De Berros e Olladas, catro miradas á violencia de xénero

“De que xeito se pode dicir o que pensamos dende un punto de vista artístico escapando de ensinar rostros malferidos? Ocorréusenos expresalo fotograficamente dun xeito que despois pensamos en complementar coa palabra. Un berro porque falamos. Unha ollada porque é moi gráfico o que se amosa”.

Isidro Cea, Marga P. Díaz, Enrique González e Andrea Fernández Maneiro mostran os sentimentos das verdadeiras protagonistas desta exposición: as mulleres que sofren a violencia de xénero. “Expresar esta lacra que se está sufrindo, que cada ano vai a máis. Estamos no 2014 e aos poucos días de comezar o ano xa arrancamos con mortes”.

Cartaz berros olladas

De Berros e Olladas“, unha exposición composta por tres series fotográficas e unha composición poética, que estará na Facultade de Medicina da capital galega entre o 17 de febreiro e o 7 de marzo, unindo catro formas de ver a problemática do maltrato. Quique móstranos a visión mais crúa no seu Bágoas de metal: “son bágoas que se cravan como metal, que doen. Son frías, non son bágoas de felicidade. É algo moi triste. Quixen xogar un pouco coas miradas, coas expresións, sen chegar ao dramatismo nin telecinquizar as fotos. Son fotos en branco e negro, moi contrastado, tons azuis fríos… cun dramatismo, pero sen chegar a facelas morbosas”. Á frialdade de Quique séguelle a visión de Isidro, na cal podemos ler unha historia en imaxes que o autor reflicte tamén nun poema de creación propia. Tratareite coma unha rosa chámase o foto-poema, no que cada verso correspóndese cunha imaxe. Con elas móstranos ese final do túnel, esa saída para unha muller que, presa desta violencia, logra liberarse. Tras Isidro chega o Mullerémonos de Marga, cuxo título foi prestado por Andrea, a creadora dos haikus de homónimo nome que acompañan ás fotografías. Con ela facemos un percorrido polos sentimentos no que o simbolismo é un elemento crucial, que personaliza estas obras. “Traballo con máscaras brancas, intentando sacarlle unha expresión que en principio non teñen”.

Marga P. Díaz e Isidro Cea durante a inauguración da exposición | ©Ada Seoane Alló

Marga P. Díaz e Isidro Cea durante a inauguración da exposición | ©Ada Seoane Alló

A repercusión que “De Berros e Olladas” está tendo, atópase preto da sorpresa para os artistas, xa que se trata dunha iniciativa autofinanciada: “está claro que é un tema moi impactante. Sabíamos que podía ter certa repercusión porque o maltrato está á porta da túa casa. Aínda así, este resultado non o esperábamos. Foi empezar a anunciar a exposición e que empezara a preguntar a xente como podían levala ao seu concello, preto da súa casa. Sorprendeunos porque acabamos de empezar o 2014 e xa temos parte do 2015 ocupado”, cóntanos Isidro cando falamos do achegamento que está tendo e vai ter “De Berros e Olladas” a tódolos recunchos de Galicia, e tamén fóra dela. Eiquí xorde inevitablemente a dúbida da implicación dos organismos públicos na iniciativa. “Hai concellos que se implican máis que outros- afirma Isidro-, a algúns non lles encaixa na súa programación, e temos que agradecer moito a concellos como no que imos estar o próximo mes, Vilagarcía, que se volcaron de tal xeito que ata catálogo da exposición van facer. Cando alguén se implica dese xeito quere dicir que lle interesa realmente. Pero bueno, esta é unha exposición autofinanciada, algo totalmente altruísta, non se cobra por ela. Hai concellos que se implican mogollón e outros que se limitan a deixarnos os lugares onde expoñer, que é o que nós realmente estamos pedindo”.  Se ben, preparar unha exposición deste calibre, con catro os artistas que a compoñan, supón un reto persoal e grupal moi grande. No plano persoal, a concepción da idea e a súa elaboración son o que máis esforzo conleva: “no meu caso- conta Isidro, especializado en fotografía de fantasía- buscar as modelos axeitadas, maquilladoras, localizacións e a edición das fotos tiran moito tempo”. Quique, que tamén traballa con modelos, cóntanos a súa perspectiva: “hai tempo que lle fixera unha foto a unha boa amiga en relación a este tema, esa foi a primeira foto en ser seleccionada. As outras fotos, tiña idea de dúas modelos das que me gustaba moito a súa expresividade. Plantexeilles a idea, gustoulles e foi moi sinxelo. O pouco que lles pedín déronmo”.  Marga marca a diferenza; ela traballa en interiores, sen modelos, con máscaras.

