As pantasmas deciden en Dinamarca

Todos falan delas, pero ninguén se atreve a crer. Sempre tentamos evitalas, aínda que acaben aparecendo no momento menos pensando. Non son demoledoras, pero acaban por facer dano nos días clave. Son pequenas, silenciosas e poden chegar a decidir un Campionato de Europa por pequenos detalles.

España, Dinamarca e Crocia repetiron os erros do pasado. Mentres, Francia demostrou porque é a mellor selección da historia do balonmán

A España aparecéronlle as pantasmas en semifinais, para recordarlle que Francia sempre é superior nos partidos igualados que se deciden por poucos goles. Como pasou en Londres, cun gol nun rexeite, e como pasou en Herning polas perdas de balón e os erros dos hispanos nas superioridades. E Dinamarca, a anfitrioa, topouse de golpe con todos os seus medos tras outro mal arranque que lle custou unha medalla de ouro na súa casa. Mentres as dúas pelexaban cas pantasmas, Francia demostraba porque é a mellor selección da historia do balonmán. Un equipo para a eternidade.

J. Fernández levanta o trofeo de campións - ©RTVE.es

J. Fernández levanta o trofeo de campións – ©RTVE.es

Non foi o Europeo de España dende o comezo. A baixa de Sterbik, ou a ausencia de Julen Aguinagalde nos primeiros encontros foron mostras diso, pero Manolo Cadenas conseguiu atopar o norte dun equipo que tiña moito que demostrar tralo ouro de Barcelona. España firmou un torneo irregular, con firmeza defensiva pero con problemas á hora de anotar con facilidade. Os altibaixos nos partidos foron unha constante, e sen dúbida pesaron demasiado nas semifinais ante Francia. Porén, os hispanos lograron apuntarse un bronce meritorio ante unha Croacia demasiado cansada por un torneo cargado de esforzos en poucos días. Bronce e notable alto para o equipo de Cadenas, que volveu a demostrar que cando a calidade non chega sempre se pode tirar de garra e corazón.

Dúas semanas de balonmán extenuante serviron para coroar a Francia. Non son os Europeos máis sinxelos que os Mundiais neste deporte, senón todo o contrario. Os rivais polos metais acostuman a ser os mesmos, pero na primeira fase non existen os encontros tranquilos. No Mundial de España houbo partidos para deixarse ir, pero en Dinamarca houbo que competir dende o primeiro ata o último día.  Herning será outras das cidades que Jerome Fernández recorde con cariño. Alí, o capitán francés, levantou a súa oitava copa dende 2001. Unha época dourada, que se acentuou dende os Xogos Olímpicos de Pekín. Dende aí, só se baixaron do chanzo máis alto do caixón no Europeo de Serbia e no Mundial de España. Uns erros que a prensa francesa catalogou como un fin de ciclo, pero que non foron máis que un pequeno borrón na traxectoria dun equipo para a historia.

Bronce e notable alto para España, que volveu a demostrar que cando a calidade non chega sempre se pode tirar de garra e corazón. Cadenas recolleu o legado de Valero Rivera cunha boa xestión do equipo

Duro final para Dinamarca, que de novo caiu derrotada nunha final ás primeiras de cambio. Pasoulle no Sant Jordi, e volveulle a pasar ante 14.000 almas danesas que esperaban celebrar unha medalla de ouro na casa. Todo apuntaba a unha final igualada, pero como hai un ano a final durou quince minutos, os que tardou Dinamarca en comparecer no parqué. Un novo arranque demoledor, neste caso de Francia, acabou cuns locais que mostraron as mesmas carencias nos partidos importantes que en Barcelona. Os nervios atenazaron ao ataque, e en defensa non foron capaces de parar ó furacán “bleu”. Partido excelso do ataque francés, que recordou aos mellores tempos desta selección. E nova decepción de Niklas Lundin, cun nivel de escándalo durante todo o torneo pero incapaz de pechar a portería no partido decisivo.

Viran Morros e Joan Cañellas celebran o bronce español - ©RTVE.es

Viran Morros e Joan Cañellas celebran o bronce español – ©RTVE.es

Rematou o torneo con Karabatic como MVP e con Joan Cañellas como máximo goleador. O lateral do Hamburgo demostrou ser o líder da selección e estivo ao nivel dos grandes do torneo como Hansen, Duvnjak ou o propio Karabatic. Porén, o español non foi seleccionado no sete ideal. Un equipo ideal no que si que entrou Aguinagalde, a pesar de non disputar os catro primeiros encontros, pero que non incluíu a Karabatic, o MVP do torneo. Unha decisión que quería contentar a todos, pero que non contentou a ninguén.

Karabatic foi o MVP e Cañellas o máximo goleador. Inexplicablemente, ningún dos dous foi incluído no sete ideal

O que si que contentou foi o espectáculo do Campionato de Europa. Outro gran torneo no que os hispanos volveron a estar entre os mellores, a pesar da delicada situación deste deporte no noso país, o que supón un mérito enorme. O ouro de Barcelona foi desaproveitado por unha federación que estaba demasiado ocupada coas súas eleccións. Só o tempo dirá se o bronce de Dinamarca utilízase da forma correcta, algo necesario para mellorar a saúde dunha Liga Asobal que hai tempo que se atopa na UVI.