“Españoles, Intereconomía ha muerto”
“Con qué furia este siglo se ensaña
contra toda la gloria de España”
De Raymond, La canción del Ausente
Ó final resultou ser que Intereconomía foi a primeira canle de televisión posmoderna de España. Non o digo, evidentemente, pola frescura do seu ideario nin polo dinamismo dos seus colaboradores habituais, senón porque a emisora do touro conseguiu deixar de ser un medio para convertirse nunha mensaxe. Para a inmensa maioría dos cidadáns, Intereconomía era unha produtora de clips de Youtube, de sketchs graciosos de El Intermedio e APM, de pequenas pílulas de indignación. Canta xente vería en directo o anuncio contra o Día do Orgullo Gai ou a encendida perorata de Eduardo García Serrano contra a exconselleira de Sanidade catalá Marina Geli? 100, 200? En Youtube, ámbolos dous vídeos superan as 180.000 visitas.
O problema foi que eles aspiraban a se-lo eixo de tódolos debates en comidas presididas por unha botella de coñac Soberano ou a que os editoriais dos seus informativos fosen esperados con tensión nos gabinetes dos principais partidos políticos. En troca, só conseguiron ser un boomerang para esquerdistas facilóns que intentaron facer crer que toda a dereita se deixaba guiar pola visión parcial de José Javier Esparza ou, no mellor dos casos, carnaza para borrachos provocadores que aprenderon enteira esa alocución que empeza por “¿cómo se llama esa señora?” ou esoutra que fala das grúas de Damasco e Teherán.
Intereconomía nin sequera tivo unha morte digna, panhispánica, deses decesos que farían chorar a Agustina de Aragón. Foise empeñando por fascísculos e a horas ás que ninguén miraba no Compro Oro da esquina. Viviu os seus días de gloria sendo a punta de lanza das cruzadas contra o zapaterismo, pero a súa estrela foise apagando al paso alegre de la paz. Primeiro estenderon a man ós transeúntes con ese Club de Amigos de Intereconomía, resignáronse a que marchase ese moderador con pinta de aguerrido defensor do Alcázar que era Antonio Jiménez, despois pecharon La Gaceta, foron condenados pola Xustiza dese país verdaderamente siniestro, desaloxaron a Josep Pedrerol e á súa troupe do seu cortello habitual e ata deixaron que Alejandro Cao de Benós, recén chegado de Corea do Norte, os puxese pingando por pobretóns. Julio Ariza e o seu Consello de Administración deberon decidir tira-la toalla cando viron que, despois de anos e anos de debates, os tertulianos reincidentes Alejo Vidal-Quadras e Albert Rivera non se puñan de acordo nin para montar un único partido españolista.
Intereconomía nin sequera tivo unha morte digna. Foise empeñando por fascísculos e a horas ás que ninguén miraba no Compro Oro da esquina
Agora é de esperar que os escasos activos de valor que quedan en Intereconomía sexan postos á venda no Rastro do próximo domingo. A bandeira da Falange que presidía o plató de España en la memoria, a papada de Javier Algarra e a rapaza que lía os tuits e SMS en Punto Pelota serán anunciados a berros nunha rúa das que baixan de Tirso de Molina. Ó final, quen levou el gato al agua foi Vladimir Putin, cuxo monicreque mediático Russia Today está emitindo polo sinal online da cadena. Para o que escribe estas liñas, a única esperanza que queda é que a xeopolítica, que fai estraños compañeiros de cama, una á hispanorrusa canle resultante coa iraní HispanTV, que financia Fort Apache, e que pronto se vexa a Pío Moa debatindo con Pablo Iglesias e Juan Carlos Monedero. Estou seguro que Podemos.