Som do Galpom: conquistando á Galinha de Troia
“A Galinha de Troia é por levalo ao terreo rural galego; os ratos que conquistan o galpón. Os ratos somos todos intentando recuperar a nosa vida como se a nosa vida fose a sociedade na que vivimos (ou a que sufrimos)”.
Así é como Gael e Brais, ou Som do Galpom, describen a portada do seu novo álbum, recentemente estreado na Sala Capitol, coa compaña de Anfibia, Quico Cadaval e Dj Mestre Pi. Segundo disco para estes dous irmáns. Gael á voz e Brais ao violín nesa mestura de rap, folk e funk, estilo que os caracteriza e que nun primeiro momento eles trataron de definir como funky reggae rap. “Rap tocado con instrumentos, rap orgánico”. “Galinha de Troia” súmase ao anterior “Em Terrä de Ninguém”, e Brais e Gael, xunto co seu guitarra Javi Miranda, decidiron apostar por unha promoción especial, tomando varias librerías como centro neurálxico onde tocar algúns dos temas en formato acústico e facer algunha que outra gravación. En Santiago, a elixida foi a Librería Couceiro.
Alí nos reencontramos, días despois da presentación na Capitol, no terceiro andar e con vistas á coñecida praza de Cervantes. “A viaxe comezou” foi o primeiro tema que tocaron, incluído nesa “Galinha de Troia”, un tema que anima a poñerse en pé e romper coa rutina; ao que lle seguiron tres dun estilo mais reivindicativo, “Morro por fora”, “Inconforme” e “A piques de estoupar”, este último estreado cun videoclip hai uns meses. Remataron coa interpretación de “Antes de pequeno”, canción que abre o seu anterior disco e que puxo a nota final a esta posta en escea.
Na “Galinha de Troia” estrean colaboración cunha voz feminina, e a elixida foi a cantora e compositora galego-palestina Najla Shami. Eles contan que levaban bastante tempo coa idea de incluír unha voz feminina: “Nunha sesión na Borriquita (de Belén), Najla cantaba unha canción en brasileiro perfecto, despois resulta que para a nosa sorpresa era galega, entón propuxémoslle esta colaboración e ela aceptou e cremos que foi un gran acerto porque é unha grande artista e mellor persoa”. Najla participa dúas veces neste álbum, en “Imaxina” e aos coros na romántica “Vida Minha”.
A creación deste disco -producido por Javier Abreu- foi moi especial, non só polo tempo que o grupo lle adicou senón que, como contan, cada tema foi tratado individualmente. Novos sons que se desmarcan un pouco da liña de “Em Terrä de Ninguém”, deixando algo atrás os toques reggae e facendo emerxer o folk; letras mais profundas se cadra. Mais, cando se fala de influencias, Gael e Brais desvincúlanse dese término: “As influencias non son tales, nós falaríamos de referencias. Cando nos poñemos a construír cancións escapamos diso, intentamos ser orixinais. Non hai unha translación directa entre a música que facemos e a que escoitamos”. E unha desas referencias son os padriños Zënzar, aos que Som do Galpom lles rende homenaxe versionando o tema “O Informal”, incluído tamén nesta “Galinha de Troia”.
Os irmáns, que contan cun percorrido de case dez anos na música, botan de menos que na industria cultural galega non exista unha industria da música como tal: “Moitos músicos -referido aos músicos que tocan en grupos e que queren vivir só da música- están vivindo de tocar nas orquestras, que son versións e moitas veces bases e playback. Cremos que tanto a música, como a escultura, a pintura e calquera outra arte deben ser rentables de por si, sen depender de subvencións do Estado”.
Mentres tanto, a “Galinha de Troia” seguirá conquistando as salas de concertos galegas nos vindeiros meses.