Loiro: “Soño con que algún xornal publique as miñas viñetas”

Loiro agasallounos cun par de debuxos | © Loiro
Por sorpresa, coma as mellores cousas da vida, aparecía no meu Facebook hai meses unha viñeta cómica cun chiste tan simple que non souben se rir ou chorar. Sen dubidalo, comecei a seguir a páxina de onde proviña tan enxebre humor. Dende esa ata hoxe todos os días tiven a miña dose diaria de risos internos e, en ocasións, tamén externos… e iso que son un tipo duro! Ás veces o simple é o máis efectivo. O culpable de todo isto? Loiro, un viñetista e ilustrador de Esgos que ten o seu popular “alter ego” en papel (ou en píxeles, mellor dito).
Loiro agasállanos a diario dende hai xa máis de dous anos cunha divertida tira cómica sen pedir nada a cambio nin recibir un peso. E aínda que aquí nos vamos centrar nesas viñetas de Loiro, puideramos ter abarcado moitas máis cousas das levadas a cabo por un ilustrador tan activo coma el. Coñecedor da súa terra, defende a tradición local no fanzine Pressgos, onde tamén fala de curiosidades da vila, fai entrevistas e publica as aventuras de “The Outlaw“, unha serie de historietas onde se relatan as aventuras dun rapaz con non moitas luces que busca abrirse paso polo salvaxe oeste. Outros dos seus proxectos son “Wolfboy” (banda deseñada con inpiracións no famoso lobishome Romasanta, tamén orixinal de Esgos) ou “The Killer Zombie“, proxecto no que aínda está a traballar. Fixo, ademais, pequenos traballos puntuais como o deseño do CD “Tira do Peito” ou carteis e camisetas.
Cóntanos, quen é Loiro?
Nacín o 17 de abril de 1989 e non fumo, non bebo e non tomo drogas. Ademais de debuxar, encántame o deporte e a música. Precisamente, o reto de comezar coa viñeta diaria naceu o día despois do último ascenso do celta: tomei a decisión en Vigo, en Praza América, celebrándoo. Escoito dende cousas como o grunge, o punk ou o metal ata o folk, o country ou a Jean-Michel Jarre. Por último, e como habitante da Ribeira Sacra, reivindico que isto debe ser patrimonio da humanidade!
Outra pregunta fácil: estudas ou traballas?
Agora mesmo ando facendo o proxecto final do ciclo que estudei: deseño gráfico (ou design gráfico, como din que é máis correcto chamarlle).
Pódese saber por onde van os tiros dese proxecto ou é confidencial?
Algo supoño que se pode contar… simplemente é crear a imaxe, e demais aplicacións, para un grupo horror punk. Xa sabes, pelis de serie b, terror, ciencia ficción e demais, pero todo pasado por un filtro retranqueiro galego. A mestura será explosiva, só agardo que non me estoupe nas mans!
Xenial, pois moita sorte. A que aspiras agora que vas rematar os estudos? Cal sería a profesión dos teus soños?
Pois aspiracións e soños… persoalmente, en lugar de marcarme unha meta ou obxectivo final sempre fun máis de ir vendo por onde me levará todo isto que fago. Cando comecei a estudar deseño era simplemente porque era algo que podía ir comigo e que aínda por riba o tiña na miña cidade. A raíz diso comecei co das viñetas esporádicas de Loiro, que se converteron en algo diario e que non para de medrar… ata me están entrevistando! Cando comezaba, isto nin o imaxinaba… foi dándose todo paso a paso, sen pensalo tan sequera. Para contestarche, o próximo paso co que soño é que algún diario, periódico ou así publicara as miñas viñetas… iso sería o máximo!
Coa constancia que demostras, merécelo. O certo é que hai que ter moito xenio para aguantar o ritmo de publicación que levas. Hai algo en concreto que che axude a seguir a diario co proxecto? Nunca pensaches en poñerlle punto e final?
Algo que me axude? Pois todo! O bo de verte “obrigado” a facer un chiste diario é que lle prestas atención a todo, porque de calquera cousa pode saír unha boa idea. Hai algo no que pensaba hai uns días: estamos ante un bombardeo constante de malas noticias, todo se está volvendo cada vez máis pesimista. Ao facer a viñeta diaria, en ocasións relacionadas coa “noticia do día”, fai que en certa medida eu poda sacarme un sorriso entre tanta porquería. E se alguén a parte de min tamén se ri, a cousa xa é ideal. Sendo así, o de pórlle punto e final nin se me pasa pola cabeza!
O próximo paso co que soño é que algún diario, periódico ou así
publicara as miñas viñetas… iso sería o máximo!
Iso é todo unha alegría para os que te seguimos, sen dúbida! Pero cóntanos algo máis de Loiro: quen é exactamente? Por que ese alcume? E, o máis importante, o seu pelo é natural ou tinguido?
Vou deixar de lado a poesía e falar claramente. Loiro nace porque a persoa que decidiu crealo era demasiado vaga como para pórse a crear un personaxe como deus manda. Loiro é o que se ve: un pelo loiro (natural, isto debe quedar claro), unido a dous coloretes e a unhas ideas un tanto absurdas. É fácil dicir que Loiro conta chistes malos… pero no fondo faivos gracia, sede sinceros!! O do alcume ten a súa ciencia: coincidían xenial as dúas “O” para representar os coloretes.
Entendo. Aí vai outra: debuxas con música? Que soa cando traballas nalgún deseño ou viñeta?
Sempre escoito música. E teño algo máis que dicir: cando Loiro sae cunha camiseta dun grupo ou o título dalgunha canción é porque eu estaba escoitando precisamente iso.
Carai, ben curioso. Fálanos máis polo miúdo do que supón para ti o proceso de debuxado. Lembro que ó principio as viñetas eran en blanco e negro, pero agora xa son a color.
É a cousa máis simple que podas imaxinar: debuxo a lapis, repaso en boli negro, borro o lapis, coloreo, escaneo e súboa, tal cal queda. É sempre así, salvo en casos moi contados nos que queira meter unha foto real, que nese caso xa tiro de photoshop. Todo feito na miña habitación, con música ou co “Galicia por diante” de fondo (risas). Cando o asunto me pilla fóra, realizo o que é a parte a lapis e logo na casa fago o resto…
O tema de que ao principio foran en branco e negro e agora a cor é algo que simplemente se veu dando. Cando comecei estaba moi de moda o tema “Sin City” (branco e negro con toquiños de vermello alí e alá). Comecei a colorear esporádicamente, tipo: “ei, mañá é a viñeta número 300, farei algo distinto”. O malo é que unha vez feita unha a cor, volver ao branco e negro parecía moi cutre. Pouco a pouco fun chegando ao de hoxe: a toda cor. O tema da evolución esta faime gracia porque un día unha amiga, Elena, díxome que as primeiras viñetas de Loiro parecían os primeiros capítulos dos Simpsons. A verdade é que véndoas hoxe danme ganas de redebuxar algunha. Todo foi mellorando a base de incorporar cousas novas… teño curiosidade por saber que será o seguinte!
Canto tardas aproximadamente en debuxar cada viñeta?
Non quixera responder cun depende pero é que depende. Hai ocasións en que tes o chiste moi claro e simplemente é plasmalo. Noutros casos tes claro como vai ser o debuxo pero non o diálogo entre os personaxes ou incluso tes claro o diálogo pero non sabes como representalo de forma clara. Normalmente en cousa dunha horiña está o proceso rematado. A temática sobre a que tratará xa está pensada, só falta darlle forma no papel, e iso faise relativamente rápido. Logo súmalle o tempo da subida a internet, que xa depende da conexión de cada un… (risas)

Non só de viñetas vive o Rubio. Tamén ten unhas camisetas que son a repanocha | © Loiro
Entendo. Volvendo ao Loiro debuxante, hai unha dúbida que me come por dentro: os viñetistas ligan moito ou non é considerada unha profesión sexy?
Tu imaxina a escena: entras nunha cafetería cun caderno, en plan misterioso. Pides un café. Séntaste ao lado dunha rapaza. Abres o caderno, colles un lapis e poste a debuxar. Á rapaza comeza a chamarlle a atención o bohemio da situación… ata aquí iría todo ben. Agora imaxina que quere ver o que fas e coincide que estas facendo un chiste como: “- Hai que reforestar – Si, eu xa planto un pino tódolos días…”. Así que, contestando á túa pregunta, creo que ligan máis os poetas, pero non hai queixa. (risas)
Poñámonos un pouco máis serios: cales pensas que son os principais problemas ós que se enfrontan os deseñadores e ilustradores noveis coma ti?
O principal problema que vexo é o desprestixio ao que se ven sometidos boa parte destes deseñadores. Moitos ven cortada a súa creatividade. Todo este trato e pouca consideración levan á falta do máis importante: a motivación.
A que te refires exactamente co “desprestixio”? Quen os somete?
Refírome a que se toma todo este traballo como algo menor… non falo de min porque non me dedico a isto profesionalmente, pero coñecemos casos de deseñadores que dedican moito tempo e esforzo nun traballo que logo ven modificado sen tan sequera ser consultados. Todo isto lévame á desmotivación.
Estou de acordo en que ás veces tómase en demasiada pouca consideración un traballo tan importante coma o voso. Xa que falamos doutros compañeiros de gremio, a quen admiras dentro dese “mundillo”?
Admiro por riba de calquera outro a Xosé Lois e o seu Carrabouxo: eses xogos de palabras e o claro que é facéndoo todo tan simple! É todo un exemplo. Leva, creo que son, 30 anos publicando! Eu levo 600 días e xa flipo! Creou un personaxe icónico e importante para Ourense, e ten o recoñecemento da súa cidade. Non se pode pedir máis!

Outro dos traballos de Loiro: Pressgos, o fanzine do seu concello | © Loiro
Ademais del, Davila paréceme xenial. A forma de debuxar rostros de Mel paréceme incrible, e o traballo de Kiko da Silva co mundo da banda deseñada en xeral e digno de alabanza… tódolos días rezo por un novo número da Retranca!! Ah, e como non, as Cousas da vida de Castelao… representa tanto que non sabía por onde comezar! Tamén Xosé Antón. Ten viñetas retranqueiras moi boas!!
Outras das persoas ás que admiro son Stephan Doitschinoff e, moi importante, Jesse Higman, un artista estadounidense que é todo un exemplo de superación. Xa non tanto no referido ao mundillo este, tamén sinto devoción por Clint Estwood, Layne Staley, Rob Zombie ou Andreas Kisser.
De quen che gustaría recibir unha encarga e para quen non che gustaría nunca traballar?
Se te refires ao tema viñetas, pois como che dicía, creo que o seguinte paso que me fliparía sería que algún diario publicara as miñas viñetas. Se algún me chamara mañá comezaría a dar choutos e non sei se pararía!! E de quen non? Pois de alguén que non respectara as miñas ideas e tratara de que eu simplemente me limitara a representar as súas.
Moitos deseñadores e ilustradores ven cortada a súa creatividade. O mal trato trato e a pouca consideración levan á falta do máis importante: a motivación
Cambiando algo de tema, disque hai quen te viu agarrado a algún instrumento…
Si señor, a música é o máis grande! Toco a guitarra nun par de grupos: un deles é Stormseeds, un grupo de stoner/grunge. O outro é a banda de culto Pataca Podre: agro punk cutre e rancio pero moi divertido. Temos o pueblo atormentado!!
Con isto pasamos á última parte da entrevista. Rógoche sinceridade. Completa as frases seguintes:
Outros dos nome barallados para o personaxe Loiro foron…
Loiro, Loiro e Loiro. Non houbo tempo a barallar máis.

A música é unha das maiores afeccións do Loiro “real” | © Loiro
A miña obra pictórica (ilustración, cómic, cadro, debuxo, etc.) favorita é…
Aquí vou tirar de patriota e direi “O Recordo das Xoias”, de Ramón Parada Justel.
O meu disco favorito é…
“Dirt” de Alice in Chains.
E a miña peli favorita…
“Top Secret”.
Non hai cousa que máis me amole que…
O público de “La Ruleta de la Suerte”.
Do mesmo xeito, non hai nada que me guste máis que…
Cando remata “La Ruleta de la Suerte”, que alivio!
O último capricho “gordo” que me permitín foi…
A guitarra coa que toco en Pataca Podre, unha Jackson.
O prato que mellor cociño é…
Sempre me din que fago un leite fervido espectacular.
Justin Bieber é un tío…
Baby, baby, oooh baby!
Pola contra, Miley Cyrus paréceme…
Que pasou de ser Hanna Montana a querer ser Hanna “montada”.
O meu grupo sanguíneo é…
Isto… é un grupo que… ejem… nin puta idea.
Somos de Esgos, non somos modernos. Lembro que…
Houbo un tempo no que non había teléfono… e hoxe ata chegou o feisbuk! Grande Gran Purismo.
Con un seis y un cuatro…
De media un 5. Caralludo, firmo xa!
No Candy Crush xa vou no nivel…
CERO! En serio, non xogo.
Cando Loiro chegue aos 1000 ‘gústames’…
Esta é boa… tan boa que non se me ocorre nada. Pero algo grande farei.
Xa para rematar, queres mandar algún saúdo? Estas últimas liñas son para ti…
Si, vou mandar uns saúdos especiais: aos amigos do San Roque And Roll de Tioira, pola labor que fan polo mundo do rocanrol. A Paula, a Alba, a Sentonio, e especialmente a Bea, que son os que máis comparten as miñas viñetas. A Elena, á que se lle debe que me comezaran a chamar Loiro. Aos meus compañeiros de Pataca Podre e Stormseeds. A ti, Miguel, e a Lau polo debuxo do que sabedes que falo. Como non, a todos os seguidores de Loiro, que gracias a eles continuo con isto. E por ultimo aos lectores, colaboradores e creadores de Compostimes… sodes grandes!
Podes ver moitísimas máis viñetas e facerte fan entra no Facebook de Loiro.