitos das dúas partes.

2. Cataluña e Escocia

No segundo punto de choque entre ambos contendentes é onde adquire importancia esa vontade política. A charla en relación co encaixe catalán no conxunto español tivera ficado incompleta sen trazar algún tipo de paralelismo con Escocia, país integrante do Reino Unido –recoñecido como tal- que celebrará o seu propio referéndum de independencia o ano vindeiro.

O Presidente Mas encargouse de sinalar que a maior das diferenzas existentes entre ambos os escenarios estribaba na vontade política existente no Reino Unido e a inexistente en España. O líder de CiU destacou o talante negociador de David Cameron quen permitía un referéndum que Mariano Rajoy non estaba disposto a negociar. Cataluña era similar a Escocia, mais España non era como a Gran Bretaña, era a idea fundamental.

David Cameron e Alex Salmond tirando a foto despois do pactar o referendum para Esocia

David Cameron e Alex Salmond tirando a foto despois do pactar o referendum para Esocia

Porén, tanto Felipe González como un xornalista de The Economist, entrevistado ao efecto para o programa, ocupáronse en marcar e apuntar as diferenzas entre os dous casos: as orixes e motivos do independentismo diferentes, a dispar historia de ambos os territorios na súa relación co Estado no que agora se integran, a existencia dunha constitución escrita en España e non no Reino Unido, actitudes sociais distintas a respecto da secesión en Inglaterra e España.

González faría fincapé nalgunhas desas diferenzas –nomeadamente a cuestión constitucional- que serían as que, precisamente, explicarían a imposibilidade de celebrar o referéndum, e non unha pretendida falta de vontade política. Para o experto de The Economist consultado, esa vontade de celebrar unha consulta en Escocia existía, por parte de Cameron, como resultado dun tacticismo político polo cal Cameron, sabéndose gañador da consulta, pecharía a cuestión independentista en Escocia durante por unas cantas décadas.

3. O reparto de responsabilidades na crise política.

Algo no que coincidiron ambos os líderes foi en que a situación na que se atopan as relacións Cataluña e España é consecuencia dun longo proceso de deterioro vivido ao longo destes 40 anos de democracia. Tamén tanto Mas canto González coincidiron en sinalar o Partido Popular como o principal responsable da situación que actualmente se vive en Cataluña, en concreto, debido á súa actitude sobre a reforma estatutaria catalá de 2003. Outro fito que ambos os líderes recoñeceron como determinante foi a sentenza do Tribunal Constitucional a respecto dese mesmo Estatuto en 2010.

A situación na que se atopan as relacións Cataluña e España é consecuencia dun longo proceso de deterioro vivido ao longo destes 40 anos de democracia.

Mais axiña chegaron as discrepancias. Por unha banda, o mandatario converxente puxo de relevancia a actitude de colaboración que a súa formación política, como representante principal do catalanismo en España, tiña tido ao longo dos últimos 40 anos con gobernos de diferente cor política que se sucedían en Madrid. A xuízo de Mas esa colaboración non tiña sido acompañada dun acomodo no Estado para políticas que constituían o leitmotiv da autonomía e que eran refrendadas elección tras elección polo pobo catalán. O exemplo sinalado foi o sistema de inmersión lingüística, cuestionado recentemente por varias sentenzas do Tribunal Supremo. Perante ese panorama, apuntou Mas, era comprensible o cansazo da maioría dos cataláns co Estado español e o agromar do independentismo.

Nese momento Évole tamén trouxo á tona a cuestión da catalanofobia en España, demandándose se ese crecemento do independentismo tería algunha relación. Para facelo, preguntou ao ex dirixente socialista por algunhas declaracións de compañeiros de partido que deixaban entrever unha serie de prexuízos arredor de Cataluña. Felipe estivo hábil á hora de se desmarcar persoalmente das palabras de Paco Vázquez, ex-alcalde da Coruña, ou de Mª Antonia Trujillo, ex-Ministra de Vivenda, mais non foi quen de dar unha resposta clara e deixou a pregunta no aire: hai catalanofobia en España? E, en caso afirmativo, é a causante de parte do malestar catalán?

Are you fucking kidding me, Artur? | La Sexta

Are you fucking kidding me, Artur? | La Sexta

Pola súa banda o socialista, aínda coincidindo en parte da diagnose co converxente, afanábase en sinalar que o resultado do desenvolvemento das competencias atribuídas pola Constitución e o Estatuto a Cataluña non podía rematar na ruptura da unidade constitucional e política de España. Reiterou a necesidade de mudanzas profundas tanto a nivel constitucional como a outros niveis. Entre eles, referiuse especialmente a cuestión fiscal e ao inxente esforzo que Cataluña realiza a nivel de transferencias fiscais a outras comunidades. Ese realmente é o nudo gordiano da cuestión e o detonante principal da explosión independentista que actualmente se vive na comunidade catalá.

Precisamente, foi a cuestión do financiamento a que en máis apretos puxo a Mas. Non por causa de polémica ningunha en torno ás cifras ou tampouco por causa dalgún elaborado debate relacionado co funcionamento dos mecanismos de solidaridade entre Comunidades Autónomas. Évole descolocou o líder de CiU amosando un cartel do seu propio partido no que se acusaba a unha España subsidiada de vivir dunha Cataluña produtiva e industriosa. Preguntado Mas sobre a súa aprobación ou censura á mensaxe, o Presidente da Generalitat sinalou que se desmarcaba da maneira na que a idea se expresaba, mais concordaba no fondo co que esta tentaba transmitir: que Cataluña está sometida a unha presión fiscal insostible para financiar o benestar doutras comunidades. Porén, non abandonou o seu discurso comedido e prudente para desmarcarse claramente dunha mensaxe que el mesmo percibía como cuestionable, ao rexeitar unha adhesión plena á mesma, e iso perxudicouno á hora de formular a súa petición dun trato fiscal máis xusto.

Quen gañou?

O enfrontamento quedou nun mero empate técnico, o que, dadas as circunstancias desfavorables coas que Artur Mas debía lidar, significa unha victoria para este último. É dubidosa a influencia que o desempeño de ambos políticos poida ter tido na opinión dos televidentes. Alén, todo é unha cuestión de perspectivas e as razóns e argumentos esgrimidos por un ou outro van ser valorados de xeito moi distinto en Fuenlabrada ou en Ripoll.

Malia todo iso, si puidemos ver un Felipe González agresivo que dominou a conversa, os tempos e soubo levar a Mas ao seu terreno e a falar das cuestións das que el lle interesaba falar. Porén, o político catalán soubo zafase ben dos embites do sevillano e deixou en evidencia moitos dos seus argumentos lembrando que, por moi boas que fosen as intencións e propostas do seu interlocutor, en Moncloa a opinión era outra e que non existía.

En definitiva, case unha hora de interlocución entre dúas figuras destacadas da política dos nosos días que deu para moito. Precisamente o tempo é o único xuíz que ditaminará a maneira na que definitivamente se vai resolver este novo episodio de desencontro entre Cataluña e España que, alén, pode ser o definitivo. As certezas son poucas e entre elas destaca unha: o denominado problema catalán é o único supervivinte daqueles catro que a principios do século XX aflixían a España moderna. Pode España resolvelo ou é Artur Mas quen, en realidade está propoñendo a solución máis realista ao mesmo?