Aquí en Compostela, esta mirada á violencia de xénero vén da man de ME.I.GA. (Medicina Intercambios Galicia), a asociación de estudantes na que colaboran Violeta Quesada e Patricia López, quenes propuxeron achegar a exposición á Facultade de Medicina. Violeta cóntanos os motivos desta decisión: “consideramos que a medicina non é somentes abordar aos pacientes dende o ámbito médico, senón que queremos dar unha perspectiva máis psicolóxica. Eu coñecía a Andrea, lía poemas dela e sempre me gustaban moito. Logo entereime desto. Encantoume polo que dicían antes eles, non é algo morboso, que é o que estamos acostumados sempre a ver. Aborda tamén o que é o problema da violencia de xénero, non como un problema físico, senón como un problema psicolóxico que é o que realmente doe, non? E parecíanos moi importante traela especificamente aquí porque dende a atención primaria é onde se detectan moitísimos casos de maltrato. Por exemplo, aquí na facultade non temos ningunha asignatura na que se toque este tema. Igual se pode falar un pouco en psiquiatría, pero non existe unha formación para nós, e despois non se sabe tratar a esas persoas. Eu entendo que dende o punto de vista médico, estamos moi especializados, e un non pode saber de todo. Pero paréceme vital, reivindicar esa parte na formación universitaria”.

Rapazas fronte unha mostra do "Mullerémonos" de Marga P. Díaz | ©Ada Seoane Alló

Rapazas fronte unha mostra do “Mullerémonos” de Marga P. Díaz | ©Ada Seoane Alló

“De Berros e Olladas” rompe coa percepción desa dor e coa sensación que se ten ante a temática da violencia de xénero. Esa dor que nunca foi estritamente física, a dor dunha alma esmagada polo maltrato e o odio. Non se trata do ollo amoratado, senón dos sentimentos, da denuncia deses sentimentos de rabia, tristeza e medo ante a non-saída do pozo. A min- continúa Marga- dáme a sensación de que cando alguén ve anunciada unha exposición sobre a violencia de xénero, tíralle para atrás, algo así como non vou ver cousas agradables, e non se trata diso. Nós intentamos facelo dende outro punto de vista, algo moito máis estético, pero que che fai reflexionar e entrar un pouco no que é a problemática da violencia de xénero”. Quique opina que se levan unha agradable impresión, “cren que van a ver o típico golpe no ollo e encóntranse con que non, que sendo unha exposición de denuncia non é a típica foto amarillista”. Remata marga dicindo: “Son percorridos polos sentimentos e historias que se traspasan, das que se pode saír. Que si, que hai que loitar moitísimo, pero que se pode renacer sempre”.

Unha mostra do "Bágoas de metal" de Enrique González, o cal ao igual que Andrea Fdz. non puido asistir á inauguración | ©Ada Seoane Alló

Unha mostra do “Bágoas de metal” de Enrique González o cal, ao igual que Andrea Fdz., non puido asistir á inauguración | ©Ada Seoane Alló

A pesar disto, o problema non empeza nin remata na exposición, senón que esta reflicte a vida real, na que os cambios teñen que vir dados en dous planos: social e político. “No plano social parece que se está chegando ao punto de asimilalo como algo que sempre estivo, que sempre se calaba, porque en tódalas familias pasa de portas para dentro. É complicado cambiar ese chip. Dende o lado da política envíannos ás veces mensaxes contradictorias nas que parece que non interesa moito. No momento en que ti denuncias que na casa do lado hai ruídos, véñenche dicir que por que o fixeches se non pasa nada. Non pasa nada ata que un día…non abras a porta” explica Isidro. Marga pensa que “fálase dunha situación, pero logo non somos moi valentes á hora de actuar. A ninguén lle gusta implicarse directamente. Podes escoitar berros, pero unha vez que a cousa se calma é un:«xa pasará», e aí é onde deberíamos ser todos un pouco máis responsables, aínda que a ti non che estean maltratando directamente o feito de que estean maltratando a outra persoa e ti o saibas convérteche en cómplice”. 

Isidro Cea ao lado dalgunhas das súas obras dentro dese "Tratareite como unha rosa" | ©Ada Seoane Alló

Isidro Cea ao lado dalgunhas das súas obras dentro dese “Tratareite como unha rosa” | ©Ada Seoane Alló

Para Marga “estamos normalizando a situación”: E non é de estrañar dada a habitualidade coa que se tratan as noticias de maltrato e o ton que se emprega, sobre todo nos medios, os cales desfán a sensibilidade que a este tema lle corresponde.

Se ben, a problemática da violencia de xénero permanece na actualidade, “De Berros e Olladas” axuda a re-sensibilizar e poñerse na pel das mulleres que se atopan en situación de maltrato. Catro miradas que constrúen unha mesma visión. Catro miradas que fan reflexionar máis alá do artístico. Como afirmou o pintor alemán Paul Klee: “o arte non reproduce aquilo que é visible, senón que fai visible aquilo que non sempre o é”. En “De Berros e Olladas” o que se fai visible son as feridas da alma.