Paul Kalkbrenner dá esperanzas a Galicia para o 2014
Se a derradeira semana de 2013 remataba co concerto de Sasse en Vigo, directamente chegado dende a Weekend de Berlín para axitar a sala Playmobil cunha sesión de estroboscopia e delirios sonoros que durou catro horas e media, o ano 2014 botaría a andar co mesmísimo Paul Kalkbrenner en Ordes. Dous acontecementos no que algúns queremos albiscar un punto de inflexión nun panorama de música electrónica afeito ós extremos e estigmatizado precisamente pola radicalización duns xéneros que se remiten a pouco máis que ós coches tuneados na entrada dunha discoteca que máis ben semella unha pista de esquí e a un feixe de gomina coroando un chándal brillante.
Foron dous concertos que en menos de tres días nos achegaron un chisquiño máis a uns sons minimal e progressive que un par de países máis ó norte xa se teñen por outro xénero de música máis ó que respectar, alimentar, investigar e escoitar ata polas mañás (despois e non antes de erguerse, no seu caso).
Habida conta do carácter máis alternativo das propostas da sala viguesa, o caso de Kalkbrenner resulta máis significativo, fundamentalmente pola súa magnitude. O alemán de nome impronunciable, trompetista na infancia e consumidor de afters na adolescencia, recuperou o ímpeto nocturno co que pariu o seu Berlin Calling para dar as badaladas en Roma, subirse a un avión e ver o amencer galego cunha sesión de hora e media, rematando a farra o día 1 no Winter Festival de Madrid. Xa fixera algunha aproximación a España (país que, en teoría detesta), con aparicións no Sónar de hípster-landia (Barna, coma eles lle chaman) e Huesca, pero a oportunidade máis accesible para os galegos chegaría coa súa actuación no Neopop de Viana do Castelo en Portugal, o pasado mes de agosto. Con todo é este outro eido máis no que Portugal lle toma vantaxe ó país veciño, e os seus certames electrónicos adoitan propor alternativas moi secundadas malia a súa pouca repercusión mediática: hai xa catro anos que Kalkbrenner inauguraba o mesmo festival.
E é que, de feito, sendo realistas, o concerto do alemán en Ordes chega nun momento un tanto confuso, xa que a súa música semella ter sucumbido, tras os álbums de Zeit, Self e o grandioso Icke Wieder, a unha mala racha acompañada e/ou propiciada por unha produción desmedida e unhas axendas demasiado ambiciosas para presentar o Berlin Calling e o Guten Tag. Se este cambio de tendencia dos gustos galegos non se pode confirmar é, en grande medida, porque se antolla que a súa contratación non se debeu máis que a unha aposta segura por quen está arrasando en publicidade, vendendo millóns de discos e máis entradas se cabe, que por unha tentativa de dar un xiro ós hábitos nocturnos galegos.
Se ben Sasse chegou a Vigo para traer un son moitísimo máis “cru”, como el mesmo o define tras un proceso de “limpeza” que lle levou anos, Kalkbrenner chegou a Ordes cunha sesión na que semellaba ter esquecido as pausas, matices e sutilezas deses tres primeiros álbums (que posiblemente inspirasen ó propio Sasse na lisérxica atmosfera berlinesa) para desafogarse coa velocidade do Berlin Calling e o Guten tag. O trepidante e incomprensible daqueles tres discos (e de partes do Berlin Calling, para que negalo), esa especie de escuridade nostálxica dunhas cancións que só se entenden ó escoitalas coma conxunto, dilúese agora nunha exaltación da noite (o “Bos Días” que dá nome ó disco antóllase máis un lamento dun desfasado almorzando un kebab que o saúdo dun madrugador puro) e unhas dinámicas totalmente encamiñadas a facer rebentar ó público cara un final que, iso si, se permite o luxo de rematar coa delicadeza de “Sky and Sand” ou “Aaron”.
En calquera caso, si resulta alentador que o elixido para esta exaltación fora o calvo de Leipzig e non outras estrelas coma David Guetta ou Carl Cox, moito máis aburridas e repetidas. A cuestión está agora en se se afondará con maior interese e coidado na obra de músicos coma Paul Kalkbrenner e nas súas consecuencias (pódese dicir que inaugura un xénero no que adentrarse con Sasse, mesmamente) ou se estas dúas figuras chegadas dende a capital alemá non son máis ca unha excepción e un camiño cortado cara unha oferta de música electrónica máis civilizada, respectada e accesible.
A cuestión está agora en se se afondará con maior interese e coidado na obra de músicos coma Paul Kalkbrenner e nas súas consecuencias ou se estas dúas figuras non son máis ca unha excepción e un camiño cortado cara unha oferta de música electrónica máis civilizada, respectada e accesible